Caderno Dixital de Antón Tenreiro |
|
Caderno digital de Antón de Guizán . |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
SAMEDE, O ENTROIDO DO NORTE |
|
Pasado o Martes de Entroido, na nosa comarca aínda esta celebración pagana aínda ten a súa cita máis importante o domingo día 1 de marzo nun pequeno lugar da parroquia de San Xulián de Vigo, no concello de Paderne. Alí, foron quen de recuperar un entroido ancestral desaparecido aló polos anos 60 do pasado século e poñer en valor esta recuperación tamén a través dunha publicación da inqueda loitadora Emi Cagiao, principal impulsora deste movimento capaz de revolucionar non só este pequeno lugar senón tamén de levar esta manifestación patrimonial por todo o estado e mesmo a algún país europeo. Cando falamos de entroidos tradicionaias sempre recurrimos a exemplos localizados na provincia de Ourense, aínda que nos últimos anos se teñen sumado algúns moi importantes da provincia de Lugo como é o caso do Moredo en Chantada. Samede é unha feliz nova da que aínda non se teñen dado por aludidas algunhas institucións como os concellos de Paderne ou Betanzos cando o seu valor está a ser recoñecido mesmo polo Museo do Pobo Galego, que lles ten adicado unha xornada nos pasados días. Son como sempre, entidades veciñais e culturais ou algún centro de ensino as que apoian e saúdan este importante fito do noso patrimonio inmaterial, coa organización de diversas actividades nas que SAMEDE é protagonista nesta época do ano. O valor antropolóxico e histórico, o potencial identitario e mesmo turístico é ignorado polas institucións da comarca e ten que ser a sociedade civil a través da veciñanza de Samede, amig@s e mesmo a implicación d@s máis vell@s que viviron os últimos tempos daquel anttoido quenes dean leccións de amor pola nosa tradición popular.
Traxes, máscaras, costumes e mesmo danzas únicas como a muíñeira cruzada, son aportacións que van máis aló da festa, adéntran-se na investigación do noso pasado e polo tanto de onde vimos e do que somos. Samede é neste intre a referéncia doa antepidos tradicionais galegos do norte. A súa recuperación trascende o ámbito local e debe ser entendido (e atendido) como un antroido da tradición popular comarcal pero tamén dentro dos diversos e ricos anteoidos do país, de todos.
O próximo domingo, día 1 de marzo, temos unha cita en Samede para apoiar e disfrutar do Entroido de Samede xa que a Asociación creada para este importante Entroido ten un amplo programa para amosar o seu traballo nunha agradábel xornada festiva. Alí estaremos!! |
|
|
|
OS CANEIROS DO NORTE |
|
Infesta de Betanzos, coñecida tamén como O Norte pola situación da "estación do norte" do ferrocarril, viveu tempos mellores nos que arredor da actividade ferroviaria, o lugar fervía de vida. O tren empregaba xente e asentaba poboación, negócios e vivendas. Co declive da estación, con apenas frecuéncias e cada día menos actividade, os negócios foron pechando, moitas vivendas quedaron baleiras e os poboadores foron envellecendo. A opulencia de tempos pasados foi mudando a unha imaxe que ben podería lembrar un filme americano da depresión. Até a actividade fabril que queda é de dúas industrias contaminantes (a madeireira HB e a peste do Matadoiro de Montellos). O esquecemento institucional contribúe tamén á sensación de mera supervivencia dun lugar noutrora cheo de vida. É por iso que calquera nova empresa, calquera nova actividade social, supoña un importante feito no lugar, máis aínda si de xente nova se trata.
Hai poucos días, un novo negócio abría as súas portas no Camiño Real de Infesta con un nome que forma parte da história máis popular de Betanzos, OS CANEIROS. Nerea e Jesús, dous rapaces novos, abordan con valentía e ilusión un proxecto que vai máis aló dun mesón, porque ademáis de ofrecer unha variada carta de productos (todos do país), menús do día, parrillada e a súa simpatía e agarimo, o seu negócio supón tamén unha inxección de ar fresco e lugar de relación social no corazón da parróquia, nun ambiente familiar.
Coa experimentada Toñi nos fogóns da cociña, as potaxes teñen a garantía do sabor do xantar feito a lume lento, como antes, e a chimeneia do comedor no inverno ou a terraza no verán, axudarán a ter unha estancia cálida en calquera época do ano. Os que aquí vivimos agradecemos esta apertura e convidamos á xente de fóra a visitarnos, no Camiño Real de Infesta, a carón da estación do Norte. Os Caneiros do Norte son a nosa romaría particular. Longa vida e éxito para eles porque si lles vai ben, será bó para O Norte. |
|
|
|
A casa escola habaneira de Vilapedre |
|
No pasado nadal andiven a ver a Casa Escola Habaneira da parróquia de San Mamede de Vilapedre, no Carballal, un edificio de dúas plantas de forma rectangular, construído en cachotaría, sobre unha plataforma ou zócolo para solucionar o desnivel do terreo. Os esquinais, o zócolo, os remarques en resalte das fiestras e as portas son de cantaría. O interior estaba feito en madeira e a cuberta é a típica da zona, de lousa de catro augas en roda.
Na fachada principal predomina a sensación de horizontalidade e simetría debido ás fiestras e ás cornixas en resalte que separan os dous andares; destaca sobre a porta principal unha balconada de reixa con motivos vexetais.
Na planta baixa estaba unha aula mixta e no primeiro andar a vivenda do mestre/a.
Esta escola foi construída pola Sociedad Agraria y de Instrucción e garda moitas semallanzas con outras escolas indianas da zona como as de Lanzós ou San Simón. Cumpreu 100 anos en 2018 e foi restaurada polos veciños con algún apoio institucional. Membros da directiva da Asociación de Veciños explicabanme que a Casa Escola se ten convertido na referencia da actividade social desa pequena parróquia chairega en habitantes pero grande en extensión, con xuntanzas e actividades semanais de diversa natureza. O mesmo ten acontecido en Lanzós coa súa que fixo os 100 anos en 1013 e que desde aquela þen acondicionado tamén a planta superior. Ambalas dúas e a fantástica escola de Santaballa, son exemplks de dinamización do rural entre outras ademáis de recuperar o noso património e darlle vida. Nos Vilares contamos con unha fermosa Escola do ano 1923 que se atopa en bó estado pero que precisa dunhas melloras integrais, a mellor maneira de honrar aos emigrantes que a promoveron de cara ao seu Centenário e de dinamizar a vida dunha parróquia, que como tantas vai avanzando no camiño do despoboamento. Parabéns a Vilapedre e a tódalas parróquias que recuperan as casas indianas e as enchen de vida para a xente. Os Vilares, segunda parróquia en habitantes de Guitiriz, merece un centro social dinámico na Escola Habaneira da Conchada; temos espellos onde mirar e un reto cara a 2023 como fixeron outras cos seus centenários como horizonte... e Vilapedre é o exemplo máis recente do que sentirnos orgullos@s.
*Artigo para o suplemento A Chaira de El Progreso |
|
|
|
|
|