de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN LUSTRO DE POESÍA GUITIRICA

Pasaron cinco anos dende aquel 3 de outubro de 2015 no que se homenaxeaba a Díaz Castro na igrexa dos Vilares polo 25 cabodano do seu pasamento xuntando a oito poetas de Guitiriz baixo o paraugas do nome do acto de homenaxe ao bardo: “Afillad@s de Pepe”.

Alí, previo ao recital poético fixeron uso da palabra a daquela alcaldesa Regina Polín, Xulio Xiz, man Castro, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, que nun fermoso manifesto deu nome a aquel grupo: Nova Poesía Guitirica NPG.

Aquel pequeno grupo poético de mozas e mozos de Guitiriz que se tiña xuntado para un único acto, consolidouse nestes anos como unha agrupación poética de referencia en Galiza, promovendo e participando en recitais e actos poéticos, impulsando actividades e certames, e impulsndo publicacións dixitis e físicas e ten medrado na súa composición até acadar 30 componentes dos máis variados estilos poéticos ademáis de ter sumado tamén artistas da música e das artes plásticas. Nomes referenciais da poesía como María Xosé Lamas, Miguel Barrera, Luz Campello, André da Ponte ou Luz Darriba conviven con outros menos coñecidos nun colectivo que é referencial no país entre outras agrupacións poéticas de base coas que estableceron lazos de colaboración.

A NPG foi quen nestes cinco anos de manter viva a chama poética de Díaz Castro en e a imaxe de Guitiriz en Galiza como concello poético evitando así a tendencia de esquecemento no lugar de orixe de moitos homenaxeados das Letras Galegas que pasado o seu ano, pasaron ao esquecemento.

A Nova Poesía Guitirica anuncia agora a celebración o 12 e 13 de xuño de 2021 do I FESTIVAL DE POESÍA GUITIRICA, que sumado á revitalización do Prémio Díaz Castro de poesía que se pretende dende o goberno local, colocará novamente a Díaz Castro e a Guitiriz a través da poesía no epicentro literario galego cda segunda fin de semana de xuño no noso país e mesmo fóra. Longa vida á poesía guitirica!

*Para o suplemento A Chaira de El Progreso.
Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2020 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
LAREIRA DE SOÑOS

#Lareiradesoños, o livro de Pas Veres co DVD #Entraraosvilares, de Cibrán Tenreiro, está ja na imprensa. Sairá publicado a finais deste mês.
A agardada publicação , froito dum trabalho de recolhida, investigação e experiências próprias da autora, com arredor de 200 fotografías, história , histórias , anedotas , poesía...e co limiar do mestre jornalista Man Castro, originário dos Vilares, e a supervisão linguística da Guitirica Socorro Vázquez e coa axuda de numeros@s vecinh@s e amig@s, sairá á luz co impulso de Os Vilares lareira de soños e a colaboração da Dirección Xeral de Política Linguística da Xunta de Galicia, a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Guitiriz e GADIS, editado por Edicións Fervenza. Si o COVID o permite, teremos a primeira presentação pública en Guitiriz en datas que se anunciarám proximamente. Uma apresentação necessária da parróquia de Díaz Castro, Guitiriz, a Chaira e o rural galego todo. Ja comenzou a conta atrás para leelo!
Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2020 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
OS LIBROS E OS LUGARES

Todos os lugares teñen unha historia e moitas historias que contar, e na Terra Chá, son moitas as probas desas historias e história recollidas en publicacións que que rescatan interesantes testemuñas da memoria para que non se perdan no tempo. Coñezo algunhas delas ben por propio interese documental ou ben por relación directa con autores deses traballos. Cando un concello pequeno conta con un ou máis autores que adicaron o seu esforzo a recoller e divulgar partes da súa historia, etnografía, patrimonio material ou inmaterial, pode sentirse afortunado. no caso de Guitiriz, hai tres exemplos destacados, CRUCEIROS DE GUITIRIZ de Fernando Arribas e José Manuel Blanco (1999), TRAS LAS HUELLAS DE LA CULTURA Y DEL MEDIO NATURAL DE GUITIRIZ de Jenaro Pérez e Yasmina Seijas (2005) e O CONCELLO DE GUITIRIZ de Aurora Gay Méndez (1995). No 2017, Carlos Meixide ten publicado tamén un traballo de ficción, GUITIRIZ. Si estes traballos supoñen unha fortuna para calquera concello, cando se fan arredor dunha parroquia, a aportación é si cadra moito máis importante por ser moito máis concreta e local. Así, hai exemplos na parroquias vilalbesas de Lanzós con OS ESPAZOS DA MEMORIA de Sabela Figueira (2005), ou AS TRECE CAPELAS DE SAN SIMÓN DA COSTA de Sabela Figueira e Carme Pernas. No caso de Guitiriz tamén O Buriz ten un importante estudo de Segundo Pérez, o actual deán da catedral compostelá, O BURIZ ANACOS DA MEMORIA (2008). O propio Segundo, que foi párroco da parroquia dos Vilares é autor dun libro A ESCOLA HABANERA DOS VILARES (2008). Ademáis destes exemplos son numerosas as publicacións que contribuen á historia da Terra Chá. No caso dos Vilares, terlle adicado as Letras Galegas 2014 a Xosé María Díaz Castro, ten contribuido a que numerosas publicacións sobre a súa figura se teñan publicado nos últimos cinco anos con autores como Armando Requeixo, Segundo Pérez, Xosé Lois García ou Emilio Xosé Ínsua entre outros. Agora, seis anos despois, estamos a agardar por unha nova publicación motivada por esa dedicatória ao poeta das cousas pequenas e por unha encomenda feita hai 30 anos por Manuel María a Pastora Veres Rosende, LAREIRA DE SOÑOS, que verá a luz no próximo mes de novembro e que rescata a historia dunha pequena parroquia e as pequenas historias das súas xentes a través das súas testemuñas e coa visión particular dunha indíxena do lugar. a publicación levará tamén en DVD o documental ENTRAR AOS VILARES, de Cibrán Tenreiro. Sen dúbida unha obra agardada que leva detrás un importante traballo de recollida e investigación que sae das canles acadédicas tradicionais para converterse nunha obra literaria nunha mistura de traballo xornalístico, histórico e de investigación relatado nunha atractiva prosa poética e con un fermoso limiar do xornalista de orixes vilaregas Germán Castro Tomé. Nun ano marcado por numerosos condicionantes negativos, sen dúbida o libro de Pas Veres é unha boa nova para a súa parroquia, o concello de Guitiriz e a Terra Chá, que contarán polo San Martiño con outro anaco rescatado de memoria.

*Artigo para o suplemento A Chaira de El Progreso.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2020 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
A CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA DE VILALBA

Boh, política política! decía a canción 'Obama' do rapeiro galego García MC. E a política foi quen de impedir que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome do máis ilustre poeta chairego na capital da comarca. A casa da cultura, que mudou os usos da antiga cárcere construida no século XIX para lugar de cultura, simboliza tamén canto arelaba o autor do poemario Terra Chá, un mundo que mude a represión pola liberdade e a cultura. O mundo cultural e a sociedade galega no seu conxunto teñen recoñecido a Manuel María coa dedicatoria das Letras Galegas en 2016 e a súa obra é unha embaixadora de Vilalba e da Terra Chá no mundo.
Despois de tres lustros da proposta do IESCHA para dar o nome do bardo á Casa da Cultura Vilalbesa, houbo tempo para ter modificado o regulamento que requería dous terzos da corporación por maioría absoluta para acordar este 'bautismo'. A negativa do PSOE a esa mudanza de urxencia, intuíndo as "escusa peregrina" do Partido Popular de non querer dar nomes de persoas a edificios públicos (eles mesmos deron o nome de Carmen Estevez ao auditório), non é entendíbel xusto no pleno que debía aprobar este nomeamento.
Eu mesmo, vilalbés indíxena de Lanzós, farto de aclarar ao longo da miña vida que Vilalba iba máis aló das figuras de Manuel Fraga, Rouco Varela ou Naseiro, e que insignes nomes da Cultura como Chao Ledo, Agustín Fernández Paz, Chao Rego, Ramón Chao, André da Ponte, ou Manuel María e tantos ilustres chairegos tamén formaban parte do ADN vilalbés, pensei que coa histórica mudanza das pasadas municipais tiñamos adiado esas vellas políticas. Lonxe desa percepción, levar a Manuel María a esta situación no lugar de honrar a Vilalba co seu nome na casa da cultura, retrotraenos a períodos predemocráticos nos que a política vai moi por detrás das aspiracións sociais.
Na Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e na NPG Nova Poesia Guitirica sabemos tamén da estreita amizade do Manuel co noso poeta Xosé María Díaz Castro, outro chairego honrado coas letras galegas en 2014 e que conta en Guitiriz co nome do Instituto de educación secundaria ademáis de numerosos monumentos e que agarda pola restauración da súa casa natal no Vilariño. Ambos tiñanse mútua admiración e ambos honran á poesía chairega coa súa obra e o respeto e recoñecemento en toda Galiza e fóra dela.
Xa tarda esa mudanza do regulanento e a aprobación do nome do poeta para a casa da cultura. Equivocarse non ten importancia sempre que o erro sexa correxido.
Manuel María non merece este despropósito e sí que o seu nome xenere unanimidade, algo que non parece posíbel con un Partido Popular instalado en espazos ideolóxicos que o levan ao desprezo de figuras asumidas como próprias por todo o país.
Fago unha chamada á reflexión e a chamar oficialmente á casa da cultura vilalbesa polo nome que xa ten asumido o conxunto da sociedade, MANUEL MARÍA.
A tradición literaria vilalbesa e chairega, a capitalidade politica e territorial da Terra Chá, debe rendir ao poeta de Outeiro a homenaxe que merece e que a casa da cultura, referencia de tanta actividade ao longo dos anos sexa referencial no país tanto por acoller numerosos actos como pola honra de levar o nome do poeta que tanto amou a Vilalba. Tócalle agora a Vilalba corresponder ao amor do bardo rectificando, corresponder a unha demanda que se ten convertido nun clamor na cultura e na sociedade galega.
A xente da cultura xa ten adoptado o nome de Manuel María para ese centro independentemente da súa aprobación legal, borrar a vergoña do pasado depende de quenes representan a Vilalba no concello, faganse un favor a vostedes e ao pobo que os escolleu e poñan a Manuel María no centro da cultura de Vilalba, será a constatación de que un cambio se ten producido na capital da Chaira, non facelo será unha decepción para aqueles que amamos Vilalba, a cultura e a poesía. Pasados os tempos do COVID19, agardo poder desfrutar de numerosos actos na Casa da Cultura MANUEL MARÍA de Vilalba, veremonos alí!
Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2020 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
A LAREIRA DE SOÑOS DE PAS VERES

Aquela encomenda de Manuel María a Pastora Veres na inauguración dunha exposición de fotos antigas na I Romaría Labrega da Chaira para que foran recollidas nunha publicación, está a punto de cumprirse. No mes de setembro, Edicións Fervenza coa colaboración da área de cultura da Deputación de Lugo, o Concello de Guitiriz, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e GADIS sacará a publicación dun traballo de cinco anos realizado por Pastora Veres con máis de cen entrevistas, fotos antigas, documentos e datos que prometen ser unha interesante e novidosa aportación ao coñecemento da historia recente do noso rural. A guerra, a posguerra, as segas a Castela, a emigración, as costumes, as enfermidades, os trapos, as relacións de poder, os cambios tecnolóxicos, as novas comunicacións... a vida contada polos próprios protagonistas, nunha parróquia da Terra Chá a unha nativa (Pas Veres) que ten realizado unha auténtica cartografía emocional no que o rural chairego en particular e o galego en xeral se poderán ver identificados. A publicación, irá acompañada dun DVD co documental Entrar aos Vilares, de Cibrán Tenreiro, finalista da 12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, un compremento con unha visión dunha parroquia do rural nos ollos de tres rapaces que nin a coñecen nin naceron no rural. En aproximadamente mes e medio poderemos ter nas mans un traballo que paralelamente deu lugar, con Díaz Castto na antesala de todo, a unha asociación con numerosas actividades (Lareira de soños dos Vilares) e a un grupo poético dos máis activos do país (NPG Nova Poesia Guitirica) e que ten á autora da publicación como inspiradora deste movimento social e cultural. O libro, terá como prologuista ao xornalista con orixes nos Vilares Germán Castro Tomé, criador do Diario de Ferrol, Presidente de Ho ra do Clube de Prensa de Ferrol e premio Diego Bernal de xornalismo outros numerosos recoñecementos e galardóns. Dúcias de colaboracións e axudas entre as que hai que destacar á guitirica Socorro Vázquez e á vilalbesa María Xosé Lamas polas correcións lingüísticas, convirten este traballo nunha obra coral e comunal na que a veciñanza se erixe nun suxeito activo arredor da protagonista que nos narra en primeira persoa a súa relación vital coa parróquia, a verdadeira recuperación da memória, ese património inmaterial que Pas Veres salva para ofrecer ás xeracións vivas e ás vindeiras e acrescentar o orgullo do que somos e de onde vimos. A obra, centrada en grande parte na história recente, nese pasado inmediato de cen anos atrás, conta tamén con ese espazo adicado ao presente, á xente de hoxe, á herdanza dun legado que debemos continuar, esa LAREIRA DE SOÑOS que nos quenta e da sentido ao que somos. En setembro, por fin, poderemos desfrutar do tan agardado traballo de Pastora Veres e que contará coa súa primeira presentación (non podería ser doutro xeito) en Guitiriz coa expectación que merece. Será, sen dúbida, unha obra que non pasará inadvertida en Galiza e unha contribución máis ao coñécemento da parróquia do poeta das cousas pequenas, Xosé María Díaz Castro. Como dixo o escritor portugués Miguel Torga, o máis universal sempre está no máis local. Dende Os Vilares, unha lareira para quentar o mundo, a Lareira de soños de Pastora Veres. Vémonos en Setembro a carón do seu lume.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-07-2020 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
O DECLIVE (INDUCIDO) DE PARGA
A parróquia de San Estevo de Parga viveu tempos mellores. En realidade poderiamos afirmar que Guitiriz e o rural no seu conxunto viviron mellores épocas pero o caso de Parga é moi significativo si nos fixamos na súa historia recente, deixando atrás a súa relevancia da que temos mostras polas pegadas do seu patrimonio castrexo ou a importancia tamén dos vestixios medievais cos restos do Castelo ou a súa igrexa cos frescos do século XVI ou tamén de ser un paso importante no camiño de Santiago.
Pero Parga tivo grande relevancia e recoñecemento na súa historia recente por destacados motivos, primeiro pola súa feira, unha das máis importantes de Galiza que ten a actual ubicación no centro da vila desde o seu traslado dende A Pobra a mediados do século XIX e que conserva uns fantásticos cobertizos elaborados coa mesma pedra coa que foi levantada a Sagrada Familia de Gaudí en Barcelona.
Foi en 1945, cando se executou o traslado da capital do concello de Trasparga (no Mesón da Cabra) a Guitiriz, a primeira grande decisión política negativa para Parga, no que a parróquia perdeu a súa centralidade política e económica no Concello. Dende esa data, Lagostelle eríxese en centro económico-político-administrativo ao levar cara a súa contorna os servizos que se foron creando, centros escolares de educación primária e secundária, o centro de saúde máis dotado, e mesmo a grande igrexa no centro da vila de Guitiriz ou o polígono industrial na limítrofe parróquia de Santa Mariña. Mesmo nos deseños (controvertidos) dos accesos á autovía Parga ficou, se cadra, un pouco máis illada.
A crise demográfica e migratória, a crise da industria da pedra, o peche do campamento militar, e decisións de marcado carácter político relacionadas co tren que afectaron ás frecuencias e ao declive da estación ferroviária da que teñen partico centos de xornaleiros ás segas a Castela, e máis recentemente ao intento de partir pola mitade ao núcleo urbano, o intento de peche de entidades bancárias, ou a recente tentativa tamén de deixar a Parga sen Centro de Saúde prolongando o peche temporal pola pandémia o COVID19 para convertilo en definitivo, deixan claro que Parga, independentemente da involución xeral do rural, foi a grande perxudicada na historia máis recente de Guitiriz.
A que fora en tempos núcleo político e poboacional máis importante, ocupa hoxe o 3° lugar en habitantes por detrás de Lagostelle (Guitiriz) e Os Vilares e a súa actual depresión só se ve atenuada pola magnífica feira quincenal que aínda conserva e pola beleza dun núcleo urbano único ao pé do río, que adormece na nostalxia de gloriosos tempos pasados.
Aínda así, Parga négase a seguir na costa abaixo da perda de servizos e do abandono das administracións e amosa con cada novo estrangulamento, a súa capacidade mobilizadora para tentar evitar máis decisións negativas para a súa sobrevivéncia e así o ten demostrado nas asambleas e mobilizacións con ADIF, contra as decisións de ABANCA, e nestes días diante do SERGAS demostrando que a pesares dunha história de recortes, desatención, e perda de relevancia inducidas por deseños e decisións políticas, Parga sigue viva e reclama un trato de xustiza que os tempos lle teñen negado e que merece compensar.
A crise á que nos enfrentamos como consecuéncia do coronavirus non convida ao optimismo no futuro e é precisamente por iso que debemos defender o mantimento dos servizos públicos existentes e mesmo mellorar a atención dos mesmos para o nóso rural. Nun concello tan amplo e disperso como Guitiriz, é vital manter e mesmo aumentar a descentralización deses servizos para atender a unha poboación envellecida e espallada. Así e todo, Parga conserva un potencial inmenso no seu património natural, etnográfico e histórico, unha beleza única que hai que aproveitar e implementar para convertir nun recurso que xenere riqueza e benestar e mude as inercias negativas que leva padecendo na súa história recente. Como a orixe do significado do seu topónimo, "pila de trigo e palla arrumado para gardar o grao da intemperie", Parga sigue viva gardando o seu grao, a súa beleza e potencial, das intempéries, porque pesares de todo, Parga aínda vive!

*Artigo para El Progreso
Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2020 07:07
# Ligazón permanente a este artigo
Completadas as colaboracións para a revista NPG GaZeta n° 1
Esta fin de semana veñen de rematar as colaboracións da revista NPG GaZeta n°1, a revista poética das agrupacións de base.

77 páxinas con poemas inéditos de máis de 60 poetas, recensións de recoñecid@s poetas e ilustracións e capa exclusivos de Enrique Fernández.

A revista estreouse antes da pandemia do COVID19 co número cero coa colaboración de máis de 30 poetas que aportaban un poema próprio e outro publicado de outr@ poeta co ilustracións de Isabel Pardo e capa de Zeltia Villar.

A NPG GaZeta edítase primeiro en formato dixital na web www.npggazeta.gal para sair posteriormente en formato de papel nos primeiros días do próximo mes de Xullo.

Coa edición en papel comenzaremos tamén as presentacións dos dous números (cero+un) que debimos interromper por mor do estado de alarma.

A NPG GaZeta unha iniciativa da NPG Nova Poesia Guitirica apoiada polos grupos poéticoa de base Versos de Area de Ponteareas, MORAIMA a grafía da emoción de Ferrolterra, Irmandade poética e artística galego-lusa de Terras de Chantada, Nómades do Verso e In Nave Cívitas (colectivo Urbano Lugrís) da Coruña, colectivos que colaboran en outras iniciativas, a máis recente ENREDEVERSOS Festival de Poesía en Rede, celebrado en directo polas redes coa participación de 65 poetas de Galiza e Portugal e con 40.000 visualizacións nas redes sociais en pleno confinamento polo coronavirus.

A revista poética é unha das poucas publicacións destas características en Galiza e na súa versión web inclúe os números en papel para a descarga gratuita, unha sección de conversas ou a sección ESTRAPERLO de poemarios e publicacións dixitais de membros das agrupacións de base para a súa descarga ou leitura gratuita en PDF.

A NPG GaZeta n°1 pódese ler no seguinte enlace:
http://npggazeta.gal/index.php/gazeta-no-1
Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2020 06:44
# Ligazón permanente a este artigo
HOMENAGEM A CARVALHO CALERO DA NPG
#CarvalhoCalero2020
#CarvalhoCalero2021

Poetas da NPG Nova Poesia Guitirica recitarám em directo o 17 de Maio no facebook da Nova Poesia Guitirica NPG ás 20:00 horas.
O recital vai honrar a Ricardo Carvalho Calero, a quem se adicam as Letras Galegas deste ano.
Ao non poder realizar actos públicos, a Nova Poesía Guitirica realiza este acto polas redes sociais.
O recital comenzará coa lectura do prólogo que Carvalho Calero fixo para NIMBOS de Díaz Castro e cada poeta recitará algúm poema de Carvalho ou en homenagem a ele.
@s poetas que intervirám são Antón de Guizán, Pilar Maseda, Amalia Díaz, Luz Darriba, Emilia Martínez Fuentes, Luz Airado e Moncho Bouzas.
A amizade entre Carvalho Calero e Díaz Castro dá a este recital um valor especial para a poesía guitirica, que tem ao poeta dos Vilares como a grande referéncia e causa da súa existéncia.
No pasado mes, a NPG tem promovido dous actos poéticos nas redes de grande éxito, #RecitalnaCasadaNPG e #enredeversos com perto de 50.000 visualizacións nas redes sociais entre ambos os dois.
Desta maneira, trasladaremos a celebração do Día das Letras Galegas ao nóso facebook o domingo 17 ás 20:00 horas.

NPG NovaPoesiaGuitirica
npggazeta@gmail.com
http://npggazeta.gal
Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2020 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0