de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ISABEL PARDO MARTÍNEZ
A Chaira é unha terra de artistas en calquera das súas modalidades creativas, na literatura, na escultura, na música, na artesanía ou na pintura. O pasado venres, Isabel Pardo, unha moza de 19 anos inauguraba a súa terceira exposición na Casa da Cultura de Vilalba nun acto que servíu tamén como homenaxe ás artista vilalbés recentemente finada Cristina Fernández e que foi fundamental na vocación da xoven artista. Coa súa curta idade, Isabel é xa unha artista moi coñecida pola súa actividade artística nos últimos catro anos con accións entre as que destacan diversos murais de temática social, os retratos en directo de Agustín Fernández Paz e Raúl Río nas respectivas entregas de premios, máis de 40 retratos a lápiz de outros tantXs poetas para a revista NPG GAZETA n° CERO, e diversas encargas para un fotógrafo vilalbés. Coñecín a Isabel hai catro anos a través da súa nai, a poeta vilalbesa da Nova Poesía Guitirica NPG Emilia Martínez Fuentes e dende o primeiro momento advertían unha grande sensibilidade naquela cativa de apenas 15 anos que xa amosaba unhas capacidades especiais para o debuxo. Decía o educador Francesco Tonucci que todXs temos un talento, pero que os sistemas educativos non axudan a descubrilos, perdéndose moitas desas capacidades polo camiño aínda que no caso de Isabel o seu talento para o debuxo foi ben evidente dende moi pequena tal e como ten comentado a mestra e escritora María Xosé Lamas que a tivo de alumna con só 4 anos e xa destacaba non só polos fermosos debuxos que facía senón tamén pola creatividade dos mesmos. Os seus retratos teñen un estilo propio moi definido e trasmiten unha grande fondura e expresividade. Agora, coa carreira de Historia da Arte iniciada na USC, Isabel comenza tamén a amosarnos as súas pinturas que destacan polo seu impacto visual tanto nas máis realistas como nas máis abstractas e que non deixan indiferentes a quenes as observan. Na exposición de Vilalba, mostra que recomendo visitar, poderemos apreciar tanto os seus característicos retratos como tres pinturas, unha delas de grande formato, entre o realismo e o conceptual, que aventura un grande futuro para esta artista vilalbesa, que amosa unha grande madurez persoal e artística coa súa curta idade e un grande compromiso social, un futuro que é xa unha realidade da que podemos disfrutar. Entidades como o IESCHA que soubo ver a súa calidade dende moi noviña ou a NPG ou a Lareira de soños que tamén acreditaron na súa valía, demostran que as entidades culturais de base son fundamentais no descubrimento e posta en valor de creadores como Isabel Pardo que ten iniciado o seu camiño artístico arroupada por amizades e entidades e que estiveron con ela o pasado venres enchendo o salón de actos da casa da Cultura vilalbesa na presentación da exposición organizada polo IESCH e coa presenza tanto da súa presidenta Marisa Barreiro, a propia autora e eu mesmo para expresar o meu cariño e admiración por esta rapaza que xa é sen dúbida ningunha unha figura das artes da Terra Chá. Animádevos a disfrutar da súa obra até o 20 de agosto. Na miña casa e com máis orgullo cada día, colga da parede como ouro nun lugar destacado, un pequeno retrato que me fixo Isabel, sabedor de que teño nel unha obra singular e fermosa e na súa autora unha amiga, que non é pouco.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-07-2021 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0