de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O CINE CLUBE LAR DE UNTA VOLTA O DÍA 23

Despois da exitosa inauguración o pasado mes do Cine Clube LAR DE UNTA, coa proxecció de ESTRUTURAS/PEL CONTRA PEL con numeroso público e un animado coloquio, éste prosigue coa proxección este mes dun filme que traspasa a história da pantalla e mesmo contribue a recuperar un pateimonio inmaterial de grande valor ademáis de homenaxear a tantos heroes ocultos en forma de artistas do mar. Dos gaiteiros do mar é tamén un rescate dunha história do noso que grazas ao traballo de GZmúsica, Borneira, Martín Rodas, e Xurxo Souto sae a flote e navega entre nós agora tamén polas augas de Betanzos noutrora fondas, da man desa grande idea que é o Cine Clube LAR DE UNTA. O día 23 o grande Xurxo virá a proxectarnos o seu traballo pero traerá tamén contos e cantares do mar e da terra para compartir cos que nos acheguemos á rúa Pescadería 3 do casco histórico betanceiro. Despois desta proxección, o Lar tenfixado o 3° xoves de cada mes para as seguintes películas, agás coincidencia con festivo ou víspera que pasaría ao mércores anterior.

DOS GAITEIROS DO MAR a anatomía do filme:

Xurxo Souto codirixe xunto a Marín Rodas o documental Dos gaiteiros do mar, unha fita que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos sesenta e setenta con destino ao Gran Sol, a Terranova, a Namibia. A eses e outros moitos lugares levaron a nosa música. Xurxo presentará o documental o mércores 23 de outubro no Cine Clube LAR DE UNTA ás 20:30. A entrada, de balde até completar o aforo.

?Tocaron a gaita en Terranova, en Namibia, no mar do Carburo; fixeron música mestiza e cosmopolita mesmo antes de que existisen esas palabras?. Así resume Xurxo Souto a historia de Dos Gaiteiros do mar, o documental producido por Borneira Audiovisual que codirixe xunto a Martín Rodas e que se proxectará o mércores 23 no Cine Clube LAR DE UNTA coa presenza do próprio Xurxo Souto. Nesta fita recupérase o relato dos gaiteiros-mariñeiros que nos anos sesenta e setenta embarcaron cara ao Gran Sol. As voces que recolle o documental pertencen a Manuel Sotelo (Manoliño De Donón) e Lito de Pinténs. A súa historia é a historia da música tradicional lonxe da terra, das gaitas máis alá da terra firme , alén do noso horizonte. Eles son os gaiteiros do mar deste documental que, segundo Souto, servirá para provocar a ?descuberta dun mundo? que descoñecemos na Galicia. ?Hai gaiteiros do mar que non coñecemos, dos que non sabemos nada. Ben seguro que despois deste documental, descubriremos moitos máis?, sinala Xurxo Souto.

?Pouco se ten falado dos gaiteiros do mar?. Talvez, esa frase pronunciada polo Peix de Aldán, foi a mecha. Acabou por prendela a aparición dunha cinta histórica, un vello casete que resumía co play o son das gaitas sobre o mar. ?Rubén Bastón trouxo ao programa Mil Ribeiras da Radio Galega un casete gravado no Gran Sol, no que se escoitaba o son da gaita mesturado cos motores do barco e con toda as armonías do mar; unha marabilla?, lembra Souto. Esa gravación, titulada Nos mares do Gran sol, resulta ser unha sorte de long-play na que se escoita a gaita de Manoliño de Donón, o tamboril de Feliciano de Donón e o bombo de Manuel Martínez Santomé. Os tres marcharan ao Gran Sol, embarcados no Ría de Aldán e unha noite, Santomé, xefe de máquinas do barco, afanouse por gravar a repichoca. Era 1974.

?Ao escoitar a cinta, que nos pasou Xurxo, a min impactoume eses momentos en que están todos tocando e de súpeto para a música. Eran os golpes do mar o que interrompían. As ondas facíanlles perder o equilibrio. Cando máis capeaba, máis tocaban?, explica Daniel Lavesedo, guionista do documental. ?É que eles tocaban nos momentos nos que non se podían fanear, con mal tempo, con ondas de metros e metros?, completa Xurxo Souto, quen coñeceu a importancia de levar os gaiteiros ao mar grazas á preparación do seu libro Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014). Nese título Souto descubriunos aos terrícolas, ?o prodixioso saber gremial do mar?. ?Os terrícolas non sabemos nada do mar e, no fondo, o mar é a única industria futura que nos vai quedar, que non podemos perder. Poderán deslocalizar Inditex totalmente ou poderán trasladar a Citroën, pero o mar é o que sempre nos vai quedar. E aínda así, a nosa educación baséase na terra. Non sabemos nada?, reflexiona Souto.

Para superar ignorancias e recuperar memorias, Xurxo Souto publicou este libro que o levou a querer descubrirnos a historia destes gaiteiros do Hío, Manoliño e Lito, que embarcaron coas súas gaitas e levaron a música tradicional desta terra a través das correntes mariñas, dende o Gran Sol até Namibia, durante anos de ir ao mar.

O documental sabe a Terranova e ao Gran Sol. Tamén a Namibia. Mais, sobre todo, sabe e soa ao Morrazo. Porque no Hío e Aldán comeza todo. Naqueles lares, medraron Manoliño de Donón e Lito de Pinténs. Alí aprenderon a tocar a gaita e alí deveceron, xa na adolescencia, con subir ao Palco de Nerga, no Carnaval do Gaiteiro do Hío. Pero o mar roubolles a posibilidade. Cumpría embarcar. ?A min sempre me gustou a gaita e sempre quixen tocar no Carnaval. Pero poucos días antes, tiven que marchar para o Gran Sol. Houbo que embarcar e xa non puiden?, lembra o propio Manoliño de Donón, un dos protagonistas do documental. ?Tocar no Carnaval do Hío era unha das máximas aspiracións para un gaiteiro, unha festa de gran tradición, de gran interese. Debiamos ter 16 ou 17 anos... por aí. Pero é o que ten mariñeiro. A Manuel chamárono e marchou para embarcar. Estivo máis de vinte anos no mar, nunca puido tocar no Hío?, lembra Lito, quen tamén estivo nas cubertas durante tres anos tras rematar a mili.

?A vida de mariñeiro de verdade foi a de Manuel, a miña foi curta, estiven tres anos en barcos? sinala Lito, quen sempre embarcou coa gaita no medio da equipaxe. ?É que era un compañeiro máis na tripulación, servíanos de entretemento, para desconectar do traballo, para escoitar música naqueles días nos que non pescabas?, sentencia o propio Lito. Para Manuel, a historia coa gaita foille semellante. ?A min algún patrón me dixo aquilo de que sen a gaita, eu non subía ao barco?, rememora Manolito.

No Carnaval do Hío comezou unha frustración. E no Carnaval do Hío, corenta décadas despois, tamén rematou. Porque naquel 2015, foi Xurxo Souto quen argallou para suturar a ferida. Reuniunos para que puidesen tocar xuntos. E non contento coa emenda, quixo deixar testemuño. Para eso enredou a Gzmusica.com, que se implicaron decontado na gravación da actuación primeiro e, despois, na rodaxe e montaxe do documental.

?Este é un documental horizontal, todos somos directores no fondo. E fixémolo con moito cariño e humildade... Ás veces, o audiovisual chega aos sitios arrasando e nós fomos ao Hío cunha tremenda humildade. Porque o Carnaval do Hío é a súa festa e nós falamos coa comisión, con moito agarimo para que eles puidesen tocar e nós gravar?, explica Xurxo Souto. E alí, sobre o Palco, corrixiuse a historia destes gaiteiros do Mar.

?As cousas do mar non se contan na terra?. Esta máxima, do Machín de Muxía, tírase do libro Contos do mar de Irlanda. Mais ningunha máxima está libre de sucumbir á emenda. Sobre todo cando ten máis de fraude ca de lema. Iso é algo que ten claro tanto Xurxo Souto coma os seus compañeiros de equipo. ?Non é certo iso de que as cousas do mar quedan no mar. Os mariñeiros queren e poden contar as súas historias, historias que importan. Só hai que querer escoitalas, preguntar. Eles quererán contalas se a xente lles dá valor?, sinala Daniel Lavesedo, quen engade que ?eles en moitos casos non lles dan o valor que teñen as súas vivencias porque as viviron no día a día, pero son cousas fóra do común.?

Nas vivencias, o documental atopa outro dos seus piares. ?Pasamos horas con eles, gravando, fomos as súas casas?, sinala Lavesedo sobre un documental no que as voces e as historias pertencen, ademais de a Manoliño de Donón e a Lito de Pinténs, a Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e mesmo ao Peix de Aldán, o encargado de poñerlle a voz en off á película.

Manoliño de Donón levou a música tradicional do Morrazo polo mundo adiante. Sobre os barcos, entre as redes, do Gran Sol a Namibia. Ao seu carón, viaxaba a súa gaita. Tocaba cando podían e cando non podían facer outra cousa. Ás veces, a música sucaba os mares, non quedaba nos camarotes. Chegaba a outros barcos, en auténticas foliadas atlánticas. ?Faciamos concertos a distancia en realidade. Porque nós tocabamos coa radio conectada a outros barcos, tamén escoitaban a nosa música, estabamos así sempre máis acompañados?, lembra un Manoliño que en Walvis Bay, Namibia, sorprendeu tamén coa súa gaita. ?Pasamos alí un fin de ano e convidáronnos a tocar nunha discoteca, na festa de noitevella. O dono era un portugués e quixo que actuásemos. Non o podo dicir seguro, pero vaia... Foi a primeira vez que toda aquela xente escoitara unha gaita na súa vida.? Probas para defender esa tese non lle faltan. Porque na alfándega, viuse na obriga de tocala diante dos funcionarios fronteirizos. Eles non recoñecían un instrumento, sospeitaban unha arma. ?Waepon, weapon?, berrábanlle, talvez asustados, perante o inaudito. Xamais viran tal cousa. Quizais non a volveron ver.

Lito, pola súa banda, tamén ten lembranzas de momentos emocionantes que viviu co fol da gaita baixo o brazo. Ao outro lado do océano, no Atlántico Norte, tocou polas rúas de Saint Pierre et Miquelon, unha pequena illa situada fronte ás costas de Terranova. ?Era Nadal e tocamos polas rúas, cheas de neve. De súpeto tiráronnos, o que pensabamos que era un ladrillo. Deixamos de tocar, pensando que estabamos a molestar. Pero non era ningún ladrillo, era unha caixa de bombóns que nos guindaran dende un convento de Monxas?, explica un Lito que, ao igual que Manoliño, chegou a cativar unha audiencia inesperada nunha discoteca. Neste caso, en San Xoán de Terranova. ?O noso capitán era amigo dun canario que tiña alí un local. Visitounos no barco xusto cando andabamos a tocar. Pediunos que foramos a súa discoteca a tocar, nos dixémoslle que non era boa cousa, que só tiñamos a gaita e que as pandereitas eran improvisadas, que estaban feitas con chapas?. Ao final, accederon a baixar do barco, a enfrontarse ao público.?Comezamos a tocar na discoteca, que era un sitio grande. De súpeto, ateigouse a pista de baile... Eran todos galegos, non os coñeciamos, pero estaban alí. Sempre hai galegos a onde vaias. Foi moi emotivo?, conclúe Lito.

Di Xurxo que o 23 "levaremos o mar do Morrazo e de Namibia ao mar de Betanzos, un mar fondo noutrora que hai que lembrar para a memória colectiva". Ningién ficará indiferente dia te dun filme que toca o nóso corazón e a fachenda do que somos, unha potencia no mar e na música, un país de artistas. Así pois, no LAR DE UNTA, Dos Gaiteiros do Mar, mercores 23 ás 20:30! Medre o mar!!
Categoría: Xeral - Publicado o 03-10-2019 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0