de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ENTREVISTA A MONCHO BOUZAS NO XORNAL DE BETANZOS SOBRE O #PROXECTOMARIABALTEIRA
María Péres, A Balteira, a máis grande das soldadeiras da Idade Media, está de plena actualidade. Varias iniciativas coincidiron este ano para reivindicar a memoria dunha muller singular que marcou estilo e tendencia, co custo que ilo supuxo, en plena Idade Media.

Unha destas iniciativas foi o “Proxecto María Balteira”. As persoas coordinadoras do proxecto son Antón de Guizán e Moncho Bouzas, ambos integrantes da NPG Nova Poesía Guitirica e persoas asociadas á Asociación Gastronómica Cultural e Deportiva Lar de Unta.

Antón de Guizán é Presidente da Asociación Cultural Os Vilares, Lareira de Soños. Que é o proxecto matriz no que xurde a NPG. Pola súa banda, Moncho Bouzas é integrante da NPG e do Grupo de Apoio á Vocalía de Cultura da AGCD Lar de Unta. Con eles conversamos sobre o proxecto e a figura da Balteira.

Por que María A Balteira?

Bouzas, á dereita da imaxe, nun dos actos do Proxecto María Balteira. Imaxe da NPG

A cuestión é o funcionamento da NPG Nova Poesía Guitirica que constitúe unha agrupación poética de base dinámica, aberta, amable e inclusiva. Na actividade que desenvolvemos e nas accións poéticas que realizamos están sempre presentes os clásicos da poesía galega. Xosé María Díaz Castro para todas e todos nós, e nas conversacións no marco da amistade mutua cadaquén defende e prescribe a lectura das súas autoras e autores preferidos. Así, Emilia Martínez introduce no grupo con forza a figura de Rosalía de Castro, Pilar Maseda a Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro, André da Ponte, que formou parte do seu círculo de amistade máis próxima a Manuel María. Tamén enriquecen o marco común Branca Villar con Eduardo Pondal e Luís Pimentel, Luz Campello, María Pereira, Pas Veres, Antón de Guizán e todas as persoas que conformamos a NPG. Eu por exemplo son avilesino até a médula mesma.

Neste caldo de cultivo era inevitable que puxéramos tamén o foco na Lírica Galego Portuguesa Medieval, na idade de ouro da nosa literatura. Tendo en conta que a rede é un espazo de relación e intercambio que utilizamos intensamente, ter á nosa disposición a Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, facilitou a posta en común, e a información que chega a nós a través de Marica Campo sobre María Peres A Balteira fixo o resto.

Por que agora?
Sempre é bo momento para visitar aos xograres Pero d´Armea, Pero d´Ambroa e ao trobador Pedr`Amigo de Sevilha e descubrir sobresaíndo a figura sobranceira da Balteira.

É unha poesía difícil nunha primeira lectura, mais o pequeno esforzo que supón vese sobradamente compensado coa riqueza temática, semántica, estilística e a estimulante translación á sociedade do século XIII que facilita a lectura destes nosos autores. Esta experiencia lectora sumamente satisfactoria non podía quedar reducida ás persoas da NPG e consideramos que debiamos implicar, se puidera ser, ao conxunto da cidadanía.

Así, puxémonos en contacto con Armando Requeixo (secretario do Centro Ramón Piñeiro) para consultar se había algún impedimento á difusión social da obra dos nosos xograres e trobadores a través da acción poética da NPG, e todo foron facilidades e colaboración. Aí comezou a producirse un efecto bola de neve. Con santo e sinal de María A Balteira non houbo porta que se nos pechara. Desde o primeiro momento a AGCD Lar de Unta de Betanzos adoptou o Proxecto María Balteira como propio e a continuación fóronse sumando a Asociación Cultural e Recreativa de Colantres do que forma parte o Armea natal de María A Balteira e Pero d´Armea, a Asociación de veciñas e veciños de San Tirso de Ambroa, localidade de nacemento de Pero d´Ambroa e na que Pedro Amigo de Sevilha exerceu de párroco. Súmanse tamén os concellos de Betanzos, Coirós e Irixoa, a Fundación Luís Seoane, a Cafetaría Lanzós, a libraría e editorial Biblos, a Feira Franca Medieval de Betanzos e finalmente a Asociación de Amigos do Casco Histórico de Betanzos e unha magnífica nómina de persoas colaboradoras ás que é preciso trasladar o agradecemento como Concha Delgado, Moncho Pena, Eduardo Maragoto, Xulio Loureiro, Alfredo Erias, Marica Campo e Manolo Portas. Tamén ás poetas María Pereira, Alberte Momán, Loreto de Castro, Mariola Hermida, Luís Mazás, Teresa Ramiro, María Xosé Lamas, Ramiro Vidal Alvarinho, Branca Villar e Miguel Queipo.

A ninguén escapa que a Feira Franca Medieval está nun proceso de estandarización que a cidadanía de Betanzos propón superar, e constituída a rede colaborativa para a promoción da figura de María A Balteira, pareceunos que a mellor aportación que podiamos realizar colectivamente era dotar de contido cultural e colaborar en singularizar e dar valor engadido á Feira Franca Medieval.

Neste sentido a acollida do Proxecto María Balteira por parte da Feira Franca Medieval e do Concello de Betanzos foi magnífica. A coincidencia da celebración do 800 aniversario de Betanzos no tempo coa vida de María A Balteira foi unha oportunidade que non podiamos deixar pasar.

Mira, o Proxecto María Balteira emerxeu agora porque estaba de ser.

Que significado ten a súa figura?
María Peres A Balteira é unha personaxe histórica de primeira magnitude en Galicia e en todo o mundo da lusofonía, e como tal a súa figura admite unha aproximación poliédrica e diversa. É un compromiso que non podo abordar o de acoutar a María Peres A Balteira a un único significado. É un patrimonio común de todas e todos nun ámbito xeográfico demasiado amplo que engloba a máis de 250 millóns de persoas de todos os países lusófonos de cinco continentes.

Agora ben, o que si podemos asegurar con total rotundidade é a nosa intención de realizar un potente exercicio de xustiza poética. A Balteira foi a soldadeira máis afamada e destacada do seu tempo, unha muller de orixe social fidalga que optou por desbordar o exiguo espazo que lle era reservado ás mulleres do seu tempo.

Tivo que ser unha muller valente, intelixente e con influencia nas máis altas esferas de poder da sociedade do seu tempo.

A súa figura permanece viva despois de oito séculos como personaxe literaria sobranceira, por ser obxecto das sátiras máis incisivas e mesmo obscenas a través das cantigas de escarnio e maldizer que lle dirixen os seus coetáneos varóns, cos que compartía ámbito artístico e vital.

Isto supón unha mostra palpable da profundidade sociolóxica do patriarcado e da inxustiza que conleva, e pon de manifesto os aspectos que unha sociedade que pula pola igualdade debe abordar.

O Proxecto María Balteira é un exercicio de xustiza poética

Difundimos e reivindicamos a obra literaria que se conserva de Pero D´Armea, Pero de Ambroa e Pedr´Amigo de Sevilha porque son unha auténtica xoia da cultura universal en si mesma. Agora ben, é a través da súa obra que coñecemos a María A Balteira, á que lle outorgamos un papel principal e a eles un rol secundario.

Esta formulación que asumimos é un exercicio de xustiza poética que explícita e propositalmente realizamos, porque o desagravio a María A Balteira é unha metonimia do desagravio necesario a todas as mulleres ao longo da historia, e unha proposta a prol da igualdade que xulgamos pertinente.

A que atribuídes a súa falta de recoñecemento na súa terra natal?
Eu non diría que no ámbito concreto de Betanzos non exista recoñecemento a Maria Balteira, Pero D´Armea, Pero D´Ambroa, Pedr´Amigo de Sevilha e outros autores da área de Betanzos tamén importantes no conxunto da literatura galego portuguesa medieval como Pero da Ponte.

Hai e existe recoñecemento, pola vía do coñecemento a través da labor docente das profesoras e profesores de literatura galega que teñen exercido nos centros de ensino betanceiros nas últimas décadas, destacando neste sentido Concha Delgado.

O que resulta sorprendente é que un patrimonio inmaterial tan valioso, e da dimensión monumental que ten a aportación betanceira á literatura galego portuguesa medieval, sexa posto en valor unicamente polos centros de ensino.

En calquera caso, centrémonos no aspecto positivo do labor que teñen realizado os centros de ensino de sementar paseniña e teimudamente, para que agora o conxunto da sociedade poida recoller os froitos.

Falta un recoñecemento institucional?
Non temos constancia da realización de recoñecemento por parte das institucións públicas, nin do que é máis importante, a súa integración en sintonía coa importancia que realmente ten, nun discurso cultural socialmente responsable, xerador de cohesión social e valorización do patrimonio propio.

Non obstante, desexamos e confiamos que o recoñecemento institucional se produza, se ben o realmente importante é o recoñecemento social amplo por parte da cidadanía, que é o obxectivo máis ambicioso que perseguimos.

Que outras iniciativas tendes no horizonte sobre esta muller?
As entidades impulsoras do Proxecto María Balteira, realmente carecemos de capacidade para reiterar o esforzo realizado durante o desenvolvemento do proxecto. Dámonos por satisfeitas e satisfeitos coa humilde aportación realizada e somos optimistas considerando a favorable acollida social que percibimos. O tecido asociativo, ten realizado unha aportación efectiva á constitución dunha referencia útil para a difusión da poesía, e o que é máis importante, para a superación da desigualdade de xénero.

Aínda que realmente o Proxecto María Balteira continúa, dado que está en marcha a edición por parte da Editorial Biblos e a cargo de Manuel Ferreiro (Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña), dun poemario coa obra dos tres autores betanceiros, co engádego das cantigas adicadas a María A Balteira doutros oito xograres e trobadores entre os que se atopa o propio Alfonso X “O Sabio”.

A edición do poemario pemitirá a presencia, dos nosos xograres e trobador e da propia María A Balteira, nas bibliotecas e centros de ensino e a súa entrada nos fogares das galegas e galegos, así como no de calquera persoa en todo o mundo interesada na nosa lírica medieval.

E sobre outras figuras da Idade Media en Betanzos e na nosa comarca?
O itinerario que temos percorrido colectivamente no Proxecto María Balteira estivo inzado de satisfaccións, e concretamente unha delas foi a participación de Concha Delgado e termos coñecemento de primeira man da relevancia da aportación betanceira á literatura ao longo da historia. Circunscrito concretamente, tal como indicas á Idade Media, posiblemente o aspecto máis atractivo sexa a Crónica Troiana, conservada nun manuscrito de 1373 escrito en galego-portugués , obra de Fernán Martís, capelán de Fernán Pérez de Andrade, O Boo. E quen sabe?, que a cabeza non para.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2019 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal