de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NOVA POESÍA GUITIRICA ASALTA BETANZOS
Co nome de #ProxectoMariaBalteira a NPG Nova Poesia Guitirica ten desenvolvido a pasada semana en Betanzos, Irixoa e Coirós unhas intensas xornadas adicadas a Betanzos na Lirica Medieval galego-portuguesa. Conxuntamente coa Asociación Lar de Unta e coa colaboración de varias entidades e dos concellos de Betanzos e Irixoa, as xornadas contaron con importantes nomes da nosa literatura, entre eles, especialistas como Concha Delgado, Moncho Pena, Xulio Loureiro, Eduardo Maragoto ou Dores Cao, o historiador Alfreso Erias, os escritores Manolo Portas e Marica Campo e @s poetas Manuel Miragaia, Moncho Bouzas, Ramiro Vidal, Mariola Hermida, Loreto de Castro, María Xosé Lamas, Miguel Queipo, Alberte Momán, Luís Mazás, Teresa Ramiro ou María Pereira. Recitais, charlas, concerto, reparto de pasquíns, teatro e a próxima edición dun libro sobre os xograres betanceiros e María Balteira con prólogo de Concha Delgado e coordinado polo filólogo Manolo Ferreiro, conforman este proxecto divulgativo centrado no período de ouro da nosa língua na comarca mariñán para conmemorar os 800 anos do traslado de Betanzos ao Castelo de Unta e aportar contidos á XXII Feira Franca Medieval que se celebra a próxima fin de semana. Pero de Armea, Pero, de Ambroa, Pero Amigo de Sevilha e María Balteira recobran vida entre as xentes de Betanzos da man da Nova Poesía Guitirica 800 anos despois da súa existéncia nas cortes de Fernando III e Alfonxo X ou do señorío de Trastámara e confiren orgullo da nosa história e cultura. Sen dúbida un grande proxecto que confirma á NPG Nova Poesia Guitirica como unha realidade camiño dos catro anos de existéncia.
Con Díaz Castro como referencia e a poesía como motor da súa intensa actividade, o grupo poético guitiricense recibe máis recoñecemento alén da vila que lle da nome a pesares de ser na actualidade un dos máis activos colectivos na labor de manter viva a figura do poeta Díaz Castro. O #CertameVilariñas, que ten traspasado as fronteiras galegas e mesmo contará con unha exposición no sur de Brasil, recitais, edicións de libros dixitais, a creación da revista NPGgazeta, a participación en actos poéticos de outros colectivos por Galiza ou o encargo de organización dalgúns eventos poéticos danlle ao grupo de poetas de Guitiriz un dinamismo poucas veces acadado en Galiza por grupos poéticos de base. A incorporación de voces do prestixio como Luz Darriba, Emilia Martínez Fuentes, Moncho Bouzas ou Pilar Maseda son unha mostra dese recoñecemento. En toda esa actividade, o Proxecto María Balteira é un punto de inflexión definitivo e a confirmación da "maioría de idade" deste xoven grupo que fai camiño demostrando que a poesía non ten porque ser algo restrinxido a elites intelectuais nin un xénero literario de minorías. O éxito de público na maioría de actividades que promoven, a numerosa participación nas súas redes sociais e a alta participación literacia en iniciativas e certames que realizan sorprenden e son o alimento que mantén vivo este fenómeno cultural que combina a tradición co máis novidoso, que fai convivir estilos literarios heteroxeneos e que sobrevive sen apoios institucionais nin estructura legal á marxe de corsés culturais ou lingüísticos.
Aquel 3 de Outubro de 2015 no que se xuntaron 7 poetas novos de Guitiriz na igrexa dos Vilares para honrar a Díaz Castro no 25 cabodano do seu pasamento ninguén diría que máis de tres anos despois se tería chegado a desenvolver tanta actividade ou nin siquera a existir convertindose en algo máis que un grupo denpoetasnlocais e chegar mesmo a ser un movimento cultural.
En tempos máis prosaicos que poéticos é de agradecer que xurdan iniciativas utópicas que se vaian facendo realidade e a NPG Nova Poesia Guitirica é unha desas fermosas realidades.
Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2019 08:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal