de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A TREPIA DA IGREXA CHAIREGA
Ben sabido é que unha trepia é aquel ferro de tres pés que terma dunha pota no lume. No rural, nas parroquias da Chaira, a Igrexa ten un importante papel histórico, non só no apartado relixioso senón tamén na vertebración social. As igrexas, os adros, as romarías e festas parroquiais foron ao longo de séculos lugares de encontro, debate, divertimento e mesmo centro de decisión e de poder.
Cando alguén vive ou se achega un tempo á Terra Chá, non tarda en dacatarse de que a Igrexa non é homoxénea, fundamentalmente polo factor humano. Non tódolos cregos son iguais na súa labor pastoral. Así, non tardamos tampouco en decatarnos de que tres deles trascenden máis aló do estrictamente relixioso e se teñen convertido en referentes sociais mesmo para moitas persoas non crentes ou non practicantes, pero que igualmente valoran (e colaboran) co seu traballo na sociedade e o seu compromiso cos máis desfavorecidos. Son Alfonso Blanco Torrado, Luís Ángel Rodríguez Patiño e Xaquín Campo Freire (Xaquín de Roca).
Alfonso, ademáis de párroco de varias fegresias é fundador e presidente da Asociación Cultural máis importante da Terra Chá, Xermolos, e un referente cultural do país. Patiño é coñecido polo seu activismo rural, impulsor da UNED Sénior e persoa altamente reivindicativa cos dereitos do rural, e Xaquín de Roca un exemplo de entrega e compromiso co país no sentido máis amplo e neste país tamén teñen un importante espazo os illados nas prisións. Os tres, ademáis de cumprir coa súa labor pastoral nas parroquias e co seu compromiso coa cultura e a sociedade na que desenvolvem o seu traballo, fan tamén ese traballo escuro, que non sae nos xornais agás cando acontece algo acaído ao sensaciónalismo mediático, ese traballo cos máis pobres, os drogodependentes, enfermos, presos e outros colectivos é tamén outra das labores pola que estes tres predicadores merecen o maior dos respectos e admiración.
As grandes persoas non o son únicamente por unha adicación concreta e destacada, sinón porque o seu valor é a integridade e o compromiso que atinxen a todo o que fan, e ningunha das súas actividades son compartimentos estancos nin illadas as unhas das outras. Na igrexa, eles son parte dunha minoría cualificada que marcan os camiños que a institución relixiosa debera seguir alí a donde chega e fundamentalmente na dinamización e implicación coa sociedade rural, auténtica alma do que somos, e especllo da realidade e da decadencia que estamos a viver na actualidade. Curiosamente, o agradecemento social ao seu traballo é un contrapeso e unha mensaxe a unha igrexa ausente dese rural que vai desaparecendo e con él as súas xentes, o seu patrimonio material e inmaterial. Os tres cregos hai tempo que viron xa superada a visión reducionista que se puidera ter deles como curas e son queridos como persoas, non só polas súas palabras (que tamén), senón principalmente polos seus feitos. Alfonso, Luís e Xaquín conforman esa trepia que terma da pota quentada polo lume dunha lareira de soños que alimenta o porvir. A eles, toda a nosa admiración e respecto. Máis houbese...
Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2018 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal