de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E VEU A VIRXE DOS DESAMPARADOS A SALVAR OS FRESCOS DA SÚA IGREXA...
Despois de catro anos de que a Asociación Sociocultural Lareira de soños teña petado en tódalas portas das institucións, a própria Igrexa, o Concello, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia ou a oficina do Valedor do Pobo para salvar os Frescos da Igrexa dos Vilares, despois de visitas da alcaldesa, deputados provinciais e mesmo unha iniciativa parlamentar do BNG aprobada pola Comisión de Cultura en Raxoi, e sen apenas resultados positivos, a pasada semana, noutra visita técnica de Património na compaña do párroco dos Vilares, Óscar Santiago, éste anunciou que a próxima Romaría dos Desamparados, na pascua de 2019, destinará a recadación aos traballos de restauración das pinturas murais da Igrexa.
Serán cidadáns sensibles co patrimonio a través da campaña de mecenado da Lareira de soños e feligreses da parroquia e ofrecidos á Virxe quenes poñan coas súas aportacións económicas, remedio ao deterioro e máis que segura desaparición destas pinturas renacentistas do Mestre de Parga, uns dos frescos máis importantes da iconografía relixiosa do rural galego e chairego.
O destino da recadación da Romaría dos Desamparados á restauración dos Frescos, non deixa de ter unha importante carga simbólica (ademáis da material) como un milagre da Virxe diante do desamparo das pinturas na súa igrexa, con orixes no século XII e con posteriores ampliacións, e que pola Pascua atrae a milleiros de romeiros a pedir remédio para os males de saúde. Polo que se vé, a Virxe non só atende a saúde humana, senón a do próprio templo e a súa marabillosa decoración interior, que precisa lucir a carón dos tres fantásticos retablos e do Calvario exterior que agardemos tamén esteña reparado antes do San Vicente próximo (cumprirá un ano rompido por un accidente de tráfico).
A Santa Vilarega amosa así a súa implicación coa parroquia e de paso, pon en evidencia a indiferencia institucional diante dunha demanda xusta adiada ao longo dos anos e que leva ás pinturas a unha situación que pode resultar irreversibel, un feito que nos ten levado a plantexar unha campaña de mecenado social (coñecida popularmente como crowdfunding) para que sexa a sociedade quen atenda aquelo que descuidan aqueles organismos que din que nos representan.
Non é unha reivindicación en beneficio da igrexa, que tamén, senón unha acción para salvar un patrimonio que é de todos, por iso o título FRESCOS DOS VILARES, V SÉCULOS DE NÓS para a campaña que desenvolveremos desde primeiros do próximo ano e que terá entre outros contidos, un spot , folletos explicativos, carteis, pancartas, xornadas con profesionais e apoios de persoeiros da sociedade e da cultura, e o apoio, tamén, da Virxe dos Desamparados. Boa falta nos fará o milagre...
Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2018 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal