de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A BRAÑA DE BOEDO
Na homenaxe aos Tres da Lexía e a Alfonso Blanco en Santa Mariña, coincidín co naturalista de orixes vilaregas Manuel Freire, que ao pé do privilexiado mirador onde se levanta o monumento de Valdi, ensinoume desde o alto a Braña de Boedo e contoume que Guitiriz conta con unha das turbeiras máis importantes do estado, a Braña de Boedo, ao pé mesmo da capital municipal. Un humidal encadrado dentro do LIC "Parga-Ladra-Támoga" e que destaca pola riqueza da súa fauna (odonatos, anfibios e aves), a sua flora, con especies protexidas e outras próprias das brañas e algunha planta carnívora. No ano 2011 a Asociación de Amigos da Terra denunciou na administración a execución dunha drenaxe, que aumetaba as canles de desaugue e cavaba outras canles novas. O efecto máis inmediato desta acción foi a desaparición de numerosos puntos de auga estancada, moi favorables para a reprodución dos anfibios. Accións consecuencia da falta de protección para este importante espazo, mais incomprensíbel aínda cando falamos de Guitiriz como o concello da auga e da pedra.
Esa falta de declaración de espazo natural protexido, permitiu no seu momento tamén o emprazamento do polígono industrial de Guitiriz na cabeceira da braña, unha das turbeiras máis grandes da península e a mais importante de Galiza a pesares dese esquecemento ao que é sometida polas institucións científicas, consellerías, a deputación e o proprio concello.
A grande riqueza e diversidade dos compoñentes dos humidais fan que estes se atopen entre os ecosistemas máis complexos e produtivos constituíndo un valioso patrimonio cultural e natural e xogando un importante papel na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico.
A Braña ten ademáis da súa riqueza natural, a sua própria história da interacción humana e mesmo lendas coma a da cidade asolagada recollida pola revista As nosas raíces de Xermolos no ano 2000 e da que se fixo eco a publicación A Galicia Encantada.
Sorprende ver como Guitiriz vive de costas ás súas próprias potencialidades naturais e etnográficas que poderían convertila nunha referencia pola inmensa riqueza que atesoura e que ten a obriga de protexer, riqueza que moitos dos seus veciños descoñecen ou só coñecen parcialmente.
No caso das Brañas de Boedo o primeiro paso debe servir a declaración como mínimo de "Humidal protexido" na rede de espazos naturais da Xunta de Galicia, e desenvolver nestas brañas as labores de investigación e divulgación necesarias para convertilas nunha das referencias naturais máis importantes do estado cos apoios e investimentos aos que a verdadeira importancia da turbeira de Guitiriz ten dereito. Camiño do segundo ano de peche do balneario, o concello precisa recuperar esa actividade emblemática e potenciar o enorme potencial natural que posúe para convertilo nun motor da súa economía e calidade de vida e as Brañas de Boedo son tesouro que se debe poñer en valor. Non hai un minuto que perder...
Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2018 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal