de Guizán


Caderno Dixital de Antón Tenreiro
Caderno digital de Antón de Guizán .

O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A XESTA, EN LALIN, PODERA ENTRAR AOS VILARES
O próximo dia 10 de xuño ás 21:00 horas a Asociación de Veciños San Pedro Félix da Xesta (Parróquia singular de Lalín 2018) organiza a proxección do documental Entrar aos Vilares, producido pola Asociación da Terra Chá, Lareira de soños arredor da parróquia do poeta Xosé María Díaz Castro. O filme foi finalista da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela en tres categorías (mellor filme, mellor producción galega e prémio do público). A proxección contará com membros da equipa de realización que manterán um colóquio co público asistente.

Sigue polo tanto, a "Xira Trapeira" do filme da parróquia dos farrapeiros por Galiza adiante:

"Entrar aos Vilares é, máis ou menos, un intento de explicar un lugar partindo de cero. Cando aos tres realizadores nos fixeron a proposta de facer un documental sobre Os Vilares, non tiñamos moi claro se iamos ser quen de comprender o que é a parroquia e o que representa para a xente que vive alí, nin se iso ía ser necesariamente interesante (para nós e para quen puidera velo despois). Así que a solución que se nos ocorreu foi, simplemente, rexistrar o noso intento. Así, aínda no caso de fracasar, teríamos como mínimo a opción de ensinar o retrato honesto das nosas limitacións.
Por iso a película dá, se cadra, a sensación de estar en proceso, ou de ser a ratos un vídeo doméstico. Preguntamos aos veciños tentando comprender a identidade do lugar, buscando as súas particularidades, arredor da idea de buscar a historia na vida cotiá. Observamos as paisaxes e os diferentes espazos da parroquia, ás veces cheos de actividade e ás veces baleiros. E, mentres o facemos, tentamos confrontar iso coa nosa propia perspectiva de xente nacida na cidade e estudante de cine, que nos leva aínda que non queiramos a facer as preguntas que facemos, ir aos sitios aos que imos e xogar entre nós. Non podiamos sequera pretender ser obxectivos, así que fomos subxectivos. Igual que nós entramos nos Vilares, no mellor dos casos o espectador podería entrar con nós, dubidar con nós, desviarse con nós do propósito inicial e, cada un á súa maneira, aprender".

-Cibrán Tenreiro (Director).


SINOPSE:

Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:

1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.

2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.

3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2018 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal