antonte


Caderno Dixital de Antón Tenreiro

TrackBack





O meu perfil
antontenreiro@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Qué é iso do Consenso?
A quen corresponda...

Denomínase consenso a un acordo entre dúas ou máis persoas en relación a un tema.

Unha decisión por consenso, non obstante, non implica necesariamente o consentemento activo de cada un, máis ben consiste nunha aceptación no senso de non-negación. Neste tipo de modalidades de decisión encontrou o seu fundamento a democracia grega.

Outras interpretacións do vocablo inciden na idea do consenso como formador das sociedades (en oposición aos conflictualistas, que atopan en Hobbes a explicación máis veraz nas súas interpretacións sobre a existencia da sociedade, defendendo unha natureza humana tendente en maior ou menor medida á igualdade de conxuntos de crenzas, con distintos argumentos e elementos teóricos en cada caso.

Deste xeito pódese falar de dous significados: un é o acordo xeral entre os membros dun grupo ou comunidade, e o outro é unha teoria e práctica de recepción de acordos.


Consenso versus decisións por votación

O consenso establécese cando dúas ou máis partes chegan a un punto común de decisión durante unha negociación
Ao contrario do consenso, unha decisión tomada por medio da votación tende a reforzar a opinión dunha única parte

O consenso é, deste xeito, obtido polo feito de que ambas partes ceden, concordan e discordan, obtendo un resultado final diferente do inicial tomado como punto de partida, producindo benefícios e perdas comúns a ambas partes ou ata mesmo coa formación dunha nova solución, que incorpore a suma de ambas posicións. As partes buscan os obxectivos en común das súas propostas, dialogan para definilos, negocian os trocos, tentando manter os mellores puntos e desfacéndose dos que consideran peores ou menos importantes.

Por medio das palabras, as partes descubren se hai consenso ou non. Deste xeito a decisión por consenso ten a tendencia de ser máis construtiva, xa que nela tódalas opinións son escoitadas, ponderadas, e inclusive as minorías ou partes menos influíntes do grupo teñen voz para renegociar unha determinada decisión, expoñendo os seus puntos de vista e manter unha discusión sobre un determinado asunto ata que se chegue a un consenso. Neste aspecto o consenso ponse en relación coa liberdade coa que unha persoa traballa nunha comunidade ou grupo.

Débese ter coidado para non confundir a procura dun termo medio co consenso, pois este é un método de toma de decisións no que as opinións de todos son escoitadas e a solución final non necesariamente é produto dun termo medio.

É posible que algún conflito de intereses imposibilite a construción dun consenso. Nestes casos, a resolución pode obterse por medio dunha votación.

A votación é outra metodoloxía para a toma de decisións e a resolución de conflitos. É un método empregado nos casos nos que o consenso é impraticábel. Xeralmente, cuestións que conlevan gustos persoais e criterios de índole moral teñen maiores dificultades para que se poida obter un consenso, pois algúns detalles da discusión poden ser considerados inflexíveis.

Deste xeito a votación é unha vía para obter a maioría, e facer que a decisión acordada sexa aceptada e respetada conforme as regras predeterminadas de común acordo, a pesares de que a parte perdedora non concorde co resultado após o fin da votación, polo que é diferente da idea de consenso, no que todos buscan puntos de común acordo.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2010 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
MARIA PITA: O MILLOR DESEÑO, NINGÚN DESEÑO.
O arquitecto madrileño Alejandro Zaera deseñou para a praza coruñesa de María Pita unhas terrazas con cuberta tipo vela marina e con estructuras máis blandas que as predecesoras terrazas de paco Vazquez. Os hosteleiros non están de acordo co deseño suponse que por motivos fundamentalmente económicos. Eu tampouco pero por razóns ben diferentes.

O Partido Popular, no seu estilo, tamén está (como en todo)en contra porque "pasaba por alí".

María Pita foi concebida para o disfrute dos cidadáns en toda a súa superficie e para protexerse da intemperie cando chove debaixo dos soportais, en ningún caso para ter que soportar antiestécicas estructuras fixas ao londo do ano para beneficio exclusivo dos negocios e para perxuizo dos seus lexítimos propietarios: os veciños.

Parece que a opinión dos hosteleiros ten máis relevancia que a dos propios cidadáns como si de unha propiedade privada se tratara, cando o procedente debera ser a restitución da praza ao seu estado orixinal excluíndo da mesma á propia estatua da heroína, máis propia de un xardín clásico que de un espazo que debera ser diáfano deixando a posibilidade de instalación de terrazas hosteleiras para períodos temporais de bó tempo.

Propoño que se deixe de denominar terrazas a calquera tipo de estructura fixa máis propia de chamarse galpón, invernadeiro ou pendella. Nin os coruñeses en particular nin os galegos en xeral merecemos o maltrato que ten padecido este conxunto arquitectonico e patrimonial nin o que se está a proxectar.

María Pita é única sen aditivos horteras que a agredan, máis feos ou máis bonitos, simplemente porque non son dela (refirome á praza) estatua incluida.

Categoría: Xeral - Publicado o 08-03-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A ver si aprendedes, carallo!

DICCIONARIO GALEGO:


Resignación: ai que carallo!

Indignación: que carallo!

Cachondeo: bueno, carallo, bueno!

Desplante: vai ó carallo

Inquisitivo: que carallo é!

Contrariedade: tócate o carallo

Cansancio: deixate de caralladas

Ofensa: Este carallo é parvo!

Templanza: cálmate, carallo!

Ameaza: ven, carallo, ven

Negación: non, carallo, non

Negacion rotunda: nin carallo nin nada

Xuramento: me cago no carallo!

Ira: me cago no carallo, carallo!

Alabanza: é un home de carallo

Dubida: o carallo vintenove

Extrañeza: pero ¿que carallo pasa?

Desprezo: pásamo por debaixo do carallo

Animoso: dalle, carallo, dalle

Caprichoso: saíume do carallo

Cualitativo: non vale un carallo

Valorativo: róncalle o carallo

Fatalidade: ten carallo a cousa...!

Agotamento: xa estou ata o carallo

Picardia: o caralliño

Metereoloxia: fai un tempo do carallo

Lonxania: no quinto carallo


Probablemente, si non eres galego no o entendas...
Categoría: Xeral - Publicado o 04-03-2010 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Eva Castro: “Esta Xunta meteume nunha lista negra”

"É moi grave que dean cartos a David Meca, que foi suspendido por dopaxe".

A ciclista de mountain-bike Eva Castro conta con varias medallas estatais e internacionais, entre eles un bronce europeo. Malia aos seus éxitos, o Xacobeo retiroulle un apoio de 12.000 euros anuais sen os que non pode competir e que si recibiu nos últimos tres anos.



Por que non ten agora axudas?

O Xacobeo díxome que xa non tiña previsto facer patrocinios individuais e que falara coa Dirección Xeral para o Deporte. Falei con eles pero sigo agardando. Sen eses 12.000 euros, eu non podo competir.



Pero a Xunta si pagou a David Meca por un acto.

Iso paréceme moi grave. Hai moitos deportistas galegos de elite sen axudas e é moi grave que se lle dean cartos a deportistas non galegos, incluso a algúns como David Meca, que foi suspendido por dopaxe. Eu estou fastidiada, pero outros moitos tamén o están.



Continúa vostede adestrando?

Claro, por se acaso. Estou buscando axudas pero coa crise, é normal que as achegas das empresas non sexan tantas como antes. Sen os cartos que recibía do Xacobeo terei que renunciar, é así de triste, pero é o que hai. E estamos falando de 12.000 euros, non dun millón.



O Xacobeo di que antes non se aplicaban criterios obxectivos e que non se tiñan en conta os resultados para dar axudas.

É indignante que digan isto. Eu recibín cartos do Xacobeo e obtiven resultados; non estou pedindo por pedir. A min tamén me deron esa explicación e doeume moito. Se cadra había algún deportista que recibía axudas da Xunta e rascaba a barriga, pero eu?



Di a oposición que vostede está nunha lista negra, cre que é certo?

A min tacháronme. Estou nunha lista negra, segurísimo.



Por que?

Non sei, supoño que basta que me axudasen outros antes, a política funciona así, pero se me axudan, eu terei que ser agradecida. Logo dixen nunha entrevista que igual tiña que colgar a bici por falta de axudas, pero eu non me metín con ninguén.



Cre que iso foi suficiente para que a marxinasen?

Eu non lle faltei a ninguén nin nunca tiven problema con ningún partido político. O que teño claro é que agora non teño nada que perder e que antes de todo, son persoa. Vou coa verdade por diante porque non lle fixen mal a ninguén.

*entrevista de Xornal de Galicia 04/03/2010
Categoría: Xeral - Publicado o 04-03-2010 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CIRQUE DU SOLEIL: o saltimbanco do Xacobeo
O prestixioso Cirque du Soleil actuará en Compostela co espectáculo "Saltimbanco" patrocinado polo Xacobeo, o cal resulta unha agradable noticia tendo en conta a feble programación existente cando imos no terceiro mes do ano xacobeo.

E por non pasar desapercibido, o evento, anunciase en cuñas de radio "en español" e en valados xigantes no mesmo idioma como si tal mensaxe non se puidera entender en galego ou tal vez o espectaculo perdera categoría polo feito de anunciar un evento pagado polos galegos en idioma galego.

Por outra banda, as entradas están esgotadas case desde o comenzo da venta, polo que moitos sospeitan que foron acaparadas polo propio goberno para agasallo de "amigos".

De seguir así, a este ano santo deberemos cambiarlle tamén o nome por "JACOBEO" para que os que o dirixen se atopen máis cómodos.

Moito éxito ao Circe du soleil e máis autoestima aos do Xacobeo, que boa falta lles fai!
Categoría: Xeral - Publicado o 03-03-2010 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DQL dalleQlibras, comenza con un grande éxito na súa presentación
http://www.youtube.com/watch?v=OdK7-q0eiL4



Nace en Oleiros a primeira empresa galega
especializada en produción de eventos
multimedia, monumentais e de grande
formato


O nacemento de DQL supón a posta en marcha dun proxecto único en Galicia, con
vocación de equipararse coas grandes compañías de espectáculos que existen en
Europa e no mundo, e con capacidade para exportar, fóra das fronteiras galegas,
grandes produtos creados e ideados dende aquí.

O arranque de dallequelibras tivo lugar onte xoves no Castelo de Santa Cruz (Oleiros),
onde máis de 200 persoas representantes do mundo da cultura, da empresa e das
institucións galegas puideron presenciar a gala de presentación, na non faltou un
espectáculo aéreo coa trapecista Sue Moreno, un cóctel ambientado por un grupo de
jazz, e unha performance exlusiva de danza co grupo Entrecaixas. Todo acompañado
de espectaculares xogos de luces, efectos de iluminación en láser e novas tecnoloxías.

DQL (DalleQueLibras) chega ao mundo empresarial galego para encher un baleiro
no sector da organización e produción de todo tipo de eventos e espectáculos.

Nun país rico en cultura, en arte, en celebracións autóctonas e en
acontecementos festivos como é Galicia, faise imprescindible a existencia dun
grupo de traballo con capacidade para converter calquera acontecemento nun
espectáculo de calidade que non deixará indiferente a ninguén.
Todo isto, co aval d@s profesionais galeg@s que conforman o proxecto e que
garanten, coa súa experiencia, a plena satisfacción de quen decida contratar a DQL
(DalleQueLibras).

Facemos real o incríbel, facemos visíbel o imaxinario.

QUE FACEMOS
Realizamos un estudo pormenorizado do evento a realizar, supervisamos o espazo onde se
desenvolverá o espectáculo, documentámonos sobre o motivo da celebración e creamos un proxecto
a medida con e para o cliente, valorando as técnicas a utilizar.
Proxeccións arquitectónicas
A utilización de proxectores de alta potencia permítenos transformar as fachadas de edificios e
monumentos en pantallas xigantes, creando espectáculos audiovisuais que proxectan imaxes do noso
pasado, presente e futuro, ou sinxelamente as transforman en grandes lenzos de cor.
Fontes cibernéticas programables
As coreografías acuáticas, danza da auga sincronizada coa música, os seus cambios de cor, proxeccións
de vídeo sobre cortinas de auga, chorros de máis de 30 metros de altura, colectores con máis de vinte
tipos diferentes de efectos,... En definitiva, a posibilidade de gozar dun grande espectáculo acuático en
calquera espazo, prazas, pavillóns, etc. Montaxes modulares de ata 150 metros de ancho.
Láser e fibra óptica
A reinvención destes medios como ferramenta de traballo en espectáculos permítenos crear
fantásticos efectos de volume no aire, proxección de animacións multicor sobre edificios, pantallas de
auga, e incluso proxectar sobre montañas, cantís, etc.
Iluminación artística
Descubrir a beleza de edificios, xardíns e monumentos durante a noite, crear ambientes, transformalos
con cambios de cor, ou iluminar de forma especial para destacar as súas cualidades. Estudamos e
realizamos proxectos a medida das súas necesidades.
Performances artísticas específicas
Producións teatrais e circenses deseñadas especificamente para cada evento multimedia. Recreacións
históricas e performances únicas de gran formato con artistas galegos de contrastada calidade, tanto
no teatro, coma no circo e no audiovisual. Acompañamos estas producións con guindastres de distinto
tamaño, maquinaria de gran volume e mesmo figuras xigantes, pantallas de cinema de alta resolución ou
pantallas flotantes. Todo deseñado para as necesidades concretas de cada cliente.
Servizos de Comunicación
Xestionamos e tratamos a información xerada por cada evento, creamos unha estratexia de
comunicación específica para cada cliente, fomentando o interese informativo nos medios de
comunicación e a máis ampla cobertura posible do acontecemento. Contamos con axendas mediáticas
por seccións temáticas e por localidades, que poñemos ao servizo de cada cliente xunto coa
profesionalidade e a experiencia que nos avala.


Desde dalleqlibras queremos agradecer o apoio masivo que recibimos onte na nosa presentación no Castelo de Santa Cruz. Tamén, ante as peticións de información e a non disposición aínda da páxina web (que está nestes momentos en construción e avisaremos en canto estea operativa), enviamos os contactos de correo electrónico e una pequena reseña informativa sobre a nosa actividade.

Grazas e un saúdo a tod@s.


DQL somos:

Antón Tenreiro: Departamento comercial
anton@dalleqlibras.com
Isabel Risco: Departamento de arte
isabel@dalleqlibras.com
Jesús R. Arias: Departamento técnico
suso@dalleqlibras.com
Ledicia Trillo: Departamento de comunicación
ledicia@dalleqlibras.com

Correo xeral: dalleqlibras@dalleqlibras.com
Categoría: Xeral - Publicado o 12-02-2010 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DQL: dalleQlibras (o sitio é pequeno, pero libramos)
Nace en Oleiros a primeira empresa galega especializada en produción de eventos multimedia, monumentais e de grande formato.


Este xoves, 11 de febreiro, ás 19.15 horas, o Castelo de Santa Cruz (Oleiros) acolle a gala de presentación deste novo proxecto empresarial, que contará con diversas performances artísticas, música en directo e un cóctel para as persoas convidadas. Representantes galegos do mundo da cultura, do tecido empresarial e das institucións participarán neste acto acompañando aos responsables de dalleqlibras, que nace en Galicia con vocación internacional, sen medo a competir nun mercado global con produtos de identidade galega modernos e espectaculares, únicos e creativos.


Na gala proxectarase un audiovisual da empresa, realizarase un espectáculo aéreo coa trapecista Sue Moreno, haberá un cóctel ambientado polo DQL Jazz Trio, e unha performance exlusiva de danza co grupo Entrecaixas. Todo acompañado de espectaculares xogos de luces en pantalla ecolóxica de Led´s de última xeración, efectos de iluminación en láser e novas tecnoloxías. Poderanse apreciarespectaculares efectos de iluminación desde o paseomrítimo e o porto de Santa Cruz en Oleiros.


DQL convértese así na primeira empresa galega que é quen de organizar, producir e xestionar xigantescas proxeccións arquitectónicas, en láser, en 3D e impresionantes cortinas de auga acompañadas de creacións artísticas e sons deseñados especificamente para cada evento. Aplicamos as novas tecnoloxías multimedia de imaxe e son aos espectáculos e, ao mesmo tempo, poñémolos en valor desde a nosa propia identidade.



Facemos real o incríbel, facemos visíbel o imaxinario.


www.dalleqlibras.com
dalleqlibras@dalleqlibras.com
Categoría: Xeral - Publicado o 09-02-2010 15:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CONSORCIO 2010: CERO EUROS PARA INVESTIMENTO
Feijoo menteCelebrouse o pasado Venres pola mañán a asamblea xeral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, na que se aprobaron os orzamentos para este ano cos votos favorábles do PP e co voto en contra dos alcaldes de PSOE e BNG.

Capítulo de investimentos: 0 (cero) euros, o que supón que ningún novo centro de día, ningunha oficina de I+B, ningún novo centro Quérote, ningunha Galescola... nada de nada.

Un alcaldde comentou que si se lle ocurrira a él aprobar un orzamento sen investimento no seu concello, teríano corrido a gorrazos...

Convén lembrar agora a promesa electoral de Feijoo na pasada campaña: "Todos os concellos de máis de 1.000 habitantes terán un centro de día".


Tamén é certo que non dixo cando...
Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2010 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DAVID MECA 99.000€, EVA CASTRO 0 (CERO) EUROS
O xacobeo, como non hai cartos, só lle puido pagar 99.000 euros ao nadador catalán David meca por vir a montar un lamentábel espectáculo de bómitos nunha suposta ruta xacobea entre Vilagarcía e pontecesures.

Un grande acerto apostar por un deportista catalán, condenado por dopaxe, para un evento de promoción puntual de un só día e de unha máis que discutíbel repercusión mediática.

Mentras, numerosos deportistas galegos de elite lamentanse da falta de apoio da Xunta, e asisten a esta "antridada" do conselleiro Varela coa complicidade da secretaría xeral para o deporte que depende directamente do presidente Feijoo.

Eva Castro, muller deportista non profesional paro sen embargo medallista europea de BMX na modalidade de Four Cross queda sen os 12.000 euros que en anos precedentes lle permitiron a acudir ás probas da Copa do Mundo en catro continentes, acadando importantes éxitos e levando o nome de Galicia e do Xacobeo por canales de televisión e internet.

99.000€ pagados a un deportista de fora mentras se desprecia ao deporte galego, que para este goberno non debe merecer representar o propio País.

Non lles serve agora David Cal despois de telo utilizado politicamente contra o bipartito?, e os medallistas olímpicos Perucho ou Antón Paz? e o nadador recordman, e medallista Chano Rodríguez? e os triatletas Raña e Gómez Noya? e Teresa Portela, etc, etc?

Preparemonos porque o paseo de deportistas alleos para cobrar do xacobeo aínda non rematou; Gasol, casillas, Nadal e outros virán un día, cobrarán abultadas cifras e marcharán mentras os nosos siguen a agardar axudas como quen agarda limosna do seu goberno... esto é o que hai, que nos representen e se aproveiten de nós os de fora.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2010 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DQL: dalleQlibras!! servizos multimedia
DQL: dalleQlibras

Servizos Multimedia

Realizamos un estudo pormenorizado do evento a realizar, supervisamos o espazo onde se desenvolverá o espectáculo, documentámonos sobre o motivo da celebración e creamos un proxecto a medida con e para o cliente, valorando as técnicas a utilizar.

Proxeccións arquitectónicas

A utilización de proxectores de alta potencia permítenos transformar as fachadas de edificios e monumentos en pantallas xigantes, creando espectáculos audiovisuais que proxectan imaxes do noso pasado, presente e futuro, ou sinxelamente as transforman en grandes lenzos de cor.

Fontes cibernéticas programables

As coreografías acuáticas, danza da auga sincronizada coa música, os seus cambios de cor, proxeccións de vídeo sobre cortinas de auga, chorros de máis de 30 metros de altura, colectores con máis de vinte tipos diferentes de efectos,... En definitiva, a posibilidade de gozar dun grande espectáculo acuático en calquera espazo, prazas, pavillóns, etc. Montaxes modulares de ata 150 metros de ancho.

Láser

A reinvención deste medio como ferramenta de traballo en espectáculos permítenos crear fantásticos efectos de volume no aire, proxección de animacións multicor sobre edificios, pantallas de auga, e incluso proxectar sobre montañas, cantís. Efectos con fibra óptica, leds, etc.

Iluminación artística

Descubrir a beleza de edificios, xardíns e monumentos durante a noite, crear ambientes, transformalos con cambios de cor, ou iluminar de forma especial para destacar as súas cualidades. Estudamos e realizamos proxectos a medida das súas necesidades.

Performances artísticas específicas

Producións teatrais e circenses deseñadas específicamente para cada evento multimedia. Recreacións históricas e performances únicas de gran formato con artistas galegos de contrastada calidade, tanto no teatro, coma no circo e no audiovisual. Acompañamos estas producións con guindastres de distinto tamaño, maquinaria de gran volume e mesmo figuras xigantes, pantallas de cinema de alta resolución ou pantallas flotantes. Todo deseñado para as necesidades concretas de cada cliente.

Servizos de Comunicación

Xestionamos e tratamos a información xerada por cada envento, creamos unha estratexia de comunicación específica para cada cliente, fomentando o interese informativo nos medios de comunicación e a máis ampla cobertura posible do acontecemento. Contamos con axendas mediáticas por seccións temáticas e por localidades, que poñemos ao servizo de cada cliente xunto coa profesionalidade e a experiencia que nos avala.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2010 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2] [3]
© by Abertal