Anova camiña cara a xornada decisoria da súa primeira Asemblea Nacional ordinaria tras unha asemblea deliberante con moita participación, bo ambiente e ilusión.
O formato novidoso de asemblea deliberante previa á xuntanza decisoria non defraudou, pois propiciou o debate tranquilo e o intercambio de posturas e pareceres, con case setenta intervencións, que se completa agora cun mes de traballos para recoller as aportacións e re-elaborar a proposta de teses a debate na asemblea decisoria tendo en conta as achegas neste proceso previo.
Os métodos empregados nesta primeira asemblea ordinaria de Anova casan coa convicción de Xosé Manuel Beiras de que "estamos a construír a escola da nova cultura política".
Na súa alocución de clausura, o voceiro de Anova apostou por afortalar Anova como proxecto estratéxico do nacionalismo galego e dinamizar o seu traballo no seo da sociedade, pois "quebra democrática non será institucional senón social".
Apelou á rebelión da cidadanía, do 99% esmagado por unha oligarquía que se organiza a nivel mundial.
Beiras chamou á militancia de Anova a "retroalimentarse" coa sociedade civil organizada que está a poñer dinamita ás bases do sistema.
"En xuño Anova terá os planos para construír o edificio e será unha marea azul e vermella", rematou.http://www.anova-galiza.org/
Xosé Manuel Beiras en roda de prensa no Parlamento: "O presidente da Xunta, Nuñez Feijoó, ten que poñer o seu cargo a disposición do Parlamento, non do seu grupo, e explicar as súas relacións co contrabandista Marcial Dorado".
"Alén dos Pirineos", afirmou, "isto sería un motivo máis que abondo para dimisión, pero, como dicía Fraga, 'Spain is different". "E non nos vale tampouco que o presidente da Xunta se dirixa a nós a través dos medios de comunicación, nin moito menos por comunicados risíbeis de adolescente inmaduro do Opus cachado nas patacas, debe comparecer na Cámara de representantes do pobo galego", engadiu Beiras.
Para o voceiro de Anova, que Feijóo asegure que, na data das imaxes, non sabía das actividades de Dorado resulta ridículo. "Debía de ser un único cidadán que non sabía quen era Marcial Dorado nunha etapa en que algunhas mulleres loitaban con afouteza contra o narcotráfico". Era, amais, unha etapa sobre a que agora comeza a haber luz e na que, lembrou Beiras, o ex presidente Albor se xuntaba en Portugal con sonados contrabandistas e Fraga Iribarne mantiña relacións con Terito ou Falconetti. "Non queremos dicir que Feijóo fixese acordos no iate de Marcial Dorado, pero debía saber con quen andaba, porque senón, é que Feijóo era xordo e cego e non escoitaba. Estaba no illamento social que, para el, debía ser estar illado no iate de Dorado".
"Algo cheira a podre en Elsinor, como dicía o don Hamlet de Cunqueiro", concluíu Beiras.