O ACORDO DE COALICIÓN ENTRE ANOVA E EU, É A CONCRECIÓN POSÍBEL ATÉ AGORA, DA OFERTA DE FRONTE AMPLA PROPOSTA POR ANOVA AO BNG, CXG, EU.
Domingo, 09 Setembro 2012
"A coalición é un acordo de unidade de acción e non un casamento, e segue aberta"
"A coalición é un acordo de unidade de acción para dar a réplica que se merecen á caterva de espoliadores, agresores dos dereitos cidadáns, deturpadores e inversores dos contidos de autogoberno logrados e conquistados historicamente de maneira limitada no Estatuto de Galiza, que hoxe ocupan a maioría parlamentaria e a Xunta de San Caetano ou brigada de demolición e limpeza étnica." (Máis)
Cambre dispón dun instrumento de participación cidadá moderno. O Regulamento de Participación Cidadá de Cambre foi aprobado no pleno da corporación do 20 de maio de 20011 por unanimidade. Foi a conclusión dun proceso de debate e elaboración dirixido dende a daquela Concellaría de Participación Cidadá dirixida por un nacionalista. Foi un esforzo colectivo no que participaron técnicos municipais, responsábeis políticos pero tamén moitas persoas das asociacións de Cambre. Lembramos as declaracións do naquel momento aspirante popular a alcaldía e agora alcalde alagando este traballo e felicitándose da súa aprobación. Pasado máis dun ano dende a súa toma de posesión o alcalde ten o Regulamento durmindo na páxina web municipal (podes descargalo aquí) sen que se lle coñeza outro uso que ocupar bytes no ciber espazo.
Pois imos comezar a usalo. Pedindo información, presentando denuncias e formulando propostas. E propoñemos que se use por todo o mundo.
Os dereitos cidadáns están recoñecidos e teñen amparo legal, exerzámolos.
Pois xa estamos aquí. Levamos uns meses convulsos e de moito traballo. E ilusiónante sobre todo. Claro que non é nada tendo en conta o que a cidadanía está a sufrir nestes últimos anos. E, fundamentalmente, no último período. Pero precisamente iso motivou que diferentes persoas coincidiramos unindo esforzos para tentar cambiar as cousas, para resistir e tamén para avanzar.
Sabemos que é actuando no máis próximo como poderemos contribuír. Queremos, dende o local, aportar o noso grao ao conxunto. Case ninguén podía albiscar hai poucos anos que estaríamos neste momento nun proceso de desmantelamento dos dereitos conquistados con tanto esforzo. A maioría nin sospeitabamos que o urxente e imprescindíbel pasaría a ser a defensa de servizos, de dereitos, de prestacións, que considerabamos xa consolidadas, inmutábeis. Pero aquí chegamos e só co esforzo colectivo, a xenerosidade e a responsabilidade poderemos conseguilo.
Apenas hai catro meses que un grupo de homes e mulleres comezamos en Cambre a falar do que se podía facer. Preocupados pola situación do noso concello, pola regresión nos dereitos colectivos cidadáns, pola destrución dos dereitos acadados e pola demolición programada da nosa propia existencia como Nación, participamos na creación, xunto con centos de cidadáns ao longo do país, dunha nova organización que apenas ten mes e medio de vida, ANOVA irmandade nacionalista.
E estamos dispostos. Imos falar de Cambre e da comarca onde vivimos. E imos dar alternativas e facer propostas. Agora comezamos, publicamente, e nos marcamos como repto axudar a desaloxar democraticamente á ?brigada de demolición? instalada na Xunta. Desexamos facelo en colaboración solidaria con aquelas forzas políticas e sociais e con todas aquelas persoas que queren cambiar a actual situación. Nos vindeiros días haberá novas boas. Somos moitos e moitas os que coincidimos e temos que traballar xuntos.