Cambre, 12 de marzo de 2013
Anova Irmandade Nacionalista considerou unha auténtica aberración a colocación dun módulo de servizo público portátil na entrada do Parque da Igrexa de Cambre. Fontes de Anova indicaron a dificultade en comprender como a ninguén se lle pode ocorrer tal idea e insistiron en que o bipartito (PP+Grupo Mixto) de Cambre non para de darlle sorpresas a os veciños coa súa improvisación, falla de rigor, e ausencia de proxecto.
Con todo, para os nacionalistas de Cambre, o peor é a insensibilidade que demostran.
Lembran que a colexiata de Sta Mª de Cambre é un ben de interese cultural (BIC) dende os anos trinta, e que non pode utilizarse só como pretexto
para contratacións superfluas, en referencia á
nova imaxe coa proxección da igrexa que utiliza o goberno, que lle costou uns cartos innecesarios ás arcas públicas, mentres non teñen o menor coidado co coidado do contorno do monumento. Hai que manter servizos públicos no espazo do Campo da Feira e do Parque da Igrexa como xa estaban dende hai moitos anos, afirmaron, pero débese buscar a mellor situación sen afear o lugar e causar un impacto noxento sobre un valor patrimonial que se debe tratar con exquisitez.
Por último, as mesmas fontes de Anova, esixiron que dende a Dirección Xeral de Patrimonio deran unha chamada de atención ao alcalde de Cambre, "un tirón de orellas", por esta conduta impropia. Ao tempo que lamentaron a ausencia de pronunciamento por parte dos grupos da oposición, aparentemente mudos neste asunto.