A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTRELAS DE OUTONO

Cando subín ao autobús, algo me dicía que aquela ía ser a última vez que levaría no meu cartafol a partitura do "Ave María" de Ketelbey. Ben, pasou tanto tempo que agora mesmo non lembro se esa era unha das partituras, pero supoño que xa non ten importancia.
Lembro que na viaxe de ida había unha tensa calma, quizais porque entre as persoas que facían parte daquel grupo existía unha ficticia camaradería que, apenas unha volvía a cabeza, se convertía nun rosmar incesante sobre "dimes e direiches" daquela ou daquel que leva xoias ou garavata.

Era o inicio da primavera. Tal vez fosen os primeiros días de abril, non o lembro con claridade. Ao rematar o concerto sentámonos a carón dunha longa mesa, disposta en L, e gozamos das sinxelas pero saborosas viandas coas que nos agasallaron. Conversamos, rimos, cantamos cantigas populares...

Ata que apareceu ela, coma un agoiro do outono que aínda estaba lonxe. Acomodou lentamente na mesa que había en fronte de min. Ninguén reparou nela. Era case insignificante, ataviada con roupas farrapentas, luvas sen dedos e un chapeu calado ata as cellas. A moza do restaurante serviulle empanada, chourizo, queixo, pan e salchichón. Colocou diante dela unha copa e unha botella de viño.

Desde a miña cadeira, entre a copa da auga e a botella de cervexa, entre conversas baleiras e risas sen sentido, fun vendo como se apagaba aquela estrela, grolo a grolo, bocado a bocado. Pouco a pouco foi escurecendo a luz do seu engurrado rostro. A primavera nacente daquela estrela foi tornando outono...
E sentín que aquelo era un final, coma agora.
Que sería daquel chapeu que escondía unha estrela?


Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-09-2011 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES IV-B

Estas paredes mudaron as cores do verán
e non son miñas.
Non é meu este recanto.
Alguén escureceu as escaleiras
e das fiestras
xa non colgan as persianas
que agochaban a esperanza.
Todo é novo...
e os vellos soños
xa non teñen osíxeno
que levar aos beizos
e respiran as bafaradas
que saen do remol desa larada
na que arden os soños
da nena do paraugas.

Mais...
Sinto o agarimo dunha man
que rosma no vento
unha historia de renuncias
e cobre o meu rostro de aloumiños.
Teño que durmir...
Porei cadeados nas portas do silencio”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 15-09-2011 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.