A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IX - O CUARTO VERDE



O cuarto verde,
coma o verde da esperanza,
non ten máis ca catro cousas
desordenadas.

Folios, libros, regras,
apuntes, roupas, fotos...
todo gardado en caixas.

Unha cadeira, unha mesa,
unha alfombra raiada,
cortinas de caraveis,
unha verde almofada
e unha cama estreita...
estreita tamén a manta.

E nos andeis do armario,
esencias do teu recendo
cando esperta a madrugada.

Neno de limpo sorriso,
de ollos verdes,
de pel branca,
bótote tanto de menos
que a túa ausencia me manca.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 20-09-2010 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
QUEIXUMES E LEDICIAS
E non me queixo. Ás veces queixarse é bo, pois sempre hai alguén a carón de nós que nos bota unha man polo ombreiro, pero as máis non sirve de nada. Quen te quere ben, láiase contigo e sofre. Quen te quere mal, goza coa túa desgraza.
Non obstante, amosar ledicia xa é outra cousa ben diferente. As persoas que te queren ben, sinten ledicia contigo. Ás que te queren mal, próelle a envexa. E tendo en conta que a envexa é un pecado nacional, pois mellor andar o máis lonxe posible dela.
Ven isto a conto de que este ano (conto os anos por cursos académicos, deformación profesional) síntome leda. Non sei se é de verdade ou porque mo esixe o guión, pero síntome leda e tranquila. As cousas van encaixando no seu sito, pouco a pouco. Non teño esa sensación de que os ciclos se repiten, senón a de que as cousas son as mesmas de sempre, pero diferentes, pois muda o enfoque a cada paso.
Quizais a idade establece de seu as fronteiras entre as maneiras de sentir. Ou quizais sexa o sentir o que pon as fronteiras. Ou tal vez as persoas que están sen estar e as que non están, pero existen, coloquen a cereixa no alto do pastel. Ou ao mellor é que imos vendo que quen ven tras de nós tamén encaixa as súas pezas, queixándose, pero camiñando cara adiante... Que sei eu?
A vida é tan complexa, e tan sinxela a un tempo, que queixarse dela é tempo perdido. O mellor é gozala, con alfinetes e cravos, con arumes e luces, pero sempre intensa, conservando en cada poro eses diminutos grans de pó que nos aporta, sen varrelos dos nosos recantos, pois con eles imos construíndo o seguinte escano da escaleira que nos ha de levar á plenitude.
Darame tempo de chegar ao cume?

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 17-09-2010 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
ENQUISA
Alguén me mandou unha invitación para responder unhas cuestións e a verdade é que non sei moi ben se empezar pola última, pola do medio ou, simplemente pola primeira, como se debe facer todo, desde o principio. Non é que eu sexa moito de enquisas (ou memes? O meu vocabulario non dá para modernidades), pero xa que Xenevra me convida, pois tirarei para adiante.


Canto tempo levas como blogger?
Apenas uns meses. Comecei abrinda a fiestra da miña gaiola en blogspot, por suxestión de Xulio López, quen un día me dixo que empregase as súas fotos para porlle imaxes aos meus poemas. Logo veu A nena do paraugas...

Como soubeches da existencia dos blogues?
Non sabería dicilo. Supoño que buceando pola rede, coma todo o mundo. Logo, o blogue do ENL do CPI de Maside foi o meu referente para seguir.

Nomea cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia.
Sigo diariamente máis dos que teño tempo de ler, pero se teño que mentar 5, aínda a risco de que alguén se mosquee, Cristal Rasgado, O Piteira, Xenevra, Tiñádelo que ver, Zeltia...

Es lector anónimo dalgún blogue?
Leo moitos, si. A lectura sempre é anónima. Comento algúns, pero sen anonimato, gústame ir de fronte.

Algúns autores que che esperten especial simpatía.
Cada persoa que leo ou de quen miro (e admiro) con detenemento as imaxes que aporta ten algo que comunicarme. Iso xa é suficiente.

Con qué cinco bloggers irías de esmorga?
Son pequena e non me deixan saír de esmorga. A parte disto, tampouco é que a esmorga sexa uns dos meus divertimentos favoritos.

Con qué blogueiro/a pasarías unha noite de loucura sexual?
O sexo é importante, pero hai cousas que o son moito máis. Son demasiado coidadosa coas miñas eleccións respecto do sexo sentido.

Namoraches algunha vez dalgún blogueiro ou blogueira?
Namoro das palabras e das imaxes, pero estes namoramentos virtuais... como que non me convencen.

Estás satisfeito co teu blogue?
Todo é mellorable. A miña GAIOLA e A nena do paraugas o son e moito. Non son moi hábil coas tecnoloxías.

Escolle entre 3 e 5 bloggers para que respondan estas preguntas nas súas bitácoras.
O mundo é demasiado grande (ou demasiado pequeno, segundo se mire) e non me gusta comprometer a ninguén. Se me permita a licenza, se é posible, deixar esta pregunta en branco. De non se me permitr, se me comunique e rectificarei esta resposta.


Concha L. F.
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 13-09-2010 07:19
# Ligazón permanente a este artigo
VIII - O CUARTO AZUL


A este corredor de silencio
xa non acode a ledicia
cos cabelos enredados,
envoltos en tea de araña.

A este corredor de silencio
xa non chega o preguiceiro
son da voz de adolescencia,
aínda pegado á almofada.

A este corredor de silencio
asoma, cada mañá,
un feble fío de luz
tinguido de ausencia laranxa.

En silencio o corredor.
O cuarto azul, en silencio.
O armario sen segredos,
hai pouca roupa e unha táboa.

E, nos estantes ocres,
lapis rotos e pintura,
remuíños de ideas e inquedanzas
penduradas do teito e dos lenzos...

Ti segues aquí, meu neno...
Aínda que estea baleira a cama.

Concha L. F.

Comentarios (11) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 08-09-2010 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.