A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CRIANZAS GRANDES E PEQUENAS
Non podo negar a miña devoción polas crianzas. Todas me parecen bonitas, alegres, famentas de pan e sabedoría...

Hai 32 anos, cando aprobei o selectivo, soñaba coa Historia da Arte e coa exiptoloxía. Sigo tendo esa espiña cravada, pero a casualidade levoume daquela ao maxisterio e abofé que atopei o meu camiño. Ensinar ás crianzas a andar polo mundo é unha das cousas máis gratificantes que se poden facer na vida. Nunca os resultados son os que se agardan, ás veces nin se achegan ás espectativas, pero con que soamente unha crianza entre centos acade o teito como persoa, xa é suficiente recompensa.

Venme isto á cabeza cando leo a LEOEOSSEUS. Ata estiven tentada a colgar aquí unha foto de hai 23 anos, na que o irmán máis vello (con tres anos) suxeita con firmeza e agarimo a o seu irmán máis novo (catro meses). Non o fago porque non me deron permiso e igual me abroncan e con razón. Entre eses dous rapaces, completamente diferentes ata no físico, hai unha química da que é difícil participar.

Iso pasa ás veces tamén nas aulas: sin saber moi ben como nin por que, hai crianzas que se achegan e manteñen unha relación cómplice ao longo dos anos de escolaridade e mesmo máis alá. Pero para iso é necesario que as persoas adultas que as rodeamos sexamos capaces de canalizar as preferencias, deixemos liberdade vixiada de elección e manteñamos sempre unha actitude de control encuberto. Logo o tempo vai facendo o seu traballo e os lazos que se van formando son tan firmes que é difícil desatalos.

En fin, que xa empezo a falar coma unha avoa... Ou coma unha desas mestras que, pasado o tempo, miran cara atrás e ven que algo bo fixeron día a día coas crianzas pequenas e grandes. Toda unha satisfacción.

Nótase moito que está o 1 de setembro ás portas?

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-08-2011 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
CONTA ATRÁS...

Aínda non empezou, pero logo comezará.

Foron caendo, unha detrás de outra, as follas do calendario, sen deixar máis pegada ca unha pequena cicatriz provocada pola vertixe de días ás carreiras, de voos sobre a memoria, de proxectos de futuro...

Agora esténdese polo chan a sombra do que aínda ha de vir, envolta en branca e impenetrable brétema ancorada á terra, ás paredes da conciencia.... Porque a sombra do día despois está inevitablemente unida con fortes cadeas a aqueloutra que quedou atrás, afogando a luz do agora...

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 20-08-2011 07:13
# Ligazón permanente a este artigo
LUMIEIRAS
Acabo de aterrar nesta rede logo dun descanso. Antes, a verdade, non tiña gana nin motivos e estiven en paro técnico. Precisaba algo así.
Pero este mediodía houbo algo que, nesta calor asfixiante que envolve Ourense, me espertou do sopor. A medidodía mirei polo balcón e o sol desprendía unha estraña cor laranxa. O ruído dos avións axordaba e polo patio de luces o ceo víase negro.
Arde Ourense, preto das casas de Vilar de Astrés, no Pereiro de Aguiar e en Castrelo do Miño.
Coma sempre, pero peor, pois a auga escasea.

Escasea todo, ata a esperanza. Galiza non ten nada. Ou ten moito, pero que non se sabe vender. Agás o lume. Iso véndese ben.

Tamén, este verán estiven en Escocia. Alí todo é verde. As rúas das cidades están cheas de turistas e de cámaras que observan os movementos da cidadanía. No Reino Unido quéimanse cidades. Logo estúdanse as imaxes e castígase aos culpables. Pero todo é lume en todas partes.
Aquí quéimanse montes e ninguén vixía nada. Nunca se atopan culpables. Non se fai labor de prevención. Nada.

Creo que vou facer outro paro técnico para seguir durmindo.

Espertádeme cando todo sexa de novo verde e non haxa lumieiras. Teño medo do lume. Del soamente quedan cinsas e iso destroza a memoria.

Concha L. F.
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 12-08-2011 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.