A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VI - IDA E VOLTA

Devorando o tempo,
foxen as ondas e esvaecen os sentidos
nun berce de figuras fabulosas
que o vento pasea ao seu antollo.
Cos ollos fixos no universo indefinido
de cadrados ocres e amarelos
que se cerran e se abren
sobre círculos en verde,
descansa o inconsciente observando
os puntos que percorren as negras veas de asfalto.
E alá, no alto xeado
pola atmosfera distante,
mesturadas co ronco interminábel,
escóitanse unhas voces dormentes
e voan os soños cara ao horizonte
onde repousará a ilusión,
suxeita agora polas correas do medo.
Non lembro máis ca unha imaxe inexpresiva
no angosto corredor
ofrecendo nun idioma inintelixíbel,
sustento e calma.
Non lembro máis ca un segundo
sen alento nin sangue no labirinto branco,
e unha pel invisíbel que se eslúe
e desaparece envolta na ausencia de presente.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 30-08-2010 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
X - RETRATO



Se puidese pintar o amor,
empregaría o gris que coroa a túa fronte,
despexada de nubes,
mesturado co castaño e o verde
esluídos no branco co que miras
e agradeces agarimos...

Engadiría o dourado matiz
que o sol e o aire da mañanciña
deixan no manto que rodea
o teu sorriso...

E engadiría pálidas pinceladas,
zarrapicadas de estreliñas...
esas mesmas da caixiña
na que levas pechado
o vermello tesouro da túa grandeza.

E engadiría os perfís negros
do lapis co que resolves
cábalas e enigmas...

Se puidese pintar o amor,
pintaríao así,
coma ti,
coas túas cores.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 25-08-2010 06:07
# Ligazón permanente a este artigo
VI - QUEN?



Quen pendurou dos teus ollos
tan espesas e escuras tebras?

Quen borrou dos teus beizos
a liña branca da vida?

Quen puxo nos teus andares
pexa tan curta e ferinte?

Quen, con tan mala saña,
fendeu o manto que, un día,
con tanta fachenda levabas?

Ao mellor fun eu, probe de min!

Por dar luz aos meus ollos,
sen luz te deixei a ti.

Concha L. F.
Foto: "Caída". Xulio López

Comentarios (12) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 19-08-2010 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
MEDIO CHEO OU MEDIO BALEIRO?
Mentres lle daba unha capa de laca vermella intensa ás miñas deterioradas unllas, deume por reflexionar sobre a miña imaxe.

Non é que teña os ollos pequenos, é que teño a cara en xeral, e o nariz en particular, demasiado grandes.
Non é que teña as unllas pequenas, é que as miñas mans son demasiado grandes.
Non é que miña pel se poña vermella co sol, é que o sol non atina a "morenearma" sen queimala.
Non é que teña os pés grandes, é que o agora os zapatos son máis pequenos.
Non é que estea gorda, é que son demasiado baixa para o meu peso.
Non é que teña preguiza, é que o tempo acaba sendo moi aburrido.
Non é que teña o pelo feble e escaso, é que ten que tapar demasiada superficie (de intelixencia).


Non é que o mundo sexa unha merda, é que a nosa merda acaba por enmerdar ata o mundo.

Xa sei que isto último é un tantiño escatolóxico, pero logo das novas de ARDE GALIZA, de que o FUNCIONARIADO é un INÚTIL salvavidas da crise económica (aí tocáronme a fibra laboral), de que na "ZONA 0" ou preto dela Obama aprobe a construción dunha mezquita (son moi respectuosa e conciliadora pero as Torres Xemelgas e Atocha deixáronme sen fala e aínda non a recuperei de todo), de que ás persoas pensionistas se lle queira escatimar a química que fai parte da súa dieta habitual, de que catro pequenos/as empresarios/as pringados/as teñan que pechar as súas empresas para encher o buche de dous millonarios que non teñen nin idea do que é traballar... E demais novas que por aí andan, como que me deu un arrebato de autoestima, oídes! E se ninguén quere facer nada por limpar o mundo, pois vale.

Eu vou acabar de pintar as miñas unllas de vermello intenso e, por favor, que chova dunha vez! Ata boto de menos o inverno! Váiseme estragar o meu paraugas!

E ISO NON PODO PERDOALO! Síntoo.

Concha L. F.
Comentarios (12) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-08-2010 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
RECONTO



En fin, que o verán vai indo pouco a pouco, entre lumes, fumes, calores e cores varias.

Nestas idas e vindas, bambeándome na refescante airexa da noitiña e os poeirentos mediodías, deume por facer inventario das miñas obsesións, esas que espertan cada primavera e que non dan o seu froito ata ben entrado Santiago, aínda que algunhas delas sexan belas xa no San Xoán e mesmo antes.

Coido que calquera día vou perder a conta. A conta e o tino de contar e nomear tulipáns, narcisos e xacintos, azucenas, crisantemos e lilium, margaridas, campánulas e gladíolos, suspiros, caraveis e xeráneos, zinnias, bocas de dragón e dalias, roseiras, framboesas e papoulas, hibiscos, texos e camelias, oliveiras, loureiros e acivros brancos...
E sobre todo, calas. Calas brancas, amarelas, amarelas e granates, amarelas e vermellas, alaranxadas, verdes, rosas e negras.

Calas negras... mantidas en repouso baixo terra durante o frío inverno e asentadas sobre un manantial neste tórrido verán que xa vai indo pouco a pouco, entre airexas refrescantes, lumes, fumes e calores, amenceres e solpores de luz sempre cambiante e, por suposto, as moitas e delicadas cores que engalanan o meu refuxio.

Concha L. F.
Comentarios (11) - Categoría: Eu son... - Publicado o 11-08-2010 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS DE SEMPRE

Non sabería desfrirar o misterio desta foto pois, logo de consultar as fontes correspondentes, só poido dicir que aí hai unha nena que ten ao seu curmán no colo, coma se o único que lle importase fose amosar que era capaz de custodiar a unha crianza que a penas se mantiña en pé. Arredor desta imaxe hai toda unha historia de dedicación a ser feliz, soñando con coidar ás persoas queridas, a buscar un oco nun mundo dominado pola labia desa nena... Un sin fin de liortas polo dominio do terreo da familia, antes ocupado pola nena e que, o tal curmán veu encher cando naceu.
A historia desta foto está chea de anécdotas que reflicten rivalidade, liortas, pedradas e vinganzas, pero tamén moitas risas cómplices, trasnadas... e, sobre todo, o moito amor que a nena e o seu curmán se profesan desde sempre e non sempre expresado con palabras, pero presente, pois tanto a nena coma o seu curmán saben un da outra, unha do outro e, alá no fondo do seu corazón saben que, sen palabras, se entenden e que aínda que viaxen ao fin do mundo, levarán consigo o mutuo agarimo que se profesan.


Concha L. F.
Foto: Sr. Ramón
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 06-08-2010 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.