A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XI - PARAÍSO


Pasa lene o silencio
rosmando entre as follas
mil cantigas esquecidas
e bambea as pólas
no berce da mañanciña.

Lene tamén pasa a soidade
sobre a herba,
a penas acariñada
polo voo temeroso dun gorrión
que sacia a súa fame
cunhas migallas de felicidade.







Foxen as ideas neste alento verde
e palpo o baleiro da miña pel,
núa agora de misterios e tempestades.

Neste paraíso vaise perfilando a silueta
dunha vida que durmía cando,
aínda sen raiar o día,
comezou a moverse o meu camiño.

Percibo os teus ollos sen mirarte
e escoito deambular
os teus pensamentos
sobre as lousas,
mentres agardas
que a soidade e o silencio se deteñan
e biquen os teus soños,
perdidos aínda entre as sabas.

Concha L. F.
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 16-07-2010 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
DE ESTRENA



Sen palabras. Só que é todo un orgullo pertencer a este grupo que leva 90 anos espallando polo mundo, á súa maneira, as Raíces desta Terra.

Concha L. F. (Xullo-2010)

Foto: X. Gómez
Comentarios (11) - Categoría: Eu son... - Publicado o 13-07-2010 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
EPITAFIO
Intuía que había moita trampa detrás da enquisa ás familias do alumnado de Educación Infantil sobre o tema do galego, pero nunca pensei que a desfachatez chegase a tal extremo que, en centros nos que houbese dúas liñas de lingua castelá e dúas de lingua galega, todo quedase resumido en CASTELÁN PARA TODOS E TODAS. Bilingüe, iso si, pero co inglés coma segunda lingua.
Quizais a miña inxenuidade me levou a crer que a pregunta fose o suficientemente clara para que a tal enquisa dese como resultado a situación real de moitas familias galegas. Pero errei.
A saber: no seu momento, e por mor dunha mal entendida fidelidade á patria (Cal é a patria de cadaquén?), se educou ás crianzas no idioma de Cervantes, GRANDE onde os haxa, pois hai poucas linguas tan ricas coma esa (o GALEGO é a outra). Dese grupo xurdiron persoas que falan habitualmente castelán e, polo tanto, ensinan a falar ás súas crianzas no idioma que mellor dominan, pero confiaban que o sistema educativo público lles garantise que as crianzas coñecesen e dominasen a lingua de ROSALÍA. Craso erro.
A pregunta sobre o idioma materno tiña trampa, non pola pregunta en si mesma, senón polas consecuencias da mesma.
"Idioma materno/paterno? Castelán." Tódalas aulas de Educación Infantil en castelán. Punto. Por favor, pelota para seguir xogando.

GRANDE é tamén a lingua de ROSALÍA, Afonso X, Curros, Castelao e Novoneyra, por non mentar outras GRANDES figuras que fixeron e fan do GALEGO santo e seña. Ou a de tantas outras anónimas que no día a día sinten a Lingua Galega coma súa, se expresen ou non nela, pero que a coñecen e a adoran e saben que non hai outra que mellor exprese o sentimento pola TERRA coma Ela. Pero semella que iso non é visible.

Véñenme á cabeza agora moitas persoas que, na diáspora, conservaron esa esencia desta TERRA, transmitírona e séntense orgullosas Dela. Ás veces penso que foi traballo baldío. E tamén penso que constrúese o futuro vivindo o presente, pero mirando o pasado. E o idioma GALEGO, polo que se ve, é pasado, pero con estas lerias, igual non ten nin presente nin futuro.

É unha mágoa que haxa en GALIZA políticos que leven por bandeira unha Galiza desvirtuada, uns políticos que fan trampas cando preguntan pola lingua materna ou paterna. Non sirven á TERRA que lle deu vida. Sírvense a si mesmos. Gustaríame saber por que.

Quixera que alguén escribise o meu epitafio en GALEGO. Haberá entón quen o saiba facer? Vai ser mellor que morra pronto, pois os ventos que corren non me dan moito vagantío. Igual ata chega o momento en que non se saiba escribir en GALEGO, por moito que me empeñe en deixalo escrito no meu testamento vital.

Que me colguen polo que digo, non me importa demasiado. Dóeme GALIZA e dóeme o GALEGO. Morro pola miña LINGUA. (Tamén sei falar castelán correctamente, con acento galego e a moita honra!). Pero, QUE SERÁ DE GALIZA SEN A SÚA LINGUA?

EU TAMÉN DOU E DAREI CLASE EN GALEGO. É o único que sei facer. Ensinar en GALEGO.

Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 11-07-2010 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
PRIMEIRA COMUNIÓN
Quizais un dos feitos máis ledizosos nunha famila fose a primeira comunión dunha crianza, sobre todo se era a primoxénita. E se a madriña da crianza era a súa tía – avoa, pois como que á tal madriña se lle enchía o peito de orgullo porque, ademais da crianza, da nai e do pai, ela era a protagonista.
Miña tía – avoa Luscinda para min era un mito e sígueo sendo: alta e forte, boa moza, sempre disposta a axudar á veciñanza, facía unhas filloas de sangue pola matanza que rezumaban xarope. Era unha mestra regando o millo, vixiando os regos e as atolas, nas que a auga tiña que parar, para que o pé da pranta quedase saciado naquelas tardes do verán... E carrexando os feixes da herba á cabeza, sen que nin unha muxica se movese máis ca outra!
Xosé Luis, meu irmán máis vello, miúdo e tímido, pero cun xenio vivo e un inxenio sen límites, retranqueiro e simpático, desconfiado e xeneroso, era daquela o segundo home da casa. Ou o terceiro, pois o avó Antonio era a primeira institución. Nesta foto, vestido de mariñeiro, sentíase seguro a carón da tía Luscinda... Coma min. E contento por ser o centro de todas as miradas.
Nin ela nin el están xa aquí, pero hai moitas cousas que hoxe sei porque el e ela mas ensinaron. Quizais a mellor herdanza que se nos pode deixar sexa a disposición a axudar a quen nos rodea. A min deixáronma. Mágoa que ás veces non lle faga moito caso!

Concha L. F.
Foto: Sr. Ramón (1961)
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 01-07-2010 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.