A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XII - TATUAXES IV-A


“Quen borrou as miñas pegadas?

Miro perplexo esta atmosfera
na que mudan os números das ondas
e o mantel xa non cobre a mesa.
Estou perdido nunha adega estreita e fría
e fumega nun prato
a leituga requeimada polo agosto
que agarda trala porta.

Quen asasinou as miñas lembranzas?

Ti desesperas facendo
mil preguntas
sen resposta
e non sabes
onde quedou a túa infancia.

Quen perturba o meu sono?

As marteladas metálicas
resoan no oco da escaleira
e traen a música
do inferno dos cascallos.
Xa se achegan e o meu sono está perdido.


Onde está o meu norte?

Empeza a debuxarse
o camiño cara a un ceo incerto
e o tempo non é tempo.
Empezo esta viaxe sen maletas,
coas voces da censura
enchendo os meus oídos
e trenzas de cebola
atadas no pescozo.
Non vexo a porta ao final do corredor
e condenáronme
a vagar sen rumbo
neste cárcere
de batas brancas e bandexas.
Atáronme as mans
á realidade
e os exércitos da noite
galopan sen folgos,
perseguidos por esa voz
que reza unha salve".


Concha L. F.
Foto: Xulio Lopez
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 28-06-2011 15:54
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES III


“Neste universo en desorde
foxen os meus ollos
perseguidos pola realidade.
Non atopo a miña vida
e a maza golpea os tabiques
sen descanso.
Esa xente que perturba o meu sono
trae o esquecemento
na pel núa e suorenta
e o sol queima
as herbas do camiño.

Saín de mañanciña
co outono no cabelo
e a incerteza
presa no meu peito.
É mediodía e o meu sorriso está de loito.

Só me queda o silencio na memoria”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 19-06-2011 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES II


“Haberá unha razón que eu ignoro,
mais o meu peito está mancado
polos golpes desa maza
que se ergue e descende
sen piedade.

Haberá algunha razón que eu ignoro.
Esa man dilixente vai facendo
que o meu mundo se derrube.

Haberá algunha razón que eu ignoro.
A nena do paraugas é feliz
e así a quero,
mais non ousa mirar
mentres a maza vai e ven.
Quizais ten medo de atopar
a miña tristura baixo os cascallos”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 07-06-2011 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.