A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

V - PAÍS DE MARABILLAS


Albergaría para min é o teu refuxio,
doce fogar, prácido sono,
arroubo celestial das nosas almas,
nun amencer de aromas infinitos.

A ribeira sábeme a viaxe
de namorado pole entre flores,
sutil mensaxe de amor correspondido
coa esencia de caricia eterna.

Ese xardín sábeme a ledicia,
doce canción que soa nun oasis,
unión feliz de augas xemelgas
naquel regueiro
que leva as nosas vidas
cara o mar da eternidade.


Foto: Xulio López
Concha L. F.



Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 20-05-2010 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
IX - MARGARIDA



Houbo un tempo
no que esfollaba margaridas
á sombra da parra,
mentres voaban os soños
cara o poñente,
arrastrados pola airexa
quente do verán.

Houbo un tempo
no que uns dedos dilixentes
debuxaban natureza sen descanso
no inmaculado lenzo da mañá
e recollían o orballo das herbas
para refrescar a pel arroibada
pola calor
daquel amor primeiro.

Houbo un tempo,
si,
no que era libre.
Mais pechou a liberdade
as súas portas
cando prendín
a miña sombra nos cabelos
do vento.

Agora que quero querer libre,
libremente,
non atopo a chave
que abre o cadeado
e o meu corpo vaga espido,
fitando a inocencia
que esfollaba margaridas
á sombra da parra.

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 07-05-2010 15:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.