A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

E VALAÍ VEN O MAIO...

... de flores cuberto...
Quen cantaba iso? Teño a memoria feita un farrapo!

O caso é que hoxe cando cheguei ao meu refuxio para ver se miña nai precisaba algo, atopei que a roseira enredante tiña un fermoso ramo aberto a esta mañá choviñenta. Debera parar de chover xa había tempo, pois as rosas estaban húmidas, pero non goteaban.

Cando saín de alí, de volta á miña gaiola, veume á memoria meu pai quen, con moito agarimo, plantou e coidou que esa roseira fose adiante, guiando as súas pólas por arames ata conseguir unha pérgola que custodia a entrada do refuxio e dá sombra nas agostadas tardes do verán. No meu afán de conservala, fixen algunha modificación e estraguei un niño de xílgaros hai uns anos, pero para a miña sorpresa este ano otopei entre as pólas un niño novo.
Seguirei tecendo cada ano a ramaxe desta fermosa roseira enredante, ata que cubra de verdor, sombra e cores a entrada ao refuxio. Seguirei mentres teña alento para facelo.

Concha L. F.
Comentarios (8) - Categoría: Eu son... - Publicado o 30-04-2011 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
CATRO DE SETE


Escurece o azul,
arremuíña o ar,
alporízase o ceo, alustrado
por luces efémeras
que traen roncas voces,
chegadas das fonduras
do universo dos espíritos errantes
que habitan máis alá
das simas da terra.

No cuarto pechado e diminuto,
observo a chuvia e a sarabia,
que, con furia, os cristais golpean
e mollan o peitoril da fiestra,
zarrapicando os papeis
colocados na mesa.
Anégame a apatía
e o sono prende nos dedos,
nas pálpebras, nos beizos, ...
caio debruzada no meu soño...
esvaro na inconsciencia...

E a morte branca
cabalga sobre branco corcel,
portando a coroa de quen vence
e, sen misericordia mata,
deixando ao seu paso
queixumes, bágoas e tebras.

Tingue de sangue
campías e montes,
e fende coa espada
a guerra vermella,
deixando espallados
os restos da bondade,
dos soños, dos ósos
e das vestimentas.
Sementa a fame,
sobre un negro cabalo,
a fame negra,
queimando as colleitas
de quen sementou
esperanza, traballo e nobreza
no desesperado mundo
da desenganada certeza.

Torna amarela a faciana do ceo,
que esmorece sen perdón,
como a faísca da vela.
E o xinete amarelo
matando coa fame,
coa peste e coa guerra,
ri sobre o lombo
da egua amarela.

E... no medio, eu,
respirando aos saloucos,
vexo como pasan
os xinetes escuros,
as sombras espesas...

Que pasa agora?
Aos meus ollos asoma a luz
de quen, sen esperanza, espera
e, queda, a aurora rosma ao meu oído...
Xa é día... Esperta!

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 23-04-2011 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
A PILAR


As luces e os sons da mañanciña chámannos para que nos ergamos, aínda sabendo que sen ti haberá un oco nos corredores, un espazo cheo de lembranzas agarimosas, de ansias de reencontro ao final do día, de xestos, sorrisos e palabras sinceras, de xenerosidade, compromiso e entrega...
Porque a túa presenza, vital e rebuldeira foi, é e será o mellor agasallo para nós, para onte, para hoxe e para sempre.

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 12-04-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
MISTERIOS


Cada bambeo, un misterio diferente
que danza ao teu son.

E xusto aquí,
onde a música dos teus tacóns
alegra os corredores,
onde a túa cadeira cimbrante
marca o ritmo da mañá,
onde a túa voz se espalla entre probetas,
rochas e microscopios...
Xusto aquí, todo se desvela:
firmeza e seriedade,
ledicia e comprensión.

Misterios verdes pegados nas túas pálpebras.
Misterios amarelos,
brancos e violetas,
vermellos, negros,
verdes e azuis pegados á túa pel.
Xusto aquí
vexo a túa silueta preñada de cores,
baixando a escaleira entre libros e papeis
e o misterio eslúe…
Pero logo aparece de novo
pegado ao teu sorriso.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Varios - Publicado o 01-04-2011 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.