A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MIRANDO NO INTERIOR
Unha das cousas que máis me sorprenden das relacións humanas son as distancias e/ou cercanías que, por imperativo da correción e do respecto ás propias relacións, se establecen entre as persoas. Porque calquera achegamento, en público ou en privado, ten sempre uns límites que nunca poden ser rebasados en aras da convivencia, da educación e da rectitude no proceder. E tanto me ten que ese achegamento ou afastamento sexa para loubar ou para censurar as decisións doutras persoas e as nosas propias, que nos poden afectar directa ou indirectamente pero que poden chegar a mancarnos.
En todo caso e, facendo caso ou non ao dito de que "non hai maior desprezo que non facer aprecio", moitas veces calamos e non soltamos o veleno que se nos inxecta porque se supón que somos, de feito e por dereito, persoas, nunca belixerantes e que sabemos encaixar os golpes coma aquel profeta que poñía a outra meixela para a segunda bofetada, unha vez recibida a primeira.

Compensa iso realmente? Non o sei. Quizais porque a miña inxenuidade me ten levado a recibir máis das que levo dado, igual teño que concluír que non, pois xa estou empezando a cansarme de ser a persoa correcta e educada, concienzuda e reflexiva, xusta e conciliadora que de min se agarda e que moita xente pensa que son. E se me perdoe que me poña tantas medallas que seguro que non merezo, pero é que hai cousas que me encabuxan tanto e polas que levo mordido tanto a lingua que acaban por me envelenar.

Vén isto a conto de que moitas veces damos con tanta franqueza e intensidade o pouco que somos e posuímos que, o que damos acaba por ser iso, insignificante, froito soamente dunha xenerosidade mal entendida e dun primeiro impulso. Coma se cando se dá algo teña que ser obrigatoriamente inconmensurable e desmedido. Coma ser dar do que se ten para sobrevivir fose o mesmo ca non dar nada. Coma se, cando se dá o que somos porque non temos nada máis ca nós mesmos e mesmas para dar, non fose suficiente.

É este un reto difícil de superar. O meu egoísmo e o meu orgullo son os que me levan, tal vez, a enfocar desde o ángulo incorrecto a condición humana, tan proclive a dar a coñecer esa imaxe de grandeza que non posuímos. Ou a que temos de maneira innata, pero que non manifestamos porque é máis politicamente correcto disimular que, por enriba do noso ben, está o ben común.

E se me perdoe de novo, pero estou empezando a cansarme de tanto protocolo de actuación. Ao mellor o que teño que facer é devolver o veleno que se me inxecta, pero por duplicado e con efectos secundarios. Aínda que por outra parte pregúntome: Compensaríame realmente?

Que alguén me dea unha pista, por favor. Son demasiado pequena para entender certas cousas da vida.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (13) - Categoría: Eu son... - Publicado o 30-04-2010 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
GRISES
Esta sensación de frustración e ruptura, de impotencia e inseguridade vaise facendo cada vez máis intensa. Vou de un lado a outro sen saber moi ben o que ven comigo. Estou empezando a ver todo desde lonxe, como se estivese voando sobre todo o que me rodea. E aí está de novo esa sombra, longa e gris. E míroa por enriba do ombreiro porque teño medo de mirala de fronte, porque me asusta, porque me rompe e me desarma, porque xa chegou a formar parte de min...



Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-04-2010 07:11
# Ligazón permanente a este artigo
...Y





...Y sin más preámbulos, rompió con todo.
Recogió algunos restos e intentó colocarlos cuidadosamente sobre aquella noche sin luna llena, pero faltaban trozos de porcelana.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-04-2010 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
VIII - NOITE



Construín o meu soño con retallos da memoria.
Cada ladrillo, un paso.
Anégame o cansazo...

No camiño, ti,
auga que refresca,
regalando sorrisos e palabras.

Vou e veño polo corredor,
mirando de fito en fito
se a vida esperta e me sorprende,
aproveitando cada segundo de soidade
para gozar da túa esencia.

Tic, tac, tic, tac, tic, tac...
O reloxo segue,
esmorece o tempo,
as estacións mudan,
muda a xente.
Ti evapóraste, elévaste...
E desde o alto contémplasme,
coma a anxa redentora
da túa miseria.

Eu,
salvadora deste universo incerto
da realidade dun cigarro e dunha cervexa,
de horas en vela,
de traballos e de soños que se perden na espesura que me envolve,
agardo outra noite,
unha máis...

Nada manca.
Nada doe.
Só silencio,
esluído na escuridade.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (5) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 15-04-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
TENTACIÓNS
Non puiden resistir a tentación de engadir algo ao blog, logo das vacacións (de mestra). A aterraxe ao posto de traballo non é doada. Nunca o foi. E iso que son unha persoa moi afortunada, pois o meu alumnado é do mellorciño que se pode atopar no mundo da docencia. Pero é que ás veces semella que cos cambios da Lúa todo se volve turbio e enlodado.
Logo de ler novas sobre a corrupción sexual de persoas (se é que son persoas, que o dubido) membros da igrexa católica, en datas tan significativas coma a Semana Santa; logo de ler catro cousas en diferentes medios periodísticos on line (que ben me quedou, vistes?) sobre o caso Gürtel; logo de ver que un paisano de 20 e poucos anos levou de chapeu a varias persoas nun accidente de tráfico porque estaba baixo os efectos de estupefacientes varios (iso é o que di a prensa); e logo de ler o que se publicou sobre a terrible morte dunha rapaciña de Seseña, a mans doutra rapaciña, pregúntome o mesmo que me preguntei cando á nena Erika a meteron, morta, nun contenedor de lixo: Que estamos a facer mal as persoas para que o mundo estea tan enmerdado?
Eu non sei se cando as miñas crianzas teñan que facerse responsables doutras persoas, ou cando o meu modélico alumnado (non é merito meu, son de boa raza e teñen unhas familias "chapeau") bote a andar polo mundo adiante, van ter a forza necesaria para poñer pexa a tanta deshumanización. Ogallá o poidan facer, porque de non selo, a merda que se espalla polo mundo vainos engulir e será unha mágoa, pois o non merecen. E non é paixón de nai ou de mestra. É que creo que son boa xente. Pero tamén as tentacións son moitas.

Concha L. F.
Comentarios (11) - Categoría: Eu son... - Publicado o 06-04-2010 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
VIAXES
Luís era electricista. De novo, gabeaba coma ninguén polos postes de madeira dos tendidos eléctricos da Serra do Suído, con aqueles ferros dentados atados aos nocellos, que máis ben semellaban a boca dun crocodilo, e coa única seguranza dun cinto de coiro que o suxeitaba ao pau. Un día coñeceu a Concha, quen desde moi nena traballou arreo para axudar na casa, pois era a máis vella de tres irmáns e irmás e, tal vez, a súa única diversión era “escapar” os domingos para pasear co seu noivo.
Concha e Luis casaron en abril do 1952 e a súa lúa de mel foi ben curta: unha viaxe a Ribadavia. Logo, no verán dese mesmo ano, Jaime, un amigo, invitounos á súa casa, na Hedreira (concello de Avión) e alá marcharon.
Pode que hoxendía nos pareza unha viaxe sinxela de realizar, pero daquela, cando aínda as estradas eran camiños de carro, non existían teléfonos móbiles e quen tiña unha pequena moto, tiña un grande tesouro, ir desde Partovia (O Carballiño) ata o alto da Serra do Suído, tiña que ser unha viaxe ben dura. Non obstante, a satisfacción que proporciona compatir amor e amizade, compensa sempre calquera esforzo. Os rostros de Luís, Concha e Jaime así o amosan.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 05-04-2010 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.