A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POUSABA O CEO


Pousaba o ceo.

Entre o recendo da airexa
daquela tarde queda,
mentres adormecían os piñeiros,
pousaba o Sol e colgaba
pingas amarelas entre a frouma…

E o Sol íase cantando
amarelas melodías,
deixando luces que a nena recollía
e gardaba no seu peto,
mentres pousaba o ceo.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (10) - Categoría: Varios - Publicado o 23-03-2011 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
21 DE MARZO


Non sei moi ben como chegou, pero o caso é que está aquí e vai espallando cores que enchen de ledicia as macetas e o peitoril das fiestras.

Agora xa soamente falta que paren as bombas que axordan a luz que se filtra entre as fendas do noso tempo.
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 21-03-2011 07:09
# Ligazón permanente a este artigo
FAMILIA OU CLAN?


José Luís e Eligio eran dúas persoas doces e agarimosas, cun corazón grandísimo e a quen a vida acabou por darlles máis desgustos ca ledicias, o que tal vez os levou a unha morte prematura.

Ana María tiña determinación e, moi nova, marchou estudar a Ourense, sen máis compaña ca a súa maleta, os seus lentes e un fondo sentimento de medo a perderse entre a xente da capital, pero soubo sacarlle á vida a forza necesaria para sobrevivir sen perder o sorriso.

Concha era unha nena tímida, mimosa e conquistadora pero que, pola calada facía as trasnadas máis inverosímiles, coma botarlle deterxente ás plantas para que medrasen ou sentar no peitoril dunha fiestra da planta alta da casa, cos pés colgando para fóra.

Cándido era o cómplice perfecto para as trasnadas de Concha, aínda que as máis das veces andasen a cotenadas. Hoxe en día conservan aquel toque de complicidade para ir levando o día a día.


Ricardo era un neno inconformista e rebelde, pero cunha dozura e unha retranca desas que dan que pensar e fan rir a gargalladas.

Antonio buscou o camiño da entrega desinteresada cara as minorías máis desfavorecidas de África e hoxe vaga por Zambia, aprendendo a vivir e vivindo dunha maneira sinxela, pero moi enriquecedora.

Lourdes pérdese polos recantos da nosa nenez, co seu longo pelo louro enchendo co seu recendo a airexa das mañás e das tardiñas dos sábados e dos domingos.

Eramos felices. Máis ca familia, formabamos un clan, no que as crianzas máis vellas coidaban das máis novas, aínda que as máis das veces andásemos a liortas. Seguimos sendo felices. Supoño.

Concha L. F.
Comentarios (10) - Categoría: Eu son... - Publicado o 14-03-2011 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
PERSÉPOLIS
“Persépolis” é una historia conmovedora que fala dunha moza que medra entre o Irán do Sha e o da Revolución Islámica. A través dos ollos de Marjane, unha nena aberta e moi intelixente, pódense vez as esperanzas dun pobo que ve como todo vai rompendo ao entrar o fundamentalismo no poder, impoñendo o velo ás mulleres e encadeando e matando a miles de persoas. É unha nena capaz de enganar aos gardiáns da sociedade e que descobre que, máis alá do seu mundo, existen o punk e Iron Maiden. Non obstante, cando seu tío é apreixado e executado sen piedade, e vendo como as bombas da guerra entre Irán e Iraq non cesan, o medo vaise facendo dona dela.
A medida que medra, a súa maneira de desenvolverse fai que seu pai e súa nai se preocupen polo seu futuro e mándana a un instituto a Viena. Alí pasa con moitos problemas a súa adolescencia, afastada da súa familia e tendo que combater o feito de ser equipada co fundamentalismo relixioso do seu país de procedencia.
Co tempo é aceptada e mesmo atopa unha parella da que namora, pero trala ruptura e o instituto, atópase soa e con grande morriña por volver ao fogar. Iso significa poñer o velo e vivir nunha sociedade tiránica, pero decide volver a Irán e logo dun difícil período de readaptación, entra nunha escola de arte e casa, ao tempo que segue manifestándose contra a hipocrisía que presenza a diario.
Finalmente toma a dolorosa decisión de marchar a Francia, deixando atrás á súa familia, pero conservando unha visión optimista sobre o seu futuro.

Para min este filme ten moitas lecturas.
Amósanos a grande capacidade que teñen algúns medios políticos para facerse co apoio da poboación, sobre todo en países sen desenvolver, nos que está asentado un profundo sentimento relixioso e nos que a educación, sobre todo a das mulleres, está en segundo termo. E non só a instrución da poboación, senón a educación crítica en valores tradicionais. É moi sinxelo convencer ás masas que non están formadas con espírito crítico, de maneira que se converten en “obxectos manipulables”, sobre os que se verten discursos de salvación que, ao cabo, non son máis ca palabras para sacar proveito, tanto político coma económico.
Vese perfectamente o desencanto da xente á que se prometen cambios, pero que ao final non son máis que diferentes maneiras de sometela. Tanto ten o réxime, a pobreza sempre existe e sempre recae nos sectores máis débiles. Curiosamente sempre son as mulleres.
Pero o máis importante que se pode apreciar, respecto do xénero, é a situación das mulleres. Elas son as máis oprimidas nese novo país emerxente, ao que se promete coa revolución un mundo diferente, pero no que as mulleres non teñen cabida, por seren consideradas seres inferiores. Volven ser obrigadas a recluírse nos seus fogares, a levar velo e vestir roupa longa. Adoita suceder isto naqueles países nos que a relixión fai parte da política e a política está mesturada coa relixión.
Tamén se percibe a existencia de dúas maneiras de vivir: a que vive a xuventude cara a fóra, polo día, seguindo estritamente as normas, e a que vive de noite, en lugares agochados das mirada do exército, nos que se consume alcohol e se bailan ritmos occidentais…
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 09-03-2011 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
GRAZAS


Un día ocorréuseme escribir cousas, o mesmo que a meu irmán máis novo se lle ocorreu empezar a facer fotos. E velaí que descubrín que moitas das imaxes que Xulio López retiña nunha foto encaixaban con cousas que eu escribía. E velaí tamén que, logo de pedirlle permiso, empecei a colocar neste espazo fotos feitas por el, acompañadas polos meus textos. O resultado é o que hai aquí e o que vedes e ledes.

Tamén é certo que non todas as fotos levan a súa sinatura, ou non fago referencia a súa autoría. Esas son das que ás veces saen da miña pequena cámara, unha desas que non teñen abelorios varios e que son sinxeliñas de usar, pois eses aparellos non son o meu.

Xulio López, ou mellor, Xulio Pazo quere agradecervos a todas e a todos os vosos comentarios respecto das súas fotos e non se me ocorreu mellor maneira de facervos chegar o seu agradecemento ca este texto que agora ledes.

Todo un pracer compartir convosco imaxes e pensamentos, tanto da súa parte coma da miña.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Xulio Pazo
Xulio López
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 02-03-2011 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.