A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VII - PROCURA


Onde estás,
amor,
que non alcanzo a percibir o recendo dos teus labios?

Quizais a noite encheu de soños,
xenerosa, as túas mans
e os teus cabelos,
voltos do revés,
contan a historia verdadeira
que asoma
aos sucos da túa fronte.

Orfa de sangue a miña lingua
busca na escuridade a humidade da túa
e, desesperada,
espera unha pinga de zume que a resucite
e refresque o árido deserto
no que transita,
núa de palabras.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 29-03-2010 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
IV- LÍA


Lía no fondo dos teus ollos
a esperanza que te envolve.
Lía no espello da túa alma
que desexabas que te amase.
Lía, pero sei que é imposíbel,
aínda que a néboa desapareza
cando chegue o Sol
e morra de envexa
ao atopar a túa mirada.

Róubasme o tempo,
interrómpesme,
confúndesme.
Non é casual...
Ámasme, ámote...

Deixa que esta noite nos arrole
no berce dos soños e mañá,
co amencer, vaite.
Foi... fermoso.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (11) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 16-03-2010 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
II - PENA CORNEIRA


Cansou o xigante de xogar aos birlos,
deixando abandonadas
as bólas nas pendentes e,
esquecida no teu cume,
bambéase, indecisa,
a testemuña do seu eterno xogo.

Repousa a meiga
entre os carballos e os bidueiros,
os toxos, as xestas e os carrascos
que baixan ás boleiradas
nunha carreira interminábel
por acadar o val
e voan cara ao ceo,
deixando farrapos amarelos,
brancos e azuis,
no verde vello que te asolaga.

O horizonte debuxa curvas interminábeis
que roxan coa luz do solpor e,
nas alboradas,
arróupanse co leve manto
das brétemas que ascenden,
saciando a sede das sementes
espalladas entre os teus penedos.
Non queimedes a beleza
que o xigante xerou e que, un día,
a meiga azul e branca,
pariu nas terras que coroan
o Miño e o Avia!

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 10-03-2010 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
XIV - SE NON FOSE ASÍ


Sacudimos a alma de bágoas e temores,
cando os ventos da adversidade
arremuíñan as nosas augas e mantemos, firmes,
a mirada posta nun punto indefinido
que desprende minúsculas partículas
que se filtran cando inhalamos aire.
Sacudimos os soños de pesadelos
cando a luz esmorece e a noitebra
envolve o traxe que a terra nos doou
e miramos a escuridade cun sorriso
cómplice e paciente,
porque sabemos que nela aniña unha raiola,
premonición do albor.

Se así non fose, que sería da beleza
agochada no orballo,
nas ondas e nos montes?
Se así non fose, que sería dos arumes da infancia,
das roupas estendidas
polas mans que nos abrigaron
á calor da esperanza?
Se así non fose, que sería das imaxes e dos sons
ciscados na lembranza ?
Se así non fose, quen había soster
con pulso decidido a ledicia sobre a herba,
o alento nas ás das bolboretas,
e as plumas da paz presas
nas mans das crianzas?

Se non fose así, nin vós nin eu
estariamos aínda loitando
para que o sol do abrente
dilúa as pantasmas que camiñan
ao amparo da noite,
as que eclipsan o sorriso da lúa
que agarda serena ás estrelas,
para contarlle que,
entre a aurora e o solpor,
hai vida e que a vida,
entre o solpor e a aurora,
descansa.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 02-03-2010 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.