A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TREBOADA

Ter a mente en branco. Illarse completamente de todo e de todos. Ver correr a xente ao teu redor sen que te roce. Voar sobre o campo, baixo as estrelas. Sentir na cara o vento cálido e húmido do amencer, as gotas de chuvia calarte ata os ósos. Mirar máis alá do horizonte como o sol se vai poñendo e descompoñendo en cores brancas, negras, amarelas e vermellas. Seguir a suave caída das follas sobre herba. Escoitar o bruar do mar contra as rochas. Oír o canto dos paxaros ao amencer, ao tempo que un coche cruza a toda velocidade, conducido por alguén somnolento. Sentir o frío da noite cortando os ollos. Deixar que a auga quente esvare polo corpo cuberto de escuma. Sentir o tacto suave da pel dunha crianza, inocente e sorrinte. Notar a brandura da masa ao apertala entre os dedos. Aspirar o recendo do pan quente ao saír do forno e a frescura das flores de lavanda mesturadas co aroma a terra quente, recén mollada e a herba cortada.
Deixar que unha bágoa esvare pola meixela. Durmir. Durmir profunda e longamente. Non ver. Non sentir. Non tocar.

A treboada vaise achegando. O ceo cóbrese de negras, grises e brancas nubes, que se moven cando o vento zoa con furia. Cae unha gota grande e forte que golpea a miña cara e os tronos óense ao lonxe, como unha chamada das profundidades. Outra gota báteme nun ombreiro. Levo unha longa camisa. Vou descalza. Outra gota pousa na man. E outra, outra, e logo outra, outra, outra, outra... hai raias de luz no ceo. Conto: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7. Soa un trono, ronco e profundo. Outra gota, dúas, tres, dez, cen ,mil... O vento arremuíña a herba. A auga vai empapando a terra e cubre o meu corpo. Outro raio longo e branco. Conto: 1, 2, 3, 4, 5, 6. Agora máis preto. Chove, diluvia. Non vexo o horizonte. Baixo a camisa o meu corpo semella ser auga. Outro raio. Conto: 1, 2, 3, 4. Agora máis preto. Outro raio. Conto: 1, 2. Está enriba de min. O chan cóbrese de sarabia. Dóeme o corpo. Outro raio. Xa non conto. Quedo xorda. O ruído atronador da treboada envólveme. O vento arremuíña e bambea o meu corpo. Pésanme os pés. Outro raio. Non conto. O ruído atronador da treboada envólveme. Todo torna negro, mollado. Non vexo. Caio debruzada ao chan. Non me quedan forzas. Xa non sinto, nin oio, nin vexo.
Nada...

Algo se move ao meu carón. Non podo abrir os ollos. Algo quente, agarimoso, roza a miña pel...Que hai despois? Algo me envolve. Algo me ergue e sinto que me movo. No meu rostro pousa un alento cálido e algo roza a miña fronte...

Non vexo nada. Sinto? Durmo? Esa voz...
-Ola, ola! Move algo! Di algo!

Estremezo. Algo me move con violencia. Tento abrir os ollos. Percibo unha luz tenue, pero pésanme as pálpebras...

Esa voz... outra vez... Onde oín antes esa voz?

-Deus! Que facías aí fóra con esta treboada?

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (11) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-02-2010 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
XIII - ETERNIDADE

Voume espida de memoria,
de xenreiras, agravios e pesares,
de amargores, sombras e agoiros,
de morriñas, queixumes e soidades.
Voume espida de olladas furtivas,
de carreiras, de camiños interminábeis,
de verdades a medias, de silencios,
de medias mentiras, de desaires.
Voume espida de egoísmos,
de quincallas pesadas e inservíbeis,
de xoias finas e de abraiantes abelorios,
de ricos vestidos, de inútiles colares.

E volverei un día, vestida de nubes,
ataviada coas perlas da bondade,
coas xemas da esperanza e coa luz
que cada amencer anega o aire.
Volverei, portando no meu peto
os cantos da terra, dos xenerosos mares,
unhas muxicas de dozura e de sorrisos,
e as sementes do agarimo e da liberdade.
Volverei cando o tempo sexa transparente
coas mans cheas de ledicia,
para que poidas ser comigo,
meu amor, no infinito,
por fin... eternidade.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 20-02-2010 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
MÉRCORES DE CINSA
Teño dous fillos varóns, grandes, bos mozos, emprendedores e firmes nas súas decisións, cheos de inquedanzas, pero coas ideas bastante claras. Dous soles aos que adoro, porque se deixan adorar. Que nai non adora ás súas crianzas? Que crianzas non se deixan adorar por súa nai (e por seu pai)?
Pero esta mañá de MÉRCORES DE CINSA, logo das enchentes do Entroido, cando a Cuaresma invita ao recollemento, ao silencio, a xexún e abstinencia de festas, cachucha de porco con grelos e caretas... á reflexión sobre a vida que levamos, alguén mandoume unha mensaxe que me fixo seguir coa festa, por dentro e por fóra, a seguir coa festa, sen disfraces: naceu unha nena, Sara.
Non sei se seu pai e súa nai me perdoarán que diga o seu nome, pero teño necesidade de facelo, pois esta rapaza, xunto con aqueloutra que naceu na miña familia fixo en setembro pasado dous anos, (Area, e que tamén me perdoen seu pai e súa nai por dicir o seu nome), compensan os malos ratos que se viven cando ao noso carón morren persoas polas que teriamos dado media vida porque seguisen vivas. Digo isto pensando en miña nai. E digo isto porque, logo da prematura morte de meu irmán, en decembro, e da de meu pai, hai nove anos, sentir que hai vida ao outro lado, compensa calquera perda.
Venme á memoria o artigo de Chousa da Alcandra, cando fai referencia ao adormecer das sementes do carballo. Merece a pena agardar, sen follas, sen máis acubillo ca o da xeada e das brétemas, o espertar da primavera.
Merece a pena agardar.
Sempre.

Concha L. F.
Comentarios (15) - Categoría: Eu son... - Publicado o 17-02-2010 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
V - ESPERTA!


Buscareite voando sobre os mares,
na Terra que bica o Sol,
a Lúa, as Estrelas...
E no aire que reina vixiante
serei semente, pole fecundo,
que aniñe na rosa amarela,
para deixar de ser,
sendo de novo,
alento mudado na beleza.
Vereite en cada flor,
en cada paxaro,
na escuma do mar,
en cada gran de area.
Vereite nas árbores e nas rochas,
nas augas dos ríos,
nas silveiras.
Vereite nos olliños inocentes
que reflicten a ledicia cada día...

Vereite, si, na vida enteira...
E gozareite, ao fin, na Eternidade,
cando o abrente disipe a brétema
e seremos dúas almas nunha...
Gozareite, si... Agora, esperta!

Concha L. F.

Comentarios (4) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 14-02-2010 06:57
# Ligazón permanente a este artigo
XII - BRÉTEMAS


Asomades,
brétemas imprudentes,
ao van da miña fiestra,
deixando estendido o voso manto
de humidade sobre as sabas
do meu leito.

Ousada escuridade,
mal sabes ti que o abrente poderoso
cubrirá de ouro o espertar
dos meus soños
e que a túa semente de auga
saciará a miña sede de sorrisos!

Non loitedes, brétemas, por entrar
na miña alma!
Un exército de aloumiños agarda
prendido nas ás do vento
para liberarme da tristura
que traedes na vosa saia.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 11-02-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
XIII - ESTÁS...


Estás aí, perdido entre as follas secas
do carballo centenario,
agochado no silencio da xeada,
esluído na brétema que cobre o mar
profundo e eterno da túa alma.
Estás aí, buscando trala lousa
a chave que peche o abismo aberto
baixo os teus pés cansados,
e velas o meu soño
sacando forza da nada.
Estás aí, suspendido no aire,
trala fiestra dos meus ollos
escoitando o murmurio
dos meus soños,
observando como a miña vida pasa.
Por que te fuches, pai adorado,
deixándome orfa de sorrisos,
agarimos e palabras?
Marchaches, si,
pero estás aí, aquí...
entre as follas secas do carballo centenario,
no silencio da xeada,
na brétema que cobre o mar
profundo e eterno da túa alma.

Concha L. F.

Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 07-02-2010 07:34
# Ligazón permanente a este artigo
ENSOÑO
Mesmo desexo que nos separen tódalas ideas, para poder guerrear, pero sabendo que imos achegarnos con forza nos pensamentos... Así cadramos co xogo do Universo: forzas centrífugas e centrípetas...E na colisión de ambas, escachar a nosa estrutura molecular, causante do noso egoísmo e soberbia, para dar paso a unha nova esencia na paz...

A vida é soño, pero o ensoño vital que anima e transforma en prodixio de fermosa ledicia cada momento da nosa vida é o Amor. Vista, oído, olfato, gusto ou tacto serían inoperantes sensazóns... frío preludio de canto esmorece cara a morte intrascendente, se tales sentidos non fosen avivados polo espíritu do AMOR, verbo infinito que move e dá sentido ao Universo.


Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 01-02-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.