A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN PASO MÁIS...

Xulio López

...CARA A LUZ.

Saúde e sorte.
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-12-2011 07:40
# Ligazón permanente a este artigo
A MIÑA CASA - II
Ademais, na miña casa as persianas soben e baixan soas se lle dou ao botón e, aínda que Marina me castiga sen ver os debuxos de X-Men, cando non me ve, divírtome subindo e baixando as persianas, mentres ela anda correndo polo corredor coa aspiradora e o trapo do po, ou cando está no cuarto da roupa pasando o ferro ás camisas de papá e aos vestidos de mamá. Aínda que non sei se a mamá ten vestidos. Ou a lo menos non son coma os meus. Ela di que os seus vestidos chámanse traxes. Un día pregunteille a Marina por que os meus vestidos son vestidos e os da mamá son traxes e díxome que era porque a miña mamá é una persoa moi importante e ten que levar sempre traxe, pero sen garavata. As garavatas ponas o papá. As de tea, porque di que as de papel non sirven, por iso nunca puxo aquela chea de cores que o profe Aurelio me axudou a facer para o Nadal, para agasallar a papá. Un día teño que preguntarle onde a garda. Seguro que a ten moi agochada para que ninguén lla roube, na caixa forte, esa cousa que está no salón, detrás dun cadro que ten a una señora espida. Non sei.

Sigo sen saber o dos metros cadrados. Ademais, penso que errei e que non son 98. Ao mellor son 198. Este número está máis cerca do 200, soamente dous escanos, como di o profe Aurelio. E porque onte escoitei a papá que lle dicía ao avó Anselmo que un piso de case 200 metros cadrados non se mantiña así porque así, que se non lle chegaba a pensión para ir de paseo, que quedase no pobo. Non entendín nada, pero é o que oín.
Pobre avó! Co que lle gusta viaxar coa súa linda Tareixa. É que a miña avoíña chámase Tareixa. É moi guapa e ten un lunar xusto ao lado dunha orella, pero non deses que teñen as vellas, cheos de pelos, non. O dela é redondo e marrón, coma os seus ollos.

Que guapa é a avoa Tareixa! Non ven moito ao meu piso porque di que aquí non lle pode falar ás bolboretas. E porque ao avó Anselmo non lle gusta subir escaleiras nin pecharse no ascensor. Di que é coma una caixa forte. Ademais di que os pisos son coma gaiolas nas que podrecen os tomates. Ao mellor é que non sabe que os tomates se coidan na tenda da señora Delia. Eles soíños se coidan. E cando Marina os trae a casa, cóidanse na neveira. Así que non entendo o que di o avó dos tomates. Ademais, Marina trae moitas cousas da tenda da señora Delia e todo cabe na neveira da cociña. A cociña non é grande, pero a neveira si. Di Marina que ten cinco estrelas, coma o lavavaixelas. Non, ese di que é triplo A. Que será iso? Porque “lavavaixelas” ten catro AS. Será que Marina, como xa está un pouco vella, non lembra como se conta ata catro.
Comentarios (4) - Categoría: Memorias - Publicado o 22-12-2011 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
II
ñOCO Quérote!






Tería que sondar o insondábel mundo
das miñas fogueiras para descubrir
se hai verdade en tanta ledicia,
en tanta mágoa...
e nas luces que guían os meus pasos.

Unha volta máis ao parafuso
e todo quedará preso,
pechado no labirinto.

Falarán só estes dedos
e voarán as sombras
no papel virxe e branco,
coma o branco sen fin no que flúen as imaxes,
sons e recendos do tempo furtivo,
arrincado sen piedade do seo da realidade.
Comentarios (5) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 17-12-2011 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
A MIÑA CASA - I
A miña casa é grande. Din o papá e a mamá que ten 98 metros cadrados útiles. Sei cando algo é útil, por exemplo un garfo para comer cousas duras. Pero iso de que os metros sexan cadrados, xa non o entendo tan ben. É que na miña casa, todos os metros que hai son iguais: unhas fitas longas, con raíñas e números que, se se soltan de súpeto, acaban cortando os dedos. Por iso o papá e a mamá nunca me deixan andar cos metros. Con eses longos. Cos cadrados non sei, nunca os vin, aínda que a miña mamá e o meu papá din que os pisamos sempre que poñemos os pés no chan. Pero iso eu non o entendo.

Pois iso. Que a miña casa é grande. Pero non é unha casa. É un piso deses aos que se chega en ascensor. Ou polas escaleiras, aínda que eu nunca as usei soíña, porque para subir por elas hai que ter moitas chaves para abrir portas. Seino porque ás veces a miña nai e o meu pai e mais eu tivemos que subir e baixar por elas, por exemplo cando o viciño do sexto meteu no ascensor un sofá ou cando as mozas do oitavo se meteron todas xuntas, coas maletas e rompeu un cable. Ben, non rompeu, pero debeulle pasar algo moi malo, porque aquel día cando Marina e mais eu chegamos do cole, elas estaban no portal dicindo que caíra o ascensor e Marina e mais eu tivemos que subir pola escaleira.

Iso, que me esqueceu antes, tamén subín polas escaleiras con Marina. É a miña outra mamá. Papá e mamá din que, como as avoas e os avós están lonxe, non me poden coidar e por iso me esperta cada mañá Marina, me dá o almorzo, me pregunta se metín todo na mochila e lévame ao cole e despois vaime buscar, dáme o xantar, volvemos ao cole e ao saír lévame a clase de pintura ou a nadar e pola noite dáme a cea e leme un conto ata que chegan o papá ou a mamá. Porque o papá e a mamá traballan moito. Así eu podo vivir nun piso.

Marina di que o meu piso é moi moderno. Claro, en vacacións o papá e a mamá sempre mercan algo novo para o piso e para min. O verán pasado papá e mamá agasalláronme cun ordenador deses que se poden abrir e fechar en calquera sitio. É moi bonito e ten as tapas de cor rosa e por dentro ten botóns con letras e números. Xa sei ler e escribir, pero so xogo con el a dragóns e mazmorras cando Marina me deixa. Claro que se están o papá ou a mamá na casa, déixanme máis rato, porque teñen que facer moitas cousas no outro ordenador. É que na miña casa hai dous cuartos con mobles cheos de libros e unha mesa grande cun ordenador deses negros e con moitos cables. Aí non me deixan entrar. Din o papá, a mamá e a Marina que o que hai alí son cousas de miores que eu non netendo. Non sei, tampouco entendo o dos metros cadrados, pero déixanmos pisar.

Aquí en castelán
Comentarios (6) - Categoría: Memorias - Publicado o 10-12-2011 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
I


Xulio López


Suavemente,
desde o anonimato,
desde este silencio que fala a voces,
desde esta gaiola invisíbel,
unha tarde calquera coma calquera tarde,
ao final do sendeiro que conduce á coherencia,
hai unha luz
e as sombras disípanse lenta e suavemente.
As nubes forman figuras imposíbeis,
arroladas pola airexa dos segundos
que, suavemente, pasan
desde o anonimato,
desde este silencio
que fala a voces das voces que acalaron
aquelas voces da gaiola invisíbel...
Coma calquera tarde.

Quizais non entendas nada. Eu tampouco.
Suavemente,
vou sentindo aire e auga nestes dedos,
auga e sal que descenden ata pousar no meu sorriso.

Quizais non entendas nada. Eu tampouco.

Todo é tan grande e tan pequeno...!
Comentarios (4) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 07-12-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
CHAPEU

Xulio López
Spazio XV


Podería imaxinarte sen sons,
sen cores,
sen esa aureola de evidencia que te cobre.

Podería, mesmo, verte ao outro lado da porta,
co teu aceno preguiceiro,
lento e descoidado,
dicir ese adeus de quen se vai sen irse.

Podería sentar a carón da miña realidade
e conversar con ela dos efémeros lóstregos
que, cando saen da túa pel,
trapasan as conciencias.

Ata podería sentir como a túa ousadía
rompe o cristal do infinito.

Podería, si... moitas cousas podería...

Mais o vento levou o meu chapeu.

Concha L. F.

Comentarios (5) - Categoría: Varios - Publicado o 02-12-2011 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.