A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GALEGO

Hai trinta anos, cando comecei a estudar maxisterio, ofrecéuseme a posibilidade de estudar galego, coma materia optativa e, daquela había dúas entidades que dedicaban os seus esforzos á normativización do noso idioma, o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia, ademais da ASPG, que propoñía unha terceira vía, o galego reintegrado.
Teño que dicir que fun educada en lingua castelá, pero a miña lingua habitual foi sempre o galego, posto que no rural era o que se falaba. Tamén teño que dicir que, lonxe de crearme confusión as tres formas de entender a evolución da lingua galega, o que fixeron foi enriquecer o meu coñecemento, na lingua galega oral e escrita.

Todo isto ven a conto de que sigo sen entender esta teima política de desvirtualo todo, coma se tivesemos que volver a aquel tempo da miña infancia, cando falar galego era cousa de aldeás paletas, sen cultura nin coñecementos. Claro que, de seguro, todas esas persoas que hoxe redactan decretos (borradores, seica) coma o que ven de publicarse, deben ser xentes que ou non saben ou non queren saber falar galego e, por elo, queren limitar o seu uso no ensino, posto que no fondo, deben ter un grande complexo de inferioridade lingüística.

Engado outra experiencia. As miñas crianzas estudaron galego na súa etapa obrigatoria e postobrigatoria. Tamén inglés e castelán e non por elo teñen ningunha deficiencia nin confusión lingüística. Coma elas, os seus compañeiros e compañeiras de xeneración. Estas persoas, na actualidade non lles queda outra que botar a andar polo mundo adiante, moitas delas no estranxeiro, para atopar traballo e deféndense perfectamente en inglés, sin que a obrigatoriedade do ensino de moitas materias do currículo en galego supuxese un atranco para facerse entender fóra das nosas fronteiras e, cando veñen, saben falar galego en Galiza, coas xentes galegas.

Pregúntome entón, onde está a xustificación desta inquina contra a lingua galega? Será que son demasiado inxenua e penso que non existen fronteiras lingüísticas?

Concha L. F.
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 31-12-2009 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
IV - SILENCIO II



Fonda poesía de silencio,
en silencio parida e aleitada,
poesía taciturna que expresa
o que a mudez, covarde, cala.

Calada e silandeira poesía,
beleza no silencio afogada,
murmurio silencioso, mudo son,
segredo que durme na almofada,
berro acalado pola ausencia,
poesía no silencio soterrada.

Serei encuberta poesía,
silente rima inacabada,
cando o silencio eterno chegue
e pronuncie a última palabra.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 27-12-2009 07:48
# Ligazón permanente a este artigo
I - AZUL SALGADO


Move a man mansamente o berce,
descansa o universo,
fúndese e adormece...
e arremuíñanse os cabelos do vento
e axítanse sobre o profundo azul.

Vai e ven o branco encaixe,
golpea, acariña,
perfora e repousa...
e coroa desfacéndose en mil fíos
que se elevan e descenden
e rozan levemente
e bican
e escapan fugaces para volver,
arrastrados polo ímpeto,
pousar no intenso azul.

Soidade inmensa,
sonora quietude,
silencioso murmurio compasado,
espello infinito da bóveda dos soños,
manso leito da natura,
útero fértil,
cadaleito de vidas,
sereno desacougo...
Misterioso e eterno azul.

Concha L. F.
Comentarios (1) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 26-12-2009 05:48
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPO DE NADAL

Coma todo e coma sempre: luces e sons que nos chaman á rúa, vertixe de coches e xente que corre dun a outro lado, sen máis obxectivo que encher unha cesta ou colocar un lazo nun envoltorio. Pero, realmente nos paramos a pensar no que significa o NADAL?
Si, supoño que si, aínda que en certo modo vivimos ese NACEMENTO cunha ledicia obrigada, un sorriso postizo, unhas boas palabras de cortesía... a aí remata todo. Sinceramente, estes NADALES non me gustan, posto que a ledicia, os sorrisos e as cortesías non se mercan nin se venden, nin se meten en cestas, nin se entregan envoltas en vistoso papel, cunha enorme lazada.
Os NADALES son os de cada día do ano, amenceres, ocasos e mediodías, xestos sinxelos, silencios e palabras sinceras, agarimo e xenerosidade, compromiso e entrega... sen envoltorios nin medallas.
A pesar de todo, BO NADAL a todas e a todos.

Concha L. F. (24-12-1009)
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 24-12-2009 07:23
# Ligazón permanente a este artigo
DESPOIS DE GRANADA

Hai uns anos, asistín a unhas xornadas de formación que deixaron en min unha fonda pegada, por canto supuxeron un acercamento ao parecer e padecer de outras mulleres. Quizais algún e/ou algunha de vós teña aportacións que facer sobre esta teima que a todas e todos nós nos persegue a diario: transformar o mundo. Porque todas e todos vivimos, sentimos e traballamos, en parte, para que esa transformación se produza...

(28/03/2004)

Mulleres. Moitas mulleres. Ao meu carón, só mulleres. Mulleres novas, maduras, vellas discretas, chamativas, galegas, vascas, muricianas, madrileñas, andaluzas, portuguesas, francesas, americanas, africanas...
Xuntas ou separadas, intercambiando pareceres, visións opostas desa realidade tan pouco real que, como dixo V. Sendón de León, é a vida. Cada unha co seu propio pensamento, exteriorizando o que para elas é o ideal de vida, de vida real; demandando alternativas e solucións aos problemas cotiás de outras mulleres cercanas e afastadas; interiorizando o coñecemento que outras mulleres teñen dos problemas globais e dos particulares... Mulleres que escoitan atentamente ou que, simplemente, adormecen ao son das palabras que van saíndo da boca de outras mulleres.
No medio de tanto intercambio e barullo de ideas, a illa que cada unha de nós leva no seu interior. As augas da ideoloxía feminista móvense a carón de min para confirmarme que tamén eu, coma elas, son feminista. E feminina. Non de agora nin de onte: de sempre. Ocorre que acabo de descobrilo, o mesmo que acabo de descobrir que o mundo é redondo e xira en torno á miña realidade, real ou non, do mesmo xeito que a miña realidade xira arredor do mundo.
Pero neste momento, tal vez todo careza de importancia porque a loita da realidade co que non o é, escapa ao meu rudimentario entendemento práctico. A simplicidade na que se move a vida que cada mañá procuro que me traspase non entende de teorías filosóficas, que van máis alá dos feitos concretos cos que teño que enfrontarme cada día. Son eses feitos concretos o URXENTE ou o IMPORTANTE? Realmente non o sei. Coma todo, o urxente e o importante veñen sendo coma o superfluo e o esencial: só cadaquén de nós pode dicir o que significa cada cousa. Todo depende da escala de valores, da óptica desde a queira enfocar o que ve e o que observa, o que toca e o que acariña. Todo é relativo e nesa realtividade móvense as persoas que queren ser o gran de area concreto que tenta transformarse e servir de nexo entre o seu medio e o resto do mundo.
No convencemento de que eu son un deses grans de area, escoito as palabras destas mulleres que falan do mundo global e tento afianzar e grabar na memoria a esencia do que escoito, para poder transmitila. Non me considero capaz de grandes fazañas que transformen o mundo porque, para min xa é unha grande conquista transformarme a min mesma.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Eu son... - Publicado o 24-12-2009 06:45
# Ligazón permanente a este artigo
I - ARELA

Quero que o ocaso me sorprenda
agardando que os teus ollos
busquen desesperados
a miña sombra baixo os lenzos.
Quero que o amencer me esperte
agardando que os teus brazos
abrangan preguiceiros
as miñas pálpebras somnolentas.

Quero morrer un pouco cada noite,
sentindo no pescozo o alento
que sae a cachón dos teus beizos
e acariñar o outono da túa fronte,
para renacer co novo día,
prendida no mundo inmenso da túa bondade,
escoitando o calmo son da túa voz,
enredada nos fíos invisibles das palabras.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 23-12-2009 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
OVO, EIRUGA, BOLBORETA...

Cando se traballa durante moitos anos no mesmo lugar, aprécianse os cambios se miramos á nosa memoria e buscamos os signos da mudanza. Este feito, no que a penas reparamos, faise patente cando se traballa con crianzas, cando son as persoas o propio instrumento de traballo e, nun momento, vemos como rematan o ciclo e marchan da escola coméndonos, literalmente, as papas na cabeza: as persoas adultas devecemos en estatura, as novas acaban por superarnos e de repente mírannos desde alí enriba, moitas veces con cariño, outras con odio, pero case nunca con indiferenza.
É esta unha transformación similar á das bolboretas: dun diminuto ovo xurde unha eiruga rebuldeira que se move sen descanso na procura de cousas coas que alimentar a súa curiosidade. Logo, pouco a pouco vaise pechando en si mesma, no seu casulo e adormece arrolada polos amores primeiros, cega, muda e xorda a cantos intentos facemos desde fóra por espertar a súa atención. Nada ou case nada se pode facer ata que, coas ás aínda pegadas, pero cheas de cores e gana de saír ao mundo, rompen o seu illamento e de novo, recuperan o contacto coa nosa realiade, coa que tratamos de ensinarlle. Pero este é un momento triste... e ledizoso ao mesmo tempo: empezan a voar libres.
Todo isto que veño de escribir pode que sexa moi poético, pero neste traballo hai tamén a outra cara da moeda. Moitas veces, en lugar de bolboretas, o que sae do casulo é... un ser ao que non recoñecemos. Teño a grande fortuna de ter visto medrar a moitos nenos e nenas, de ver como se foron desenvolvendo e como foron abrindo o seu camiño e, abofé que moitas veces me pregunto se a transformación que experimentaron uns e unhas é esa pola que estiven loitando.
Acontece nisto, coma noutras moitas facetas da vida que, non sempre os resultados se achegan ás expectativas e iso, se as persoas non estamos seguras de que traballamos de acordo cos ideais de respecto, liberdade e responsabiliade, pode levarnos a sufrir unha grande decepción.
A transformación de algunhas eirugas que eu coñezo non é a que agardaba. Quizais non puxen o esforzo necesario e suficiente para que saísen voando responsablemente, pero quizais tamén, o mundo no que lles tocou voar, é demasiado hostil e os seus actos irresponsábeis responden a un sentimento de pánico por teren que voar soas.
Ogallá teñan sorte e a vida lles dea a oportunidade de volver ser, unha vez máis, ovo, eiruga e bolboreta.

Concha L. F.
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 23-12-2009 07:30
# Ligazón permanente a este artigo
III - PROHIBICIÓN


Prohibe quen coas súas palabras mata.
Prohibe quen cos seus feitos fere.
Prohibe quen, polo seu egoísmo, morre
afogando as paixóns que desata
a súa propia vaidade e, na súa loucura,
arrastra tras de si a quen pretende
prohibir tanto egoísmo, pois entende
que egoísmo e vaidade son cordura.
Pero, quen prohibe, ten prohibido
seguir prohibindo cando, ao cabo
a morte consigo, no seu último latexo,
leve tanta prohibición e menoscabo
da nosa liberdade e dea o seu merecido
a quen por prohibir, vivir estalle vetado.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 23-12-2009 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
II - SILENCIO I



Cando fala o silencio,
calan as palabras
e cara as esquinas foxen
furtivas as miradas,
corta o aire o aceiro,
detéñense as bágoas
e enmudece o corazón
ferido polas picadas
que o silencio, sen piedade,
vai deixando marcadas.

Cando fala o silencio,
calan as palabras,
rachan os lenzos das fiestras,
entumécense as sabas,
retórcense as cadeiras,
atolda a luz das lámpadas,
xea a auga nas billas
e azóuganse as almofadas...

Cando fala o silencio,
calan as palabras.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 22-12-2009 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
I - EN BRANCO



Arrincou o vento
as follas do caderno,
levando consigo as palabras
que uns dedos inquedos
debuxaron
no seu inmaculado colo...
E voan as letras desordenadas
no aire inmenso do universo,
suspendidas nas nubes,
mudas, xordas
e cegas de destino...
Queixumes, bágoas,
xenreiras, soidades,
gratitudes, soños, esperanzas,
ledicias, sorrisos, aloumiños,
submisións, envexas...
Palabras, simplemente,
que espallan esencias
entre as dobreces
do silencio
das follas brancas.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 22-12-2009 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Concha L. F.