A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MULLER AZUL

Ventana con mujer
ñOCO le bOLO



Cada vez que escoitaba o son da pechadura, o seu corazón encollía ata ser apenas un garavanzo. Deixando o sol ás costas, corría cara ao vestíbulo coas mans cheas de preguntas que xamais se desprendían da súa pel e, nun penúltimo acto de valor, deixaba naquel rostro impasible o sinal oculto dos seus medos.

El era alto, garrido, elegante, intelixente, sabio... Tiña un aire de grandeza que soamente esvaecía cando, ao final do día, caía sen folgos entre as sabas. Mentres non chegaba ese momento, os seus acenos eran os de quen se sabe (ou cre ser) o amo do universo. Non obstante, carecía de cores. No fondo o seu espectro era negro. Negro, coma as longas esperas na galería, de costas ao sol, coa alma posta no tintinar das chaves.
Ela era azul, moi azul, coma o intenso ceo dun mediodía de verán, coma a auga azul do mar que se anaina co arrolo da airexa. Era alta, ben parecida, co corpo feito de algodón e escuma, cuns ollos que traspasaban a vida que había máis alá do cristal da galería. O seu pelo desprendía os arumes dunha xuventude preñada de soños, de palabras, de horas e horas de biblioteca e paseos pola sabedoría da vida. E aínda era nova. E azul.

Unha mañá de primavera, mentres a súa mirada se perdía tralos lenzos daquela porta, pensou no doado que sería asomar á única fiestra aberta da galería e deixar que as súas preguntas esvarasen das súas mans e voasen libres. Si. Sería moi doado.
Ergueuse, camiñou ata a fiestra, ancorouse con forza aos seus soños e deixou que o seu corpo azul voase ceibe.

Nese momento, xusto nese momento e contra todo prognóstico, unha chave escorregouse na pechadura.
Comentarios (3) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-11-2011 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
NOVEMBRO... 25...
Make-up time
Xulio López


Quedei coas ganas de contarlle por que non me gustaba a calor asfixiante do verán, pero foi tan violento o encontro e tantas as palabras ferintes que saían despavoridas da súa boca que, sen saber a razón, quedei sen fala, asentindo...


Como recuperar o tempo perdido?
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-11-2011 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
LIRA

Cómpre facer memoria para nunca esquecer a negrura que un día prendeu nas pedras e nas almas da Costa da Morte.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (6) - Categoría: Varios - Publicado o 17-11-2011 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
OUTONO


Sábeme a sal a túa sombra fuxidía cando esvaece a tarde e te agochas trala lúa minguante.

Sábeme a sal e a limón agre, gota a gota, pousado no seco verán que xa está lonxe.

Sábeme a sal e esperta o teu zume o meu padal, atoldado polas nubes que chegan.

Xa murcharon os asubíos, lentamente e rebule, tímido, o sol das frías mañanciñas.

Descalza, a miña sombra tamén fuxe tralo sal e o agre da túa, buscando tempo e sombra, follas verdes e cores que me saquen do fastío doutro outono arrolado pola monotonía das cordas que se bambean no baleiro.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (6) - Categoría: Varios - Publicado o 09-11-2011 06:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.