A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PRESTIGE, ANOS DESPOIS...


Somos tan responsables do que facemos coma do que, por medo, orgullo, covardía ou conveniencia, deixamos de facer.

Este pensamento vénseme á cabeza ao ver esta foto, porque nela se reflicte, de algún xeito, o esforzo que a metade dos seres humanos inverte en destruír o labor no que a outra metade se afana. E da cediza por acaparar en poucas mans os bens que a Natureza dona, xorden sempre regueiros de inmundicia negra que acaban lixando ríos, montes, mares e, mesmo, almas.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Eu son... - Publicado o 15-11-2010 07:19
# Ligazón permanente a este artigo
ESPÉRTAME!


Espértame!
A luz do abrente
cae sobre min e estou durmida!
Onde estás?
Vexo mil luces
amontoadas na area
e cada amencer é un camiño sen retorno!
Que son? Un sono?
Ou son acaso un sono soñado?

Espértame!
Necesito aspirar o arume da vida,
sinxela e simple,
negra e cativa
cativa coma min,
con mil espazos nos que aniñan
espazos e distancias!
Eu son, sen máis, arume e luz…
Luz e beirarrúa, area e auga,
amencer e solpor
que se perde nun instante de inconsciencia.

Espértame,
pois o sono prendeu nas miñas pálpebras
e non quere fuxir.

Espértame!
Dáste conta?
Só quero que me espertes.
Quero ver a luz
do outono que me envolve.
Quero ver o meu sorriso
prendido nas follas
que o outono bambea.
Quero sentir o son das ondas
que me levan e me traen
ao mundo no que durme a distancia.

Quero ser!
Só ser!
Ser eu, simple e sinxela,
con sorrisos e con bágoas,
libre, eu, de maletas e discordias,
de sonos e de palabras.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 08-11-2010 06:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.