A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As pedras falan

Camelle
Xulio López


As pedras falan. Falan soas. Falan unhas con outras. As brancas e as negras…

As brancas contan historias de vidas defenestradas pola supervivencia, polo pan de cada día que as xentes que non tendo máis sustento que saír ao mar embravecido a deixaron prendida nas súas fendas…, por un anaco de pan.
As negras contan outras ben diferentes. Contan as daquelas mentes insensatas que, diante da catrástrofe, preferiron matar a vida daqueloutras, soamente por salvar o peto.

Xa falta menos. Pronto as brancas pedras de Camelle tornarán negras de novo… Tornarán negras na memoria.

Camelle. Lira. Muxía… Mil lugares da Galiza anegrada hai case 10 anos pola irresponsabilidade e a avaricia…

Concha L. F.


Aquí en castelán
Comentarios (3) - Categoría: Onda negra - Publicado o 24-10-2012 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
VII



Mentres se desliza o tempo
pola pendente da tarde
e as primeiras sombras
pousan a mirada nas rúas,
voan unhas pingas de ledicia,
presas na airexa fría
que se cola pola fiestra.

Chegan a min as badaladas
que me anuncian outra noite,
unha máis,
na que o soño prenderá nas miñas pálpebras.
Imaxes inconexas,
leves bambeos dun berce esquecido,
de lenzos engurrados,
mesturas de versos e saudades,
rostros e mans que se moven
de escenario en escenario,
pedras e palabras,
pontes, estradas, edificios...

Vestida de noite, coa noite ás costas,
nomeando o innomeábel,
nun tumulto de lembranzas,
soño con camiños,
cos que andei, cos que deixei
en cada encrucillado...
E logo, presa en suores,
enredada en silencios,
abro os ollos...
mais a madrugada tarda en vir.
Será que esqueceu as badaladas?
Aínda non é hora.


Concha L. F.


Aquí en castelán
Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 22-10-2012 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
MEMORIA NEGRA


O tempo pasa. Tras de si vai deixando marcas. Unas son de ledicia. Outras de carraxe. Ás veces non as vemos. Outras volvemos a vista cara outro lado, coma se nunca tivese existido quen causou as feridas…
Miro atrás. Hai 10 anos todo ía ben, a vida era excitante. Pero atopei algo que me lembrou que as mentiras soamente producen dor e impotencia.

Esta foto está pendurada dun cravo no corredor da miña casa. Porque non quero esquecer os bos momentos que vivín hai 10 anos. Porque non quero esquecer, nin quero que ninguén que entre na miña casa esqueza nunca tanta ignominia…

Seguirei engadindo cousas a esta MEMORIA NEGRA, grazas ás imaxes de meu irmán Xulio e a textos elaborados desde a indignación de alguén que, sendo de terra adentro, sente dor polo mar.
Ninguén debía nunca esquecer os nomes das persoas que, tendo na súa man o poder para evitar aquela catástrofe, preferiu fecerse un oco na política a costa da vida.

Quero dedicar a miña máis sincera homenaxe a cantas persoas de máis alá do Padornelo e da Canda, de Pedrafita e do Eo, empregaron o seu tempo e a súa suor en limpar a merda que hai case 10 anos deixaron a incompetencia e a avareza na Costa da Morte.


Concha L. F.

Aquí en castelán
Comentarios (2) - Categoría: Onda negra - Publicado o 16-10-2012 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
Don Blas
Don Blas cruzou definitivamente a estrada para parolar cos seus amigos da casa de en fronte. Gustáballe facelo e, aínda que os cancelos sempre estaban pechados, el buscaba o xeito, sen mirar antes a un lado e a outro e sen respectar o paso de peóns que hai diante da casa. Era un cadelo tonto e arriscado.



Agora descansa debaixo do membrilleiro da horta, a carón da súa amiga Cuca.
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 03-10-2012 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.