A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XV - SOLSTICIO



Contra todo prognóstico
e escoitando a chuvia
que golpea os tendais
que penden sobre o oco baleiro,
fronte á fiestra,
co cansazo preso nas costas
e os dedos confusos e indecisos,
sinto que unha pinga de paz pousa na alma.

Desde lonxe todo semella posíbel e imposíbel
e neste amencer chuvioso e escuro,
foxen as sombras, azoutadas
por un látego de luz,
agocharse tralas paredes.
Un eco de conversas,
de bágoas e de risas
resoa no corredor
cando se abren as fiestras
para que o novo día,
cheo de horizonte,
se funda na miña pel.

Todo será diferente.
Antes e despois de agora
serán outro despois e outro antes,
que levarán prendidas
a gratitude e a ledicia
de ter sido un só corpo,
un mesmo cerebro,
un único corazón,
o que me ofrecestes xenerosamente
sen pedirme a cambio nada máis
que a miña sinxela esencia.


Concha L. F.
Foto: Xulio López.

Con este poema pecho o meu libro, no que fun espallando aros de fume. A partir de aquí todo será diferente. Ou máis do mesmo, porque cadaquén somos como somos e sentimos como sentimos. E como expresamos...

Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 23-10-2011 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
EU GOSTO...
E gostamos da escola pública, porque é nela na que desenvolvemos o noso labor, onde pasamos a maioría das horas, dándolle voltas á cabeza para que as crianzas gosten tamén dela.

Pero vese que non a todo o mundo lle pasa o mesmo. A quen nos goberna, sobre todo, desde hai anos, non importa demasiado a cor que vistan. E tampouco a moitos medios de comunicación, que se limitan a banalizar sobre a problemática da escola pública galega. Isto non é novo...
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-10-2011 08:03
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES V


“Vaise o meu alento
con cada cullerada de caldo,
con cada gota de auga...
Esvaece a luz do cuarto
e unhas voces de tenrura
arroupan o meu corpo inmóbil...
Pero ti non estás.

Eses ollos que fitan o meu sorriso
perforado por mil trades...
Este ir e vir de almas
que preparan
un desenlace inevitábel...
Eses beizos contraídos pola dor
e polas bágoas
dunha ausencia agardada...

Podo escoitar o teu pranto
xurdindo do armario da soidade,
afastado e próximo,
prendido no recendo
de pasos silenciosos...
Pero ti non estás...

Deixareiche un bico na almofada”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 05-10-2011 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.