A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MULLERES




Mulleres vestidas de fracaso
coa vertixe do incerto
asomando á cintura,
agardan nas rúas da soidade
que corpos frustrados polo desexo
se deteñan nas súas peles sen pasado.

Mulleres amarelas, vermellas, violetas,
negras mulleres, mulleres brancas,
escravas nos letreiros de neon,
en camiños negros e prazas desapiadadas,
en luxosas suites de cinco estrelas,
mulleres enloitadas e enlatadas
que engordan osamentas insensibles,
soterradas en campos de inmundicia.

Mulleres coma néboas estériles
que se abren paso a cotenadas co abrente
atoldando a súa transparencia.
Claridade rota dos cristais opacos
da esperanza
nacida coa andaina iniciada
máis alá dos mares da pobreza,
na procura dun horizonte virxe,
no que aniñe o seu sangue.

Mulleres encadeadas.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (13) - Categoría: Varios - Publicado o 25-10-2010 06:51
# Ligazón permanente a este artigo
XIV - AROS DE FUME

É este o tempo,
no que a ledicia ferve nas sabas
e os soños cantan alporizados
de mañanciña?
É este o tempo,
no que se pechan as fiestras e as miradas
ao caer a tarde?
É este o tempo,
no que non se escoita máis ca o latexo
dun corazón noutro?
É este o tempo,
no que as rúas se derreten cos meus pasos
e se enchen cos sons do silencio?
É este o tempo,
no que non hai tempo de repouso
e no que o tempo sae
do meu tempo?

Un segundo,
para fundir a ledicia no pranto,
para que o sangue flúa polas veas
premendo os miolos,
para que unha ollada diga máis
ca todas as palabras recollidas
no diccionario...
Un segundo,
no que miro sen ver
e vexo sen mirar
como saen dos meus dedos
aros de fume...

Un segundo
para ser só iso,
un segundo,
libre, por fin...


Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (11) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 16-10-2010 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
XI - COMPAÑEIRA

Quixera axitar o silencio dos teus pasos
con palabras de rosa e violeta
e deixar unha pegada de airexa verde no teu cabelo.

Quixera iluminar a túa pálida pel
coas luces que desprende o vento
e pintar de carmín a túa sombra.

Quixera acariñar o teu sorriso
cos sons de seda dos meus soños
e facer meus os teus soños
e soñar xuntas
e espertar no abismo das inquedanzas
do camiño, para logo,
remontar o voo e chegar á eternidade.

Quixera, gran amiga, doce amante,
irmá querida,
ser a túa voz, o teu aroma,
a túa lingua, a túa luz,
e encher coa miña ledicia a túa alma doente,
desesperada e escura,
e ser a apracible esperanza
que durma no teu colo
cando o inverno cubra de branco
a nosa andaina.

Concha L. F.
Comentarios (13) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 04-10-2010 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.