A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

X - POR QUE?

Mamá, por que chora o ceo
cando as nubes debuxan mil figuras,
guiadas pola man do vento?
Mamá, por que canta e ri o regato
cando rouba a frescura da herba
e das areas ao seu paso?
Mamá, por que fire o sol a terra no agosto
e a deixa deserta de descanso?
Mamá, por que se axitan as follas
namoradas da airexa do solpor?

Mamá, por que sabe a sal o teu sorriso
e os teus ollos se perden no van da fiestra?

Mamá, enchiches os meus soños
cos teus soños
e agora que te miro,
perdida en mil preguntas sen resposta,
sinto que o meu tempo foxe co teu tempo
e non teño soños que enchan os teus soños,
nin podo darche axóuxeres e estrelas.







Déixame tan só a fortaleza do caxato
no que apoias tantos anos de renuncia,
o froito dos sucos labrados na terra do teu rostro,
o sereno ocaso da túa xuventude vigorosa,
preñada de alento e de dozura...

Non preciso máis herdanza.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (4) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 14-01-2010 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
VII - INSOMNIO
Será que o sono me sorprendeu
coa alma descuberta
e se axitou a alma mesma entre as sabas.
Será que a noite floreceu
sen eu sabelo
e as flores cubriron de sombra os meus cabelos.
Será que o inquedo soño soñou
un soño verdadeiro
e esvaeceu o meu corpo no aire do cuarto.
Será que respiraba aos saloucos,
perseguida a miña pel
por mil pantasmas.
Será que o tempo de estrelas fuxiu
sen deixar rastro
e a escuridade pousou
a súa man sobre esta cama.
Será que, fugaz, achegouse
aos meus labios
un alento efémero e o meu ser
buscaba tras os lenzos alento interminábel.
Será, tal vez, que emprendín
a dura carreira de fondo
cara ao incerto abismo
da miña soidade
e os meus pés, sedentos de repouso,
seguen aínda errantes...
Será que, sendo, non son eu
quen durme cada noite
sen durmir
e esperta á madrugada
co primeiro son do orballo,
sen un sorriso
ao outro lado da almofada.

Concha L. F.
Comentarios (3) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 11-01-2010 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
AUGA
Descéndesme,
coma a auga
dun torrente
que se precipita
por unha fraga.
Pousas e repousas
no meu chairo
e vólvesme ascender,
coma vapor que se eleva
do meu val,
incendiado
pola túa mirada.

Es para min
nube que me observa
e me alimenta...
Es por min
auga que flúe,
se eslúe e ascende
para ser, de novo,
auga.

Son por ti terra sedenta
de aloumiños e humidades,
fértil e fecunda...
Son para ti
val profundo,
remanso e calma.

Haberá mañá? (1982)
Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (1) - Categoría: Varios - Publicado o 09-01-2010 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
VI - SILENCIO III

Teño prohibido pronunciar ese nome.
As mans de ferro que me prenden
ábrense coa primeira luz
e proxéctanse sobre min,
inquisidoras,
buscando entre os xestos da pel
os sinais dunha fuga.
Teño prohibido pronunciar ese nome.
Pola obra e pola graza da fortuna
foime dado o don da palabra,
mais traga a miña lingua
os restos de miradas,
deixando no padal o amargor do silencio.
Teño prohibido pronunciar ese nome,
fitalo mentres camiña,
acariñado polos sons que o vento
deixa nas follas e nas augas.
Teño prohibido pronunciar ese nome,
e ata pensalo teño prohibido.
Non vaia ser que a Terra esperte
e o seu seo
cuspa a furia desatada
polos soños esquecidos
e o azul se fenda por mil raios.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 04-01-2010 08:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Concha L. F.