A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IX - SEDE

Aquel fala e sorrí,
coa man na orella.
Aquela acende un cigarro,
volvendo a mirada.
Berra un neno,
a nai repréndeo.
Unha muller de aspecto estraño
carrexa o peso das viandas...
Ando as rúas en silencio
ollando a xente que pasa...
O enxordecedor son dos coches
e os seus lacerantes faros feren na pel,
envolvendo nunha brétema espesa
o meu corpo inconsciente.
Todo flota ao meu carón...
Ando errante nun mundo sen horizonte.

Neste deserto de asfalto
busco unha gota de chuvia
que sacie a miña sede de infinito.
Quero librarme das cadeas que me atan,
pero é de noite, coma sempre...
Noite pecha, escura,
preñada de presaxios innomeábeis.

Noite eterna, fría, silenciosa,
chea de pantasmas asexantes...
Buscaba...
unha gota de chuvia
neste deserto de asfalto
que saciase a miña sede de infinito...

Concha L. F.
Foto: Xulio López.
http://www.flickr.com/photos/23760547@N04/


Comentarios (5) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 30-01-2010 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
X - SUICIDIO


Miles de trades de finas e longas brocas
perforan o meu cranio,
desde a conca dos ollos ata o pescozo,
deixando un baleiro de sentimentos,
unha enchente de dor.
Atenázame un nó a gorxa,
lexións de vermes liban os zumes
do meu estómago e as sambesugas
percorren dun lado a outro as miñas veas,
famentas de sangue e de vida.
Pésanme os xeonllos,
os meus pes andan un camiño errático,
cheo de pedras nas que tropeza
o meu entendemento.
As miñas mans a penas reteñen
os poucos soños que me quedan.
Todo está cuberto de nubes grises
que ameazan treboada.
Hoxe espertei do meu sono
e a porta da gaiola segue pechada.
Os barrotes non me deixan ver
o resplandor do abrente
e o ceo proxecta sobre min
sombras de silencio e de ausencia.

É un bo día para subir nas ás da velocidade,
sen pensar en onte,
en mañá,
en agora.
É un bo día para anegarse en alcohol, en alcatrán...
É un bo día para atar ao pescozo
a soga da realidade e bambearse no infinito.
É un bo día para montar no lombo da morte
e iniciar o camiño,
sen retorno...

Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 28-01-2010 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
CRECENTE OU MINGUANTE?

Tampouco o sei. Agora vai ser que non sei nada, pero iso sería demasiado luxo, pois é unha frase roubada a unha grande persoa da filosofía universal e eu son máis ben de filosofías cotiás. Ademais, as verdades verdadeiras sempre van máis alá das filosofías e temo errar nas valoracións que adoito facer sobre o mundo, así que, de antemán, pido desculpas se ofendo a alguén.
O conto é que, sendo como son traballadora do ensino público galego, crente e practicante da doutrina das xeneracións que me preceden (ademais da doutrina católica, aínda que algo escéptica), das que mamei o moito que lle quero a esta TERRA e ao seu IDIOMA, fáiseme que, coma sempre, as bandeiras mandan, como mandan as insignias, os cartaces, os escudos e os lábaros.
Fixen folga o día 21 de xaneiro, porque non me gustaron as bases que o goberno da Xunta publicou, sobre o Decreto de Galego. Por tres razóns básicas:
• Económicas: non se pode pretender, sen antes facer un estudo económico dos custos, implantar unha normativa que afecta ao sector público, igual que se fixo no seu día coa LOXSE ou posteriormente coa LOE ( que siguen coxas de recursos, implantación e posterior avaliación). Se lemos ben as bases do decreto darémonos conta de que para que sexa efectivo, eficaz e eficiente o programa da actual administración, como pouco, tense que instruír ao profesorado en linguas estranxeiras e ao profesorado especialista en áreas instrumentais básicas (ou non tan básicas). Xa sei que hai moita xente especialista en idiomas... En física, matemáticas, ciencias sociais, pero, QUE FAN CON QUEN NON TEN NIN IDEA E SE VAI VER OBRIGADO OU OBRIGADA A A DAR EN IDIOMA ESTRANXEIRO ÁREAS DIFERENTES ÁS QUE HAI NA ACTUALIDADE?
Porque me poño no caso: xeneralista entre 45 e 55 anos, nunha escola unitaria e que teña que dar, por exemplo, plástica nun idioma que non sexa castelán ou galego... Ou é que teño a obriga de saber falar algún idoma que non sexa castelán ou galego para ensinar a facer papiroflexia? E se non a teño, porque cando acadei o status de funcionaria non se me esixiu, teño que pagar agora cursos de formación e estadías no estraxeiro para sabelo falar? Vaimo pagar a Administración? Permítaseme que o dubide.
• Pedagóxicas: levo 25 anos traballando en Educación Primaria, dos cales, pasei 15 no 1º ciclo. Xa sei que non son moitos, pero podo dicir, sen medo a errar, que as crianzas cando entran na escola, sen apenas saberse expresar en público, precisan que se lles dea a posibilidade de falar na lingua que mellor coñecen. Co tempo, cando adquiren autonomía, é necesario introducilas noutros mundos de expresión, pero iso non se pode facer antes de que estean ben ancorados na súa realidade educativa. Hoxendía as Aulas Bilingües e a Anticipación ao Idioma Estranxeiro son a mellor catapulta a linugas diferentes ás da súa nacenza. Para que introducir nas áreas instrumentais algo que aínda non domina nin o profesorado? Porque non se esqueza que para que se cumpra o 33%, hai que dar horas de instrtumentais básicas en idioma estranxeiro. Claro que, instaladas como están as relixións nos currículos, igual se pode adoutrinar en inglés ou francés na relixión islámica, xudea ou católica... Que llo pregunten ao profesorado que se encarga delo.
Pero siguen sen darme as contas, sobre todo no 3º ciclo: 3 horas de castelán, 3 de galego e 3 de lingua estranxeira. Agora hai que repartir o resto a partes iguais. A saber: Coñecemento do Medio, Matemáticas, Plástica, Música, Educación Física, Cidadanía (en 6º) e Relixión.
Onde poño o axóuxere? Por favor, que alguén mo diga, pois son xeneralista e non teño nin idea. Ademais, non sei falar ningún idioma que non sexa galego ou castelán, e para que entendan canto lle teñen que devolver se algo vale 20,35€ e entregan 30€ teño que facer encaixe de Camariñas... E se lles digo que hai que pintar de verde as centenas, van e píntanme as centésimas!
• Culturais: a TERRA é a TERRA e só quen mame dela sabe o que significa. Cada TERRA ten unha lingua propia, unha maneira de expresar o que sinte e o que transmite a través da súa lingua. Quen renega da lingua, por moito que pretenda vender, en pos da globalizacion, outra lingua diferente, renega da súa lingua e da súa TERRA ao mesmo tempo.
Eu non sei moi ben como anda o mundo fóra da Canda, de Vegadeo ou de Pedrafita, pois non me gusta viaxar, pero penso nas persoas que, cando na posguerra marcharon a países coma a Alemaña ou a Franza, sen máis cultura que a que adquiriron na súa aldea, con menos de 18 anos, moitas delas sen poder ir á escola pois tiñan que coidar as vacas, cómo centella se entenderon en países tan diferentes a Galiza, cun idioma tan distinto. Como se fixeron entender sen perder as súas raíces e gañaron cartos para mandarllos ás súas familias, sumidas na pobreza? Porque non se pode esquecer que, dalgunha maneira, as persoas da nosa histórica emigración, nunca renunciaron ás súas raíces culturais. Non en van se crearon polo mundo adiante centros galegos nos que se reunían para falar e cantar en galego as coplas que hoxe nós cantamos cando andamos de esmorga.
Se non fose porque quen quedou seguiu cantando e quen marchou, cantou fóra, que sería do Romance da Lavandeira ou do Cantar do Arrieiro? Que sería de nós e que será das xeneracións que nos sucedan?

O de CRECENTE ou MINGUANTE ven a conto de que, ademais de facer folga, fun a Compostela á manifestación e... Abofé que había moitas bandeiras! Eu tamén levaba unha de cor azul intensa, cun anagrama branco, bandeira na que creo e na que milito... Pero agora que o vexo desde a calma e a distancia, lonxe de arrebatos, creo que en certo modo errei, pois a única bandeira que tería que bambear é esa BRANCA CON FAIXA AZUL, a da claridade surcada polas augas xenerosas do Miño.
Se me desculpe se é posible. Militancia obriga. Pero tanta bandeira diferente, tanto berro e discurso político... non acaban de convencerme. Galiza é moito máis. E merece bastante máis do que lle dan algunhas bandeiras, sobre todo aquelas que din que nos gobernan e tanto me ten que leven gaivotas, rosas ou estrelas. Polo que percibo, cada can quere lapar o seu. E Galiza merece moito máis. Creo. Estarei errada?

Concha L. F.
Xaneiro - 2010
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 27-01-2010 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
VIII - CANSAZO

Necesito dimitir, aquí e agora,
do frío do inverno,
da luz da primavera,
da calor de agosto,
do amarelo de outono,
da auga que alimenta o meu sangue,
do pan de cada día,
do aire que respiro,
das árbores e das bolboretas
que de flor en flor alimentan
as cores dos xardíns,
abandonados pola desidia
das mans cansadas de agardar solaz
que diminúa o seu cansazo.

Necesito dimitir das xentes que me adoran,
das que me odian...
e das que ven
horizontes de esperanza
no verde que cobre as campías
da miña inacabábel forza,
da miña infinita debilidade,
do meu sorriso limpo e xeneroso,
das miñas verdades a medias,
das miñas mentiras piadosas,
das miñas palabras.

Necesito dimitir do silencio e da soidade...
e encherme de silencio e soidade,
eu soa,
escoitando o son que outras voces,
con máis sabedoría ca min,
saben escribir nun pentagrama.

Necesito dimitir de min,
refuxiarme no escuro camiño do tempo
que me vai marcando
os segundos que me quedan
para ser, sen ser,
outro futuro,
outra primavera,
outra senda.

Pero...
percibo que o tempo mesmo
chama á miña porta
e téñoa que abrir
ao frío, á luz,
á calor, ao amarelo,
á auga, ao pan,
ao aire, ás árbores,
ás bolboretas, ás xentes...

Preciso só un respiro,
por favor,
preciso só un segundo...

Preciso dimitir, aquí e agora,
de todo,
só un instante...
Para volver ser sorriso,
bágoa, forza, debilidade,
silencio, mentira,
verdade e... palabra.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)

Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 26-01-2010 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
II - FEBRE





Axóuxere riseiro de ollos soñadores,
limpa fronte con sucos de esperanza,
ferventes mans que acariñan os sentidos,
regueiro incesante de outono e sabedoría,
enxeñeiro sutil da vida e das palabras...
Dáme esta noite escura e triste
orballo que refresque a miña alma.


Concha L. F.
Comentarios (2) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 24-01-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
REFLEXIÓN
Non sei. Tal vez estea errada, porque o que levo lido ata agora sobre as bases do Decreto de Galego vai acabar por confundirme. E non porque teña algunha dúbida sobre a necesidade de que a lingua galega sexa, por enriba de outras, a de todos os galegos e galegas, senón porque me sona que, tanto dun lado coma doutro, todo o mundo tenta sacar tallada política do conto e iso é algo que me decepciona.

Quizais o documento que mellor recolla as verdadeiras consecuencias do desenvolvemento dun decreto redactado sobre as bases que ven de publicar a actual Administración Autonómica sexa o da Real Academia da Lingua Galega, posto que toca todos os puntos vulnerables, respecto da difusión e conservación dun ben tan prezado, como é a lingua dun país. E digo isto de PAÍS sen ánimo de ofender a ninguén, porque cadaquén considera PATRIA aquel territorio ao que ama, o terreo no que naceu e do que mamou. Pero fáiseme que, alguén, nalgures, descoñece que para a poboación galega, Galiza é a Patria, ademais de selo España.

Non hai moito tempo fixen un curso de formación sobre coeducación e unha das máximas máis potenciadas pola persoa que me tocou coma titora foi que "NON RECOÑECEMOS AQUILO DO QUE NON FALAMOS, AQUILO QUE NON VERBALIZAMOS".
Se aplicamos esta máxima a unha lingua e as administracións non artellan os medios para que unha lingua sexa recoñecida, verbalizada e falada, aínda que só sexa de maneira oficial, QUE LLE QUEDA A ESA LINGUA? Supoño que co paso do tempo, desaparecer e negar a súa existencia.
Tamén se me ven á cabeza un libro que lin o curso pasado: "El acoso moral" de Hirigoyen. Nese libro fálase, entre outras cousas, de que as vítimas do acoso só son conscientes do feito, se son capaces de falar del e de verbalizalo.
Se aplicamos isto á lingua, como podemos identificar unha lingua se non a falamos, ou se ninguén pon os medios para que sexa ensinada e falada?
Tamén se me ven a cabeza unha película de Tassos Boulmetis, "Un toque de canela", na que se fala da desubicación dun xove turco, criado en Grecia e que ao final non sabe exactamente onde ubicarse, posto que se sinte rexeitado en Grecia por ser descendente de Turquía e en Turquía por terse criado en Grecia. A desubicación da nosa xuventude emigrante, por falta de recursos en Galiza, se non leva as raíces do idioma GALEGO e da cultura que a lingua transmite, QUE NEXO LLE QUEDA COA SÚA ESENCIA?

As bases que redactou a actual Administración Educativa reparten os tempos de docencia das linguas (dúas oficiais e unha extranxeira) a partes iguais. Isto non sería un agravio se, na actualidade, a LINGUA GALEGA tivese en Galiza e para toda a súa poboación a mesma consideración que calquera outra. Pero eu traballo no ensino público rural e, curiosamente, a consideración que se ten do GALEGO é semellante á que se tiña cando eu era estudante de BUP: lingua que só se falaba na aldea e que só podían falar as persoas maiores. Para as cousas importantes e para a xente nova, "Castellano, por favor". É isto equiparación, 50% ou semellantes? Tal como se desprende dese 33%, preténdese que o idioma galego volva ser ou siga sendo unha lingua de persoas adultas e da aldea galega, case despoboada na actualidade, por outra parte.

Me permitan as persoas que pasean polo meu blog, lonxe de calquera ideoloxía ou afiliación política, que a situación do idioma galego na actualidade é máis ben precaria e que as nosas crianzas, antes que saber cales son as regras gramaticais, ortográficas e expresivas dos idiomas de Cervantes e Shaskpeare, debían coñecer as da terra que lle deu vida e lle dá sustento: GALIZA. Non por nada, senón porque, quen non identifica a súa terra, a súa lingua e a súa cultura, acaba por ter cidadanía de ningunha parte. E, se ao cabo, o mundo da globalización lle dá a espalda e ten que regresar, QUE LLE QUEDA? NADA, porque se ninguén o remedia, non lle queda nin a terra. E aínda que lle quede a terra, QUE É UNHA TERRA SEN LINGUA?

Ata en Galiza hai diferentes maneiras de falar Galego.

Concha L. F.
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 20-01-2010 16:17
# Ligazón permanente a este artigo
III - RAÍCES

Terra de soños,
queda e silenciosa,
na que repousa aínda a infancia,
baixo un manto de xeada e neve
que estendeu o frío inverno..
Campía na que a nena do paraugas
desenredaba e tecía
feixes de fíos de prata.

Terra de soños,
queda e silenciosa,
na que corrían agocharse as crianzas
entre a herba seca das palleiras,
entre océanos de millo...
Mentres unha man nun corazón ferido
vixiaba trala fiestra entornada.

Terra de soños,
queda e silenciosa,
pendurada na montaña.

Terra escura, húmida e fértil,
que pariu con dor almas errantes,
silencios, retornos, abandonos,
raíces, bágoas e esperanzas.
Miña Terra, queda e silenciosa,
volverei a ti,
á túa cinsa,
e serei o estrume que alimente
novos soños, novas vidas...
Volverei a ti
e ti serás
testemuña da miña andaina.

Concha L. F.
Comentarios (3) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 18-01-2010 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
TAMÉN...

...Creamos os sorrisos, os ideais de beleza, a beleza en si mesma. Tamén vivimos por e para unha causa, aínda que esta sexa insignificante e se circunscriba ao noso diminuto mundo. Tamén damos paz a quen a precisa e recibimos paz de quen nola da xenerosamente, sen pedirnos a cambio nada máis que o que somos.
Hai anos que deixei de crer nos Reis Magos, en Santa, no Apalpador e en todos eses seres milagreiros (curiosamente todos homes) a quen pedimos o que desexamos, moitas veces sen pensar demasiado en se o que demandamos nos convén, nos é necesario ou se, pola contra, só responde ao humano desexo de posuír aquilo que outras persoas teñen e das que nós carecemos.
Agora, xa fóra do Nadal, das súas luces de cores e dos reclamos consumistas, lonxe dos desexos, ás veces postizos, de paz, felicidade e bonanza, resulta que a realidade acaba de darnos unha labazada gloriosa: Haití. Quédame lonxe... e dicía a miña avoa que, ollos que non ven, corazón que non padece, pero desde a comodidade da miña gaiola penso que eses poderosos seres milagreiros anteditos, ben podían facer un esforciño para que as iras de Natura fosen de vez en cando para outra parte, onde a recuperación da desgraza sexa máis doada de levar a cabo. Porque, tamén dicía a miña avoa que as penas con pan, son menos penas.
Debe ser que os tales seres andan demasiado ocupados en agasallar con dádivas a quen ten poder para mercalas e non lles queda tempo para levar, aínda que só sexa PAZ (que é moito) a persoas que, por avatares da historia dos descubrimentos de novos mundos, lles levan dado ata no carné de indentidade.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-01-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
SON…

Son apenas
salouco do verán,
raiola que,
ás veces,
fende muros de lembranza.

Son apenas
setembro que escurece,
orballo e morno sol
pousado nos camiños,
durmindo na esperanza.

Son apenas
silencio que loita
contra a tarde que esmorece,
cantando mil cantigas
sin pentagrama.

Son apenas
gran de area perdido
no areal inmenso
onde adormece o sorriso
dunha bágoa salgada.

Son apenas
palabra esquecida,
tempo e soño,
soño e Terra,
Terra e sons perdidos,
eterna alborada.

Son apenas
raíz forte de recio carballo,
folla de castiñeiro,
silveira con espiñas
que abanea nas fragas.

Son apenas eu,
pobre de min,
Terra doutras terras
esquecida
por ventos que brúan
desde afastadas montañas.

Son lingua,
pasado e presente,
presente e futuro.
Son a esencia
desta Terra…

Apenas nada!


Haberá mañá? (1983)
Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (2) - Categoría: Varios - Publicado o 15-01-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPO, SEN MÁIS...
Facendo a miña ronda dos luns, no patio de recreo do colexio, un compañeiro comentoume o atarefado que andaba na súa vida diaria. Faloume das súas múltiples ocupacións cando sae da escola e quedei bastante sorprendida, xa que non dou imaxinado cómo se pode ter tempo para tantas cousas.
Pero logo, quedei a reflexionar sobre o que somos capaces de facer cando temos interese, cando a propia vida nos demanda que nos movamos, cando non queremos ser arrastrados e arrastradas pola desidia e o aburrimento...
Cando era pequena, vía tamén con asombro que miña nai traballaba arreo na panadería, muxía a vaca, ía por herba fresca, facía a sementeira das patacas e do millo, ía regar a horta... e desenredaba con paciencia o meu cabelo, para logo recollelo en trenzas imposíbeis, antes de mandarme á escola.
Sabedes? Sempre vivín rodeada de persoas que non tiñan nin un segundo para pensar en si mesmas, non obstante, cando alguén aparecía pola porta para contarlle algún problema, escoitaban pacientemente e dedicaban unhas palabras de alento, rebuscaban no fondo da artesa o anaco de pan e de queixo para ofrecer e, con ese xesto, daban o tempo que non tiñan, tempo que lle era devolto, multiplicado por mil.
Quizais a virtude menos extendida nestes tempos de présas e competicións sexa a xenerosidade, en parte porque non sabemos ser persoas xenerosas co noso tempo, que o tempo que se perde contemplando a beleza dunha roseira non é tempo perdido...
E esquecemos que, dunha ou doutra forma, o propio tempo acabará por colocarnos no lugar que nos corresponde.

Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 14-01-2010 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Concha L. F.