A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POUSABA O CEO


Pousaba o ceo.

Entre o recendo da airexa
daquela tarde queda,
mentres adormecían os piñeiros,
pousaba o Sol e colgaba
pingas amarelas entre a frouma…

E o Sol íase cantando
amarelas melodías,
deixando luces que a nena recollía
e gardaba no seu peto,
mentres pousaba o ceo.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (10) - Categoría: Varios - Publicado o 23-03-2011 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
21 DE MARZO


Non sei moi ben como chegou, pero o caso é que está aquí e vai espallando cores que enchen de ledicia as macetas e o peitoril das fiestras.

Agora xa soamente falta que paren as bombas que axordan a luz que se filtra entre as fendas do noso tempo.
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 21-03-2011 07:09
# Ligazón permanente a este artigo
FAMILIA OU CLAN?


José Luís e Eligio eran dúas persoas doces e agarimosas, cun corazón grandísimo e a quen a vida acabou por darlles máis desgustos ca ledicias, o que tal vez os levou a unha morte prematura.

Ana María tiña determinación e, moi nova, marchou estudar a Ourense, sen máis compaña ca a súa maleta, os seus lentes e un fondo sentimento de medo a perderse entre a xente da capital, pero soubo sacarlle á vida a forza necesaria para sobrevivir sen perder o sorriso.

Concha era unha nena tímida, mimosa e conquistadora pero que, pola calada facía as trasnadas máis inverosímiles, coma botarlle deterxente ás plantas para que medrasen ou sentar no peitoril dunha fiestra da planta alta da casa, cos pés colgando para fóra.

Cándido era o cómplice perfecto para as trasnadas de Concha, aínda que as máis das veces andasen a cotenadas. Hoxe en día conservan aquel toque de complicidade para ir levando o día a día.


Ricardo era un neno inconformista e rebelde, pero cunha dozura e unha retranca desas que dan que pensar e fan rir a gargalladas.

Antonio buscou o camiño da entrega desinteresada cara as minorías máis desfavorecidas de África e hoxe vaga por Zambia, aprendendo a vivir e vivindo dunha maneira sinxela, pero moi enriquecedora.

Lourdes pérdese polos recantos da nosa nenez, co seu longo pelo louro enchendo co seu recendo a airexa das mañás e das tardiñas dos sábados e dos domingos.

Eramos felices. Máis ca familia, formabamos un clan, no que as crianzas máis vellas coidaban das máis novas, aínda que as máis das veces andásemos a liortas. Seguimos sendo felices. Supoño.

Concha L. F.
Comentarios (10) - Categoría: Eu son... - Publicado o 14-03-2011 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
PERSÉPOLIS
“Persépolis” é una historia conmovedora que fala dunha moza que medra entre o Irán do Sha e o da Revolución Islámica. A través dos ollos de Marjane, unha nena aberta e moi intelixente, pódense vez as esperanzas dun pobo que ve como todo vai rompendo ao entrar o fundamentalismo no poder, impoñendo o velo ás mulleres e encadeando e matando a miles de persoas. É unha nena capaz de enganar aos gardiáns da sociedade e que descobre que, máis alá do seu mundo, existen o punk e Iron Maiden. Non obstante, cando seu tío é apreixado e executado sen piedade, e vendo como as bombas da guerra entre Irán e Iraq non cesan, o medo vaise facendo dona dela.
A medida que medra, a súa maneira de desenvolverse fai que seu pai e súa nai se preocupen polo seu futuro e mándana a un instituto a Viena. Alí pasa con moitos problemas a súa adolescencia, afastada da súa familia e tendo que combater o feito de ser equipada co fundamentalismo relixioso do seu país de procedencia.
Co tempo é aceptada e mesmo atopa unha parella da que namora, pero trala ruptura e o instituto, atópase soa e con grande morriña por volver ao fogar. Iso significa poñer o velo e vivir nunha sociedade tiránica, pero decide volver a Irán e logo dun difícil período de readaptación, entra nunha escola de arte e casa, ao tempo que segue manifestándose contra a hipocrisía que presenza a diario.
Finalmente toma a dolorosa decisión de marchar a Francia, deixando atrás á súa familia, pero conservando unha visión optimista sobre o seu futuro.

Para min este filme ten moitas lecturas.
Amósanos a grande capacidade que teñen algúns medios políticos para facerse co apoio da poboación, sobre todo en países sen desenvolver, nos que está asentado un profundo sentimento relixioso e nos que a educación, sobre todo a das mulleres, está en segundo termo. E non só a instrución da poboación, senón a educación crítica en valores tradicionais. É moi sinxelo convencer ás masas que non están formadas con espírito crítico, de maneira que se converten en “obxectos manipulables”, sobre os que se verten discursos de salvación que, ao cabo, non son máis ca palabras para sacar proveito, tanto político coma económico.
Vese perfectamente o desencanto da xente á que se prometen cambios, pero que ao final non son máis que diferentes maneiras de sometela. Tanto ten o réxime, a pobreza sempre existe e sempre recae nos sectores máis débiles. Curiosamente sempre son as mulleres.
Pero o máis importante que se pode apreciar, respecto do xénero, é a situación das mulleres. Elas son as máis oprimidas nese novo país emerxente, ao que se promete coa revolución un mundo diferente, pero no que as mulleres non teñen cabida, por seren consideradas seres inferiores. Volven ser obrigadas a recluírse nos seus fogares, a levar velo e vestir roupa longa. Adoita suceder isto naqueles países nos que a relixión fai parte da política e a política está mesturada coa relixión.
Tamén se percibe a existencia de dúas maneiras de vivir: a que vive a xuventude cara a fóra, polo día, seguindo estritamente as normas, e a que vive de noite, en lugares agochados das mirada do exército, nos que se consume alcohol e se bailan ritmos occidentais…
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 09-03-2011 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
GRAZAS


Un día ocorréuseme escribir cousas, o mesmo que a meu irmán máis novo se lle ocorreu empezar a facer fotos. E velaí que descubrín que moitas das imaxes que Xulio López retiña nunha foto encaixaban con cousas que eu escribía. E velaí tamén que, logo de pedirlle permiso, empecei a colocar neste espazo fotos feitas por el, acompañadas polos meus textos. O resultado é o que hai aquí e o que vedes e ledes.

Tamén é certo que non todas as fotos levan a súa sinatura, ou non fago referencia a súa autoría. Esas son das que ás veces saen da miña pequena cámara, unha desas que non teñen abelorios varios e que son sinxeliñas de usar, pois eses aparellos non son o meu.

Xulio López, ou mellor, Xulio Pazo quere agradecervos a todas e a todos os vosos comentarios respecto das súas fotos e non se me ocorreu mellor maneira de facervos chegar o seu agradecemento ca este texto que agora ledes.

Todo un pracer compartir convosco imaxes e pensamentos, tanto da súa parte coma da miña.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Xulio Pazo
Xulio López
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 02-03-2011 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES I


Caen os ladrillos a golpe de maza
e unha nube de po
envolve lembranzas e soños derrubados
pola man que sostén
a arma do delicto.
Con cada expiración
caen os cascallos
espallados polo chan
e amontóanse nas portas do pasado.
Canta suor debaixo do cemento!

Mañá ergueranse
outras paredes e non recoñecerei
as súas cores!
Polo van foxe cada noite o meu alento.
Vístome co medo
a que o ladrón de soños
entre silencioso mentres durmo
e leve no seu peto
os que me quedan.
Esta inconsciencia,
este querer mudalo todo
sen sentido...


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 27-02-2011 06:43
# Ligazón permanente a este artigo
O BOTE DE "NESCAFÉ" DESCAFEINADO


Estaba de vacacións a uns centos de quilómetros da súa casa. Quería ter un peixe de cores. Un non. Mellor dous, para que puidesen compartir experiencias no reducido espazo da súa bóla de cristal. Pediulle á súa irmá que lle mercase dous peixiños de cores para levalos a casa. E unha bóla de cristal desde onde eles puidesen ver o mundo e falar del. Súa irmá mercoulle un peixiño branco e outro laranxa.
E velaí que o rapaz e a súa irmá emprenderon a viaxe de volta, non sen antes colocar con moito mimo a parella de peixes de cores nun bote de “Nescafé" descafeinado e mercarlle alimento para a viaxe.
Subiron ao autobús e o neno, nas 7 horas que durou a viaxe, non pegou ollo, non separou a vista do seu bote de “Nesacafé" descafeinado. En cada parada, comprobaba se os peixiños tiñan comida, se estaban cómodos e animábaos dicíndolle que xa faltaba menos para que aquel autobús parase…
Chegou á casa moi canso, cando xa era noite, pero antes de deitarse fíxolle prometer a súa irmá que ao día seguinte irían mercar a nova vivenda para os seus peixes de cores. E deitouse, deixando o bote de “Nescafé" descafeinado na mesiña de noite, moi cerca da súa almofada.
Cando espertou á mañá, no chan, á beira da cama, había un gran paquete. Desenvolveuno e atopou unha fermosa bóla de cristal, con area, uns paus e pedriñas no fondo e unhas plantiñas verdes. Apresurouse a botarlle auga fresca e, con moito coidado, verteu nela o contido do bote de “Nescafé" descafeinado e colocouna enriba da súa mesa de estudo, fronte á fiestra do seu cuarto. Cada día falaba cos seus peixiños, dáballe de comer e vixiaba que a casiña estivese limpa.
Pero unha mañá, ao espertar, os peixiños estaban flotando na superficie. Sacounos con moito coidado, meteunos nunha caixa de mistos e enterrouna no xardín.
Agora alí medran un caravel branco e un laranxa.


Concha L. F.
Peixes
Comentarios (10) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-02-2011 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
O TEMPO NON PASA DE BALDE



É ben certo que o tempo non pasa de balde. Cando me miro ao espello e vexo as coletas desa nena máis pequena e regordecha da dereita, que ten un cacho de pan nunha man e mira a cámara cunha curiosidade sen fin, ata me parece que non podo ser eu. Sigo sendo gordecha, pero teño que andar buscando a miña melena, pois está medio desaparecida e cando atopo algo, máis ben é branco e sen forza!

Esta imaxe é dunha festa en Anllo, polo día de Santiago. Hai varias persoas que aparecen aí que xa non poden comer o suculento polbo: o tío Cándido e a tía Sara. Meu pai. A Rosario e o Emilio… Pero hai outra xente que aínda seguimos a mollar o pan no aceite que vai quedando no prato. (Hoxe saltarei a dieta).

Vaia por todas e todos! Ata polas canas! E pola historia que cadaquén de nós levamos nelas.

Concha L. F.
Comentarios (12) - Categoría: Eu son... - Publicado o 04-02-2011 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
INERTE


Non respira.

Non sente.

Non fala nin rosma.

Soamente mira,
coa conca dos ollos baleira,
como a airexa da mañá
bambea o inverno
doutras pólas.
Comentarios (3) - Categoría: Varios - Publicado o 27-01-2011 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
COMUNICACIÓN
Hai par de días lin nun xornal un artigo que falaba sobre a falta de comunicación entre a xente nova. Sobre a falta de comunicación cara a cara. Digamos que viña falando de que uns amigos se pasaban media tarde sentados comendo pipas, sen cruzar palabra e cando chegaban á casa, falaban o non falado a través da rede.

E quedei pensando niso... No sei...

Custa moito falar do que é preocupante, cara a cara, tal vez porque nesa situación non soamente se escoitan palabras, senón que se poden observar os cambios do rostro e iso ispe máis ca as palabras e pode chegar a desvelar de cadaquén o que realmente non quere contar.
O anonimato da rede permite agochar os verdadeiros sentimentos da xente e mesmo enganar.
Pero o que non acabo de entender como é posible pasar unha tarde enteira rodeada dunhas amizades, sen cruzar nin un comentario e logo verter ata os máis íntimos nun espazo tan... impersoal como é este.

Será que me estou facendo maior...
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 20-01-2011 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [15]
© by Abertal
Concha L. F.