A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XII - TATUAXES IV-A


“Quen borrou as miñas pegadas?

Miro perplexo esta atmosfera
na que mudan os números das ondas
e o mantel xa non cobre a mesa.
Estou perdido nunha adega estreita e fría
e fumega nun prato
a leituga requeimada polo agosto
que agarda trala porta.

Quen asasinou as miñas lembranzas?

Ti desesperas facendo
mil preguntas
sen resposta
e non sabes
onde quedou a túa infancia.

Quen perturba o meu sono?

As marteladas metálicas
resoan no oco da escaleira
e traen a música
do inferno dos cascallos.
Xa se achegan e o meu sono está perdido.


Onde está o meu norte?

Empeza a debuxarse
o camiño cara a un ceo incerto
e o tempo non é tempo.
Empezo esta viaxe sen maletas,
coas voces da censura
enchendo os meus oídos
e trenzas de cebola
atadas no pescozo.
Non vexo a porta ao final do corredor
e condenáronme
a vagar sen rumbo
neste cárcere
de batas brancas e bandexas.
Atáronme as mans
á realidade
e os exércitos da noite
galopan sen folgos,
perseguidos por esa voz
que reza unha salve".


Concha L. F.
Foto: Xulio Lopez
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 28-06-2011 15:54
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES III


“Neste universo en desorde
foxen os meus ollos
perseguidos pola realidade.
Non atopo a miña vida
e a maza golpea os tabiques
sen descanso.
Esa xente que perturba o meu sono
trae o esquecemento
na pel núa e suorenta
e o sol queima
as herbas do camiño.

Saín de mañanciña
co outono no cabelo
e a incerteza
presa no meu peito.
É mediodía e o meu sorriso está de loito.

Só me queda o silencio na memoria”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 19-06-2011 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
XII - TATUAXES II


“Haberá unha razón que eu ignoro,
mais o meu peito está mancado
polos golpes desa maza
que se ergue e descende
sen piedade.

Haberá algunha razón que eu ignoro.
Esa man dilixente vai facendo
que o meu mundo se derrube.

Haberá algunha razón que eu ignoro.
A nena do paraugas é feliz
e así a quero,
mais non ousa mirar
mentres a maza vai e ven.
Quizais ten medo de atopar
a miña tristura baixo os cascallos”.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Aros de fume-Tatuaxes - Publicado o 07-06-2011 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
XIRANDO...

Cando era pequena gustábame xirar e xirar ata que a miña cabeza perdía o rumbo e o meu corpo o equilibrio. Iso custoume máis dun golpe contra os armarios, as cadeiras ou as mesas. E ata contra as paredes.
Hoxe o corpo non me dá para experimentos, así que deixei de xogar a desnortarme xirando sobre min mesma.

Pero sigo desnortada, sobre todo cando observo a realidade que me rodea e vou vendo como se foron perdendo moitos valores na sociedade, como se tamén andasen a xirar sen descanso e acabaran topando contra os muros.
Non obstante hai algo que me fai conservar a calma e a cordura e son esas concentracións de xente nas prazas das cidades, reclamando democracia real.

Ogallá á xuventude non lle dea, unha vez na vida adulta, por xirar e xirar sobre os mesmos vicios desta nosa sociedade actual.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 29-05-2011 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
ASÍ TE QUERO...


Así te quero, verde e morriñenta, espallando primaveras de letras e cantos polos camiños poeirentos, sementando a luz dos teus solpores de verán, colocando na liña do infinito unha pinga de azul e branco nos teus ceos e nos teus mares...

Así te quero, miña Terra, sereno e doce leito no que repousan as xentes que por ti e contigo verteron os regatos de tinta que alimentan a miña memoria...

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 17-05-2011 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
CABALO BRANCO

Cada día, despois de xantar, paso pola mesma estrada comarcal para volver ao traballo e, cada día, no mesmo recanto, vexo esta estampa. Un cabalo branco, aparentemente libre, gozando do sol dos mediodías de inverno, sen ninguén ao seu carón que o apreixase.

Pero hai un tempo deume por parar e vin a corda que tiña atada a unha pata. A súa liberdade para moverse e gozar da herba e do sol reducíase ao espazo que lle permitía a corda.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Eu son... - Publicado o 11-05-2011 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
E VALAÍ VEN O MAIO...

... de flores cuberto...
Quen cantaba iso? Teño a memoria feita un farrapo!

O caso é que hoxe cando cheguei ao meu refuxio para ver se miña nai precisaba algo, atopei que a roseira enredante tiña un fermoso ramo aberto a esta mañá choviñenta. Debera parar de chover xa había tempo, pois as rosas estaban húmidas, pero non goteaban.

Cando saín de alí, de volta á miña gaiola, veume á memoria meu pai quen, con moito agarimo, plantou e coidou que esa roseira fose adiante, guiando as súas pólas por arames ata conseguir unha pérgola que custodia a entrada do refuxio e dá sombra nas agostadas tardes do verán. No meu afán de conservala, fixen algunha modificación e estraguei un niño de xílgaros hai uns anos, pero para a miña sorpresa este ano otopei entre as pólas un niño novo.
Seguirei tecendo cada ano a ramaxe desta fermosa roseira enredante, ata que cubra de verdor, sombra e cores a entrada ao refuxio. Seguirei mentres teña alento para facelo.

Concha L. F.
Comentarios (8) - Categoría: Eu son... - Publicado o 30-04-2011 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
CATRO DE SETE


Escurece o azul,
arremuíña o ar,
alporízase o ceo, alustrado
por luces efémeras
que traen roncas voces,
chegadas das fonduras
do universo dos espíritos errantes
que habitan máis alá
das simas da terra.

No cuarto pechado e diminuto,
observo a chuvia e a sarabia,
que, con furia, os cristais golpean
e mollan o peitoril da fiestra,
zarrapicando os papeis
colocados na mesa.
Anégame a apatía
e o sono prende nos dedos,
nas pálpebras, nos beizos, ...
caio debruzada no meu soño...
esvaro na inconsciencia...

E a morte branca
cabalga sobre branco corcel,
portando a coroa de quen vence
e, sen misericordia mata,
deixando ao seu paso
queixumes, bágoas e tebras.

Tingue de sangue
campías e montes,
e fende coa espada
a guerra vermella,
deixando espallados
os restos da bondade,
dos soños, dos ósos
e das vestimentas.
Sementa a fame,
sobre un negro cabalo,
a fame negra,
queimando as colleitas
de quen sementou
esperanza, traballo e nobreza
no desesperado mundo
da desenganada certeza.

Torna amarela a faciana do ceo,
que esmorece sen perdón,
como a faísca da vela.
E o xinete amarelo
matando coa fame,
coa peste e coa guerra,
ri sobre o lombo
da egua amarela.

E... no medio, eu,
respirando aos saloucos,
vexo como pasan
os xinetes escuros,
as sombras espesas...

Que pasa agora?
Aos meus ollos asoma a luz
de quen, sen esperanza, espera
e, queda, a aurora rosma ao meu oído...
Xa é día... Esperta!

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 23-04-2011 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
A PILAR


As luces e os sons da mañanciña chámannos para que nos ergamos, aínda sabendo que sen ti haberá un oco nos corredores, un espazo cheo de lembranzas agarimosas, de ansias de reencontro ao final do día, de xestos, sorrisos e palabras sinceras, de xenerosidade, compromiso e entrega...
Porque a túa presenza, vital e rebuldeira foi, é e será o mellor agasallo para nós, para onte, para hoxe e para sempre.

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 12-04-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
MISTERIOS


Cada bambeo, un misterio diferente
que danza ao teu son.

E xusto aquí,
onde a música dos teus tacóns
alegra os corredores,
onde a túa cadeira cimbrante
marca o ritmo da mañá,
onde a túa voz se espalla entre probetas,
rochas e microscopios...
Xusto aquí, todo se desvela:
firmeza e seriedade,
ledicia e comprensión.

Misterios verdes pegados nas túas pálpebras.
Misterios amarelos,
brancos e violetas,
vermellos, negros,
verdes e azuis pegados á túa pel.
Xusto aquí
vexo a túa silueta preñada de cores,
baixando a escaleira entre libros e papeis
e o misterio eslúe…
Pero logo aparece de novo
pegado ao teu sorriso.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Varios - Publicado o 01-04-2011 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [15]
© by Abertal
Concha L. F.