A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TREBOADA

Ter a mente en branco. Illarse completamente de todo e de todos. Ver correr a xente ao teu redor sen que te roce. Voar sobre o campo, baixo as estrelas. Sentir na cara o vento cálido e húmido do amencer, as gotas de chuvia calarte ata os ósos. Mirar máis alá do horizonte como o sol se vai poñendo e descompoñendo en cores brancas, negras, amarelas e vermellas. Seguir a suave caída das follas sobre herba. Escoitar o bruar do mar contra as rochas. Oír o canto dos paxaros ao amencer, ao tempo que un coche cruza a toda velocidade, conducido por alguén somnolento. Sentir o frío da noite cortando os ollos. Deixar que a auga quente esvare polo corpo cuberto de escuma. Sentir o tacto suave da pel dunha crianza, inocente e sorrinte. Notar a brandura da masa ao apertala entre os dedos. Aspirar o recendo do pan quente ao saír do forno e a frescura das flores de lavanda mesturadas co aroma a terra quente, recén mollada e a herba cortada.
Deixar que unha bágoa esvare pola meixela. Durmir. Durmir profunda e longamente. Non ver. Non sentir. Non tocar.

A treboada vaise achegando. O ceo cóbrese de negras, grises e brancas nubes, que se moven cando o vento zoa con furia. Cae unha gota grande e forte que golpea a miña cara e os tronos óense ao lonxe, como unha chamada das profundidades. Outra gota báteme nun ombreiro. Levo unha longa camisa. Vou descalza. Outra gota pousa na man. E outra, outra, e logo outra, outra, outra, outra... hai raias de luz no ceo. Conto: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7. Soa un trono, ronco e profundo. Outra gota, dúas, tres, dez, cen ,mil... O vento arremuíña a herba. A auga vai empapando a terra e cubre o meu corpo. Outro raio longo e branco. Conto: 1, 2, 3, 4, 5, 6. Agora máis preto. Chove, diluvia. Non vexo o horizonte. Baixo a camisa o meu corpo semella ser auga. Outro raio. Conto: 1, 2, 3, 4. Agora máis preto. Outro raio. Conto: 1, 2. Está enriba de min. O chan cóbrese de sarabia. Dóeme o corpo. Outro raio. Xa non conto. Quedo xorda. O ruído atronador da treboada envólveme. O vento arremuíña e bambea o meu corpo. Pésanme os pés. Outro raio. Non conto. O ruído atronador da treboada envólveme. Todo torna negro, mollado. Non vexo. Caio debruzada ao chan. Non me quedan forzas. Xa non sinto, nin oio, nin vexo.
Nada...

Algo se move ao meu carón. Non podo abrir os ollos. Algo quente, agarimoso, roza a miña pel...Que hai despois? Algo me envolve. Algo me ergue e sinto que me movo. No meu rostro pousa un alento cálido e algo roza a miña fronte...

Non vexo nada. Sinto? Durmo? Esa voz...
-Ola, ola! Move algo! Di algo!

Estremezo. Algo me move con violencia. Tento abrir os ollos. Percibo unha luz tenue, pero pésanme as pálpebras...

Esa voz... outra vez... Onde oín antes esa voz?

-Deus! Que facías aí fóra con esta treboada?

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (11) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-02-2010 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
11 Comentario(s)
1 Deus, puxeronseme os #blgtk08#pelos coma escarpias.
Comentario por A Cruz da Campá (25-02-2010 20:23)
2 Unha tormenta física asusta, encolle, mérmanos a capacidade de solución porque a natureza é precisamen#blgtk08#te libre actúando. Quen non teme o que non pode controlar? A min particularmente, paralízame. Biquiños
Comentario por (25-02-2010 21:35)
3 Son Maribel-bel...per#blgtk08#doa que non o puxen.
Comentario por (25-02-2010 21:36)
4 Si, nena do paraugas que facías aí fóra con esta treboada?. Coidate, que non está o tempo para xogar #blgtk08#con el.
Alédame que teñas quen te coide e agarime, non hai cartos que paguen unha boa compaña.
Comentario por E Carpente (25-02-2010 22:12)
5 Todos somos nenos-as (as máis das veces sen paraugas) expostos ás inclemencias vitais.
En ocasións contamos o tempo que pasa entre lóstrego e trono. Outra#blgtk08#s...esquécenos contar.

[Tamén hai etapas de sol caralludas. Que conste en acta!]

Bicos amodiño (seixa xa vai correr o vento abondo)
Comentario por Chousa da Alcandra (25-02-2010 22:46)
6 cando se entra nun estado de ánimo no que desearía un non sentir... a#blgtk08#s accións nosas poden ser moi contradictorias. coma no texto.
Comentario por Zeltia (26-02-2010 11:22)
7 Non credes que as teboadas tamén teñen algo de atraínte e mesmo fermoso? Eses lampos a rachar o ceo son dunha fermosura verdadeira pola noite aínda que poñan medo e sexan perigosos. En realidade se #blgtk08#o pensades ben todas as cousas que son perigosas e poñen medo teñen algo que atrae, a escuridade dunha cova, por exemplo, ou a bravura do mar... Que facías por aí con esa treboada, nena do paraugas?
Comentario por TQV (26-02-2010 19:32)
8 Un bo prólogo do que nos espera mañá , si os datos non fallan ... espero que nos sexa tan aparatoso como o mone que lle dan : " ciclogénesis explosiva " ..

Nunca me había decatado da realidá dunha treboada , quizá porq#blgtk08#ue siempre a sentín detrás dunhas fiestras... de pequenos eramos como poliños , oíamos o primeiro trono e escapábamos pra casa , e alí miña nai se encargaba das plegarias a Santa Bárbara ou de queimar os loureiros ...
Un bico
Comentario por Santi (26-02-2010 21:26)
9 Ás veces son peores as treboadas que agardamos que as que acaban por vir. é entón cando nos preguntamos #blgtk08#de onde nos vén este empeño en sufrir por adiantado.

Saíches fóra ou quedaches ao agocho?
Comentario por xenevra (28-02-2010 02:05)
10 Os sábados pola tarde son malos días para saír do acubillo, sobre todo se, como dicía a miña avoa, vai un aire tolo e enriba chove... e máis se se andou o venres de parranda.
Pero gústame que me dea o aire #blgtk08#tolo na cara e... medo? Ben, algo si, a que me caia unha tella na cabeza. Ás treboadas de dentro son as que hai que temer, xa que ás veces son incontrolables. De todas formas, cos anos, as treboadas amansan. Creo.
Comentario por A nena do paraugas (28-02-2010 06:50)
11 Concordo. Ademáis as treboadas internas non hai Meteosat que as prediga!!!.
#blgtk08#r /> (Finalmente Xyntia non foi tan brava como dicían. Alomenos pola Terra do Medio)
Comentario por Chousa da Alcandra (28-02-2010 11:59)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.