A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CRECENTE OU MINGUANTE?

Tampouco o sei. Agora vai ser que non sei nada, pero iso sería demasiado luxo, pois é unha frase roubada a unha grande persoa da filosofía universal e eu son máis ben de filosofías cotiás. Ademais, as verdades verdadeiras sempre van máis alá das filosofías e temo errar nas valoracións que adoito facer sobre o mundo, así que, de antemán, pido desculpas se ofendo a alguén.
O conto é que, sendo como son traballadora do ensino público galego, crente e practicante da doutrina das xeneracións que me preceden (ademais da doutrina católica, aínda que algo escéptica), das que mamei o moito que lle quero a esta TERRA e ao seu IDIOMA, fáiseme que, coma sempre, as bandeiras mandan, como mandan as insignias, os cartaces, os escudos e os lábaros.
Fixen folga o día 21 de xaneiro, porque non me gustaron as bases que o goberno da Xunta publicou, sobre o Decreto de Galego. Por tres razóns básicas:
• Económicas: non se pode pretender, sen antes facer un estudo económico dos custos, implantar unha normativa que afecta ao sector público, igual que se fixo no seu día coa LOXSE ou posteriormente coa LOE ( que siguen coxas de recursos, implantación e posterior avaliación). Se lemos ben as bases do decreto darémonos conta de que para que sexa efectivo, eficaz e eficiente o programa da actual administración, como pouco, tense que instruír ao profesorado en linguas estranxeiras e ao profesorado especialista en áreas instrumentais básicas (ou non tan básicas). Xa sei que hai moita xente especialista en idiomas... En física, matemáticas, ciencias sociais, pero, QUE FAN CON QUEN NON TEN NIN IDEA E SE VAI VER OBRIGADO OU OBRIGADA A A DAR EN IDIOMA ESTRANXEIRO ÁREAS DIFERENTES ÁS QUE HAI NA ACTUALIDADE?
Porque me poño no caso: xeneralista entre 45 e 55 anos, nunha escola unitaria e que teña que dar, por exemplo, plástica nun idioma que non sexa castelán ou galego... Ou é que teño a obriga de saber falar algún idoma que non sexa castelán ou galego para ensinar a facer papiroflexia? E se non a teño, porque cando acadei o status de funcionaria non se me esixiu, teño que pagar agora cursos de formación e estadías no estraxeiro para sabelo falar? Vaimo pagar a Administración? Permítaseme que o dubide.
• Pedagóxicas: levo 25 anos traballando en Educación Primaria, dos cales, pasei 15 no 1º ciclo. Xa sei que non son moitos, pero podo dicir, sen medo a errar, que as crianzas cando entran na escola, sen apenas saberse expresar en público, precisan que se lles dea a posibilidade de falar na lingua que mellor coñecen. Co tempo, cando adquiren autonomía, é necesario introducilas noutros mundos de expresión, pero iso non se pode facer antes de que estean ben ancorados na súa realidade educativa. Hoxendía as Aulas Bilingües e a Anticipación ao Idioma Estranxeiro son a mellor catapulta a linugas diferentes ás da súa nacenza. Para que introducir nas áreas instrumentais algo que aínda non domina nin o profesorado? Porque non se esqueza que para que se cumpra o 33%, hai que dar horas de instrtumentais básicas en idioma estranxeiro. Claro que, instaladas como están as relixións nos currículos, igual se pode adoutrinar en inglés ou francés na relixión islámica, xudea ou católica... Que llo pregunten ao profesorado que se encarga delo.
Pero siguen sen darme as contas, sobre todo no 3º ciclo: 3 horas de castelán, 3 de galego e 3 de lingua estranxeira. Agora hai que repartir o resto a partes iguais. A saber: Coñecemento do Medio, Matemáticas, Plástica, Música, Educación Física, Cidadanía (en 6º) e Relixión.
Onde poño o axóuxere? Por favor, que alguén mo diga, pois son xeneralista e non teño nin idea. Ademais, non sei falar ningún idioma que non sexa galego ou castelán, e para que entendan canto lle teñen que devolver se algo vale 20,35€ e entregan 30€ teño que facer encaixe de Camariñas... E se lles digo que hai que pintar de verde as centenas, van e píntanme as centésimas!
• Culturais: a TERRA é a TERRA e só quen mame dela sabe o que significa. Cada TERRA ten unha lingua propia, unha maneira de expresar o que sinte e o que transmite a través da súa lingua. Quen renega da lingua, por moito que pretenda vender, en pos da globalizacion, outra lingua diferente, renega da súa lingua e da súa TERRA ao mesmo tempo.
Eu non sei moi ben como anda o mundo fóra da Canda, de Vegadeo ou de Pedrafita, pois non me gusta viaxar, pero penso nas persoas que, cando na posguerra marcharon a países coma a Alemaña ou a Franza, sen máis cultura que a que adquiriron na súa aldea, con menos de 18 anos, moitas delas sen poder ir á escola pois tiñan que coidar as vacas, cómo centella se entenderon en países tan diferentes a Galiza, cun idioma tan distinto. Como se fixeron entender sen perder as súas raíces e gañaron cartos para mandarllos ás súas familias, sumidas na pobreza? Porque non se pode esquecer que, dalgunha maneira, as persoas da nosa histórica emigración, nunca renunciaron ás súas raíces culturais. Non en van se crearon polo mundo adiante centros galegos nos que se reunían para falar e cantar en galego as coplas que hoxe nós cantamos cando andamos de esmorga.
Se non fose porque quen quedou seguiu cantando e quen marchou, cantou fóra, que sería do Romance da Lavandeira ou do Cantar do Arrieiro? Que sería de nós e que será das xeneracións que nos sucedan?

O de CRECENTE ou MINGUANTE ven a conto de que, ademais de facer folga, fun a Compostela á manifestación e... Abofé que había moitas bandeiras! Eu tamén levaba unha de cor azul intensa, cun anagrama branco, bandeira na que creo e na que milito... Pero agora que o vexo desde a calma e a distancia, lonxe de arrebatos, creo que en certo modo errei, pois a única bandeira que tería que bambear é esa BRANCA CON FAIXA AZUL, a da claridade surcada polas augas xenerosas do Miño.
Se me desculpe se é posible. Militancia obriga. Pero tanta bandeira diferente, tanto berro e discurso político... non acaban de convencerme. Galiza é moito máis. E merece bastante máis do que lle dan algunhas bandeiras, sobre todo aquelas que din que nos gobernan e tanto me ten que leven gaivotas, rosas ou estrelas. Polo que percibo, cada can quere lapar o seu. E Galiza merece moito máis. Creo. Estarei errada?

Concha L. F.
Xaneiro - 2010
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 27-01-2010 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
5 Comentario(s)
1 Ola.
É a primeira vez que caio neste teu blog e quedei prendada do seu arrecendo#blgtk08# a TERRA, con maiúsculas, como o pos ti.
Hei pasar máis veces.
Un saúdo.
Comentario por a lareira de santiso (27-01-2010 17:20)
2 Ola.
É a primeira vez que caio neste teu blog e quedei prendada do seu arrecendo#blgtk08# a TERRA, con maiúsculas, como o pos ti.
Hei pasar máis veces.
Un saúdo.
Comentario por a lareira de santiso (27-01-2010 17:20)
3 Despois da visita duplicada da Lareira de Santiso, eu case me dan ganas de vir tres veces para,en cada unha delas, traerche un bico grande polo atinadísimo da reflexión.
Estou absolutamente en consonancia coas túas tres razó#blgtk08#ns (económicas, pedagóxicas e culturais); pero aínda estou máis perto de ti no párrafo final. Neste asunto abondaba que fósemos TOD@S coa bandeira de TOD@S, sin máis. E se estás errada, xa somos dous.

Bicos de lingua
Comentario por Chousa da Alcandra (27-01-2010 19:30)
4 Con lingua #blgtk08#ou sen ela?
Comentario por A nena do paraugas (27-01-2010 19:44)
5 Caendo sempre no absurdo das reivindicacións, con nome, siglas e cores, aparcando aquí neste espazo sentín que s#blgtk08#e pode defender o que amamos de unha forma absolutamente nobre, con calidade,coherencia e moito respeto. Apertas
Comentario por maribel-bel (28-01-2010 13:08)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.