A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OVO, EIRUGA, BOLBORETA...

Cando se traballa durante moitos anos no mesmo lugar, aprécianse os cambios se miramos á nosa memoria e buscamos os signos da mudanza. Este feito, no que a penas reparamos, faise patente cando se traballa con crianzas, cando son as persoas o propio instrumento de traballo e, nun momento, vemos como rematan o ciclo e marchan da escola coméndonos, literalmente, as papas na cabeza: as persoas adultas devecemos en estatura, as novas acaban por superarnos e de repente mírannos desde alí enriba, moitas veces con cariño, outras con odio, pero case nunca con indiferenza.
É esta unha transformación similar á das bolboretas: dun diminuto ovo xurde unha eiruga rebuldeira que se move sen descanso na procura de cousas coas que alimentar a súa curiosidade. Logo, pouco a pouco vaise pechando en si mesma, no seu casulo e adormece arrolada polos amores primeiros, cega, muda e xorda a cantos intentos facemos desde fóra por espertar a súa atención. Nada ou case nada se pode facer ata que, coas ás aínda pegadas, pero cheas de cores e gana de saír ao mundo, rompen o seu illamento e de novo, recuperan o contacto coa nosa realiade, coa que tratamos de ensinarlle. Pero este é un momento triste... e ledizoso ao mesmo tempo: empezan a voar libres.
Todo isto que veño de escribir pode que sexa moi poético, pero neste traballo hai tamén a outra cara da moeda. Moitas veces, en lugar de bolboretas, o que sae do casulo é... un ser ao que non recoñecemos. Teño a grande fortuna de ter visto medrar a moitos nenos e nenas, de ver como se foron desenvolvendo e como foron abrindo o seu camiño e, abofé que moitas veces me pregunto se a transformación que experimentaron uns e unhas é esa pola que estiven loitando.
Acontece nisto, coma noutras moitas facetas da vida que, non sempre os resultados se achegan ás expectativas e iso, se as persoas non estamos seguras de que traballamos de acordo cos ideais de respecto, liberdade e responsabiliade, pode levarnos a sufrir unha grande decepción.
A transformación de algunhas eirugas que eu coñezo non é a que agardaba. Quizais non puxen o esforzo necesario e suficiente para que saísen voando responsablemente, pero quizais tamén, o mundo no que lles tocou voar, é demasiado hostil e os seus actos irresponsábeis responden a un sentimento de pánico por teren que voar soas.
Ogallá teñan sorte e a vida lles dea a oportunidade de volver ser, unha vez máis, ovo, eiruga e bolboreta.

Concha L. F.
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 23-12-2009 07:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Acabo de descubrir este fermoso blog e creo que xa me fixen siareira.
Contin#blgtk08#úa, que seguro que tes moitas cousas que nos contar.
Bo Nadal e mellor 2010.
Comentario por Eva G. Rei (23-12-2009 09:36)
2 Ola!!, pois por fin podoche decir por escrito o moito que me gusta a túa po#blgtk08#esía, pero sobre todo que recomendes a páxina do STEG, asi me gusta!! bico
Comentario por Ana (11-01-2010 18:01)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.