"Conversación" entre unha viandante e dous mozos que se dirixían ao punto de saída da manifestación de hoxe en Ourense.
A señora, moi ben arreglada parou e púxose a increpar a dous mozos novos que baixaban ás 11:30 da mañá pola rúa da Concordia, cunhas bandeiras enroscadas debaixo do brazo. Moi educados, paráronse a escoitar o que a muller lles tiña que dicir...
-¡Sois unos impresentables! ¿No tenéis padres? ¿No os da vergüenza? ¡Anduvisteis toda la noche por ahí, tirando contenedores y llenando de basura la calle Santo Domingo!
¡Con personas como vosotros, mal vamos! ¿No os da vergüenza?
Os mozos quedaron estupefactos, coma min...
-Señora, nós non fixemos nada diso...
-¡No lo neguéis! ¿No os da vergüenza?
Un segundo de silencio...
-Señora, a min o único que me dá vergoña é estar no paro e non ter culpa ningunha delo.
A muller seguiu rúa arriba e os mozos rúa abaixo. A muller seguía rumiando ás miñas costas cousas que eu non podía entender. Cando cheguei á rúa de Santo Domingo entendín algo. A rúa estaba intransitable...
Ao paso da manifestación por diante da sede do PP en Ourense puiden ver, por enésima vez, algo que me molesta sobremaneira: a fachada do edificio chea de manchas de pintura... Durante a andaina, tiven que colocar un pano no nariz, pois a alguén se lle ocorreu a graza de abrir un deses botes de fumo vermello...
Nin tanto dun lado, nin tanto do outro... Para todo existe un medio, un equilibrio. E se non somos capaces de atopalo, mal remedio lle vexo a todo este mal que nos están facendo... Unicamente, tirar todo desde abaixo, con calma, sen violencias físicas ou verbais... Sen présa, pero sen pausa.
Concha L. F. |