
Mentres se desliza o tempo
pola pendente da tarde
e as primeiras sombras
pousan a mirada nas rúas,
voan unhas pingas de ledicia,
presas na airexa fría
que se cola pola fiestra.
Chegan a min as badaladas
que me anuncian outra noite,
unha máis,
na que o soño prenderá nas miñas pálpebras.
Imaxes inconexas,
leves bambeos dun berce esquecido,
de lenzos engurrados,
mesturas de versos e saudades,
rostros e mans que se moven
de escenario en escenario,
pedras e palabras,
pontes, estradas, edificios...
Vestida de noite, coa noite ás costas,
nomeando o innomeábel,
nun tumulto de lembranzas,
soño con camiños,
cos que andei, cos que deixei
en cada encrucillado...
E logo, presa en suores,
enredada en silencios,
abro os ollos...
mais a madrugada tarda en vir.
Será que esqueceu as badaladas?
Aínda non é hora.
Concha L. F.
|