A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

JFK - III
Volveron soar as ambulancias. Un refacho de lembranzas estalou na súa mente e a súa face perdeu o lene matiz moreno que deixara o sol do último verán.
Lentamente volveu a mirada cara aquela voz serena. Era el. Os seus ollos atoparon outra vez o lunar pardo da súa tempa dereita, o seu pelo canoso e crecho, o seu indescritible sorriso… Non soubo que dicir. Da súa boca saíu apenas un saúdo rosmado que se perdeu entre o rechouchío dos paxariños.
El sentou ao seu carón, en silencio. Ela volveu a vista ao outro lado da rúa, onde os coches se apresuraban para facer un oco ás sirenas. A xente amontoábase nas beirarrúas, coas súas bolsas e paquetes, con libros e cartafoles, coas súas vidas colgadas no ombreiro…

- Como estás?
- Ben. Supoño. Ti?
- Si, ben. Supoño, tamén…
- Que fas aquí hoxe? Pensei que continuabas de viaxe.
- Ben. Si e non. Veño por un par de días.
- Ah! Iso é pouco tempo. Meréceche a pena?
- Non sei, pero ata mañá pola noite non teño que embarcar de novo e pensei que quizais estaría ben volver por aquí para ver como vai todo.
- Xa… Todo vai ben. Entraches xa para saudar á xente?
- Non. Non tiven tempo. Acabo de chegar. Aínda teño as maletas no coche e non fun a casa.
- Precisarás unha ducha, imaxino…
- Si… Tan mal me ves?
- Non. Non te vexo mal.
- E, como vai todo aí dentro?
- Ben, creo, pero sempre o podes comprobar ti mesmo. Hai meses que deixaches o teu despacho e, polo que sei, xa te substituíron…
- Xa sei. Xa non formo parte disto…
- Ah! Sabíalo?
- Si. Esa foi a condición.
- A condición, para que?
- Para marchar.
- Tan mal estabas?
- Si.
- Pois non o entendo…
- É que non hai nada que entender. Estaba mal e decidín marchar. É tan difícil de entender?
- Non. Pero se estabas mal, non sei por que nunca dixeches nada. Sempre pensei que tiñamos unha amizade forte e sólida…
- E témola. Non?
- Ti saberás. As amizades creo que están para apoiarse e axudarse e coa túa repentina marcha non foi iso o que me amosaches…
- Non sei. Percibo un ton de reproche nas túas palabras. Penso que tería sido mellor non ter vido verte. Pensei que te alegrarías…
- Xa. Vaste sen dicir nin palabra, ves e non fas por atoparme, pero mándasme recado de que me viches, logo volves aparecer por aquí, coa pretensión de que me alegre, de que entenda que estabas mal e que decidiches marchar. Simplemente. Sen máis…
- A ver, non quero discutir contigo. Non viñen aquí para iso…
- Ben. Entón, a que vés?
- Soamente viña verte…
- Ben. Pois xa me viches. Entra se queres saudar, colle o teu JFK coas túas maletas, os teus boletos de avión, as túas conferencias e marcha…
- Vexo que non estás tan ben como dis. Se queres quedarei un par de días máis. Podo mudar os voos…
- Si? Pois non os cambies. Non che vai pagar a pena. Cun par de días non se amaña o estragado durante anos. Hai tempo que recoñezo que en todo isto errei…
- Non é cuestión de errar ou non. O que pasou, pasou, pero podemos comezar de novo…
- Outra vez? Esta si que é boa! Comezar o que? Que queres comezar? Con quen? Onde?
- Quero empezar de novo, aquí, agora, contigo.
- Xa… Con outro boleto de avión?
- Co último. Quédame unha conferencia e Riga. Queres vir?
- A Riga? Ti soñas! E o meu traballo? Sabes que preciso traballar, sabes cal é o meu mundo. Non teño outro máis ca esta e ese é un dos nosos problemas…
- Vale, seino, pero podería amañarse… Que che parece se ceamos xuntos?
- Non sei… Mellor non.
- Xa… O teu número de teléfono segue a ser o mesmo, supoño…
- A iso non che vou responder.
- Marchas?
- Claro. Teño traballo… Grazas pola túa visita.

Comentarios (4) - Categoría: Varios - Publicado o 28-04-2012 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 gústame máis#blgtk08# en galego!
Comentario por Zeltia (03-05-2012 07:35)
2 gústame moito máis en galego, non sei será por te imaxino contandom#blgtk08#e a historia e so son capaz de imaxinarte en galego. moitos bicos.
Comentario por Rosa (04-05-2012 23:31)
3 Eu quería que ceasen xuntos, a ver que pasaba... Din que nun#blgtk08#ca é tarde, pero eu creo que non é certo, así que ben feito!
Comentario por Mar e Lúa (09-06-2012 22:55)
4 "Grazas pola túa visita."
#blgtk08#/>
Moi ben rematado.
Comentario por xosé (07-09-2012 08:42)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.