A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DIÁSPORA

BUSSSS
Xulio López

A sonoridade desta palabra sempre me produciu inquedanza. É unha esdrúxula con carácter, que enche a boca nada máis chegar á terceira letra, un “a” acentuado, aberto, rotundo, contundente e cortante, levemente prolongado pola cuarta, un “s” que obriga a pechar os dentes e prepara os beizos para a explosión dun “p” redondo, ao que seguen un “r” e un “a”, suaves e, quizais, esperanzadores.

Tamén me inqueda o seu significado. Un vello “Diccionario Anaya de la Lengua Española” (Villanueva, 1991, coord., e outras persoas) define este vocablo, procedente do grego diáspora=dispersión, coma a “saída do pobo xudeu de Palestina e o seu asentamento noutros lugares, dando lugar á súa diseminación”. Na súa segunda acepción defínea coma “unha dispersión de individuos humanos”, aínda que debera dicir “dispersión de persoas”, pois cando unha poboación se dispersa, son as nenas e os nenos, homes, mulleres e persoas anciás as que o fan. Cousas do sexismo lingüístico.

E inquédame porque pertenzo a unha terra que tivo sempre unha gran parte da súa poboación na diáspora e por motivos diversos, aínda que os máis importantes foron os económicos. Primeiro polas consecuencias da crise do 1929, logo polas da guerra civil española do 1936… E semella que, no momento actual, estamos de novo diante dun feito que está provocando que a pouca poboación xove de Galiza teña que saír fóra deste fermoso país, se quere atopar un futuro con posibilidades.

Hai algún tempo, alguén me enviou un texto de Concha Caballero, publicado en El País en 2010, no que se fala dese novo éxodo de persoas xoves, ben formadas nas nosas universidades e escolas, que se ven na obriga de saír fóra do seu entorno, porque nel non atopan o espazo adecuado para desenvolver as súas potencialidades, nin se lles proporciona un ámbito laboral para que poidan contribuír co seu traballo ao desenvolvemento da sociedade á que pertencen.

Ese artigo levoume de novo a reflexionar sobre o que estamos a facer co futuro. Formamos á nosa xente e despois non lle damos oportunidades para poñer en práctica a súa formación. E o que é máis grave, escatimamos en formación, pois semella que a educación e a formación fosen máis un gasto inútil, ca unha inversión de futuro. As consecuencias disto son imprevisibles, aínda que case me atrevería a asegurar que o que nos vai quedar vai ser unha terra deshabitada, deserta de iniciativas.

Por iso a palabra “diáspora” me inqueda. Cando unha poboación se despraza perde unha parte importante das súas raíces. A primeira a lingua. Logo a música, a cultura, as artes e as ciencias. E aínda que quede constancia de que existiu, non deixará de ser unha mostra do que foi no pasado, perdido simplemente porque alguén se empeña en considerar que nin a educación nin o fomento e apoio a iniciativas emprendedoras son as únicas armas para a conservación das raíces dun pobo.

Concha L. F.


Aquí en castelán
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 20-03-2012 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Encantoume a túa entrada.
Tes razón, o pobo galego sabe moi b#blgtk08#en o que é a diáspora, a historia non nos deu moitas máis opcións.
Comentario por Dilaida (20-03-2012 23:52)
2 Gustoume moito esta entrada, Concha.
A min aínda me suxire máis cousas negativas a palabra "éxodo", por que é coma quen bota á xente da súa terra ás mans cheas.
Sempre pensei que de ter estudado na época de hoxe, tentaría ir #blgtk08#de Erasmus, por iso de coñecer outra cultura e outra lingua, mais o de vivir por obriga fóra da miña Terra, íame custar moito.
Algo estamos a facer mal cando obrigamos aos nosos mozos a marchar...
Terá isto remedio en breve?
Comentario por Eva G. Rei (15-04-2012 21:26)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.