A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A MIÑA CASA - I
A miña casa é grande. Din o papá e a mamá que ten 98 metros cadrados útiles. Sei cando algo é útil, por exemplo un garfo para comer cousas duras. Pero iso de que os metros sexan cadrados, xa non o entendo tan ben. É que na miña casa, todos os metros que hai son iguais: unhas fitas longas, con raíñas e números que, se se soltan de súpeto, acaban cortando os dedos. Por iso o papá e a mamá nunca me deixan andar cos metros. Con eses longos. Cos cadrados non sei, nunca os vin, aínda que a miña mamá e o meu papá din que os pisamos sempre que poñemos os pés no chan. Pero iso eu non o entendo.

Pois iso. Que a miña casa é grande. Pero non é unha casa. É un piso deses aos que se chega en ascensor. Ou polas escaleiras, aínda que eu nunca as usei soíña, porque para subir por elas hai que ter moitas chaves para abrir portas. Seino porque ás veces a miña nai e o meu pai e mais eu tivemos que subir e baixar por elas, por exemplo cando o viciño do sexto meteu no ascensor un sofá ou cando as mozas do oitavo se meteron todas xuntas, coas maletas e rompeu un cable. Ben, non rompeu, pero debeulle pasar algo moi malo, porque aquel día cando Marina e mais eu chegamos do cole, elas estaban no portal dicindo que caíra o ascensor e Marina e mais eu tivemos que subir pola escaleira.

Iso, que me esqueceu antes, tamén subín polas escaleiras con Marina. É a miña outra mamá. Papá e mamá din que, como as avoas e os avós están lonxe, non me poden coidar e por iso me esperta cada mañá Marina, me dá o almorzo, me pregunta se metín todo na mochila e lévame ao cole e despois vaime buscar, dáme o xantar, volvemos ao cole e ao saír lévame a clase de pintura ou a nadar e pola noite dáme a cea e leme un conto ata que chegan o papá ou a mamá. Porque o papá e a mamá traballan moito. Así eu podo vivir nun piso.

Marina di que o meu piso é moi moderno. Claro, en vacacións o papá e a mamá sempre mercan algo novo para o piso e para min. O verán pasado papá e mamá agasalláronme cun ordenador deses que se poden abrir e fechar en calquera sitio. É moi bonito e ten as tapas de cor rosa e por dentro ten botóns con letras e números. Xa sei ler e escribir, pero so xogo con el a dragóns e mazmorras cando Marina me deixa. Claro que se están o papá ou a mamá na casa, déixanme máis rato, porque teñen que facer moitas cousas no outro ordenador. É que na miña casa hai dous cuartos con mobles cheos de libros e unha mesa grande cun ordenador deses negros e con moitos cables. Aí non me deixan entrar. Din o papá, a mamá e a Marina que o que hai alí son cousas de miores que eu non netendo. Non sei, tampouco entendo o dos metros cadrados, pero déixanmos pisar.

Aquí en castelán
Comentarios (6) - Categoría: Memorias - Publicado o 10-12-2011 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
6 Comentario(s)
1 Eu deixei un comentario o outro día por aquí, e agora non o vexo. Imaxino que algo fixe#blgtk08#n mal.
Non lembro o que puxen, pero é o mesmo, gústame este relato.
Bicos
Comentario por (12-12-2011 10:28)
2 Gran relato , pero entristéceme algo o ritmo que leva , así fixemos con Alex , así tamén fixeron con Uxía , da misma maneira que con Ruben ... i ahora son mozos e mozas con #blgtk08#moitos aparellos de última xeración ... pero con poucos ideais , casi nada de relación familiar i nulos obxetivos a longo plazo ...
Seguireí pendiente do que acontece
Comentario por Santi (12-12-2011 19:53)
3 gustame moito, este relato promete. É fermo#blgtk08#so tentar pensar coma unha crianza.
Comentario por Rosa (12-12-2011 21:19)
4 É un relato fermoso pero nótase algode tristur#blgtk08#a dentro.
Gustaríame saber como segue.
Comentario por paideleo (14-12-2011 23:57)
5 A min paréceme que está moi ben escrito. Gústame. Ademais a ne#blgtk08#na ten retranca, como van ser cadrados os metros? Onde se viu!
Comentario por Rosa (15-12-2011 00:48)
6 Encantoume o relato; as cousas vistas polos nenos/as teñen o seu aquel.
#blgtk08#/> E claro todo o mundo sabe que os metros son estreitos e rectangulares!
Comentario por Raposo (15-12-2011 16:39)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Concha L. F.