A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DESDE A GAIOLA

Nesta gaiola de ausencia
encadeado á conciencia
teño o corazón pechado,
por se precisas saber
se te cheguei a querer
ou se a teima que me guía
é unha paixón pasaxeira
que troca con cada feira,
que muda ao morrer o día.

Acharte? Unha casualidade.
Coñecerte? Unha ilusión.
Desexarte? Unha tortura.
Posuírte? Unha obsesión
que me esperta cada día,
que me persegue e me anula,
coa que durmo sen saber
se mañá, co amencer,
verei a luz que me aluma.

O tempo vai pasando
encadeado á lembranza
de tanta paixón contida...
E revólvese contra min
para amosarme que, ao fin,
só me cómpre nesta vida
un alento de tenrura,
un segundo de loucura,
para bicarte a escondidas!

Mais ao mirar cara dentro
desta gaiola dourada,
vexo con grande amargura,
unha sombra que me envolve,
unha imaxe que se volve
e, sorrindo con dozura,
dime, colléndome a man:
“Abre o paraugas, María,
a ver se ao pasar o día,
se vai con el a negrura”.

O tempo, ao fin, vai pasando
encadeado á lembranza
dunha paixón sen razón...
É posible que esta vida
non me dea o que lle pida
e, ao cabo, con tanto NON
acabe por se apagar
a chama que está a alumar
este pobre corazón.

Haberá mañá? (1982)
Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (14) - Categoría: Varios - Publicado o 04-06-2010 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
SON…

Son apenas
salouco do verán,
raiola que,
ás veces,
fende muros de lembranza.

Son apenas
setembro que escurece,
orballo e morno sol
pousado nos camiños,
durmindo na esperanza.

Son apenas
silencio que loita
contra a tarde que esmorece,
cantando mil cantigas
sin pentagrama.

Son apenas
gran de area perdido
no areal inmenso
onde adormece o sorriso
dunha bágoa salgada.

Son apenas
palabra esquecida,
tempo e soño,
soño e Terra,
Terra e sons perdidos,
eterna alborada.

Son apenas
raíz forte de recio carballo,
folla de castiñeiro,
silveira con espiñas
que abanea nas fragas.

Son apenas eu,
pobre de min,
Terra doutras terras
esquecida
por ventos que brúan
desde afastadas montañas.

Son lingua,
pasado e presente,
presente e futuro.
Son a esencia
desta Terra…

Apenas nada!


Haberá mañá? (1983)
Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (2) - Categoría: Varios - Publicado o 15-01-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
AUGA
Descéndesme,
coma a auga
dun torrente
que se precipita
por unha fraga.
Pousas e repousas
no meu chairo
e vólvesme ascender,
coma vapor que se eleva
do meu val,
incendiado
pola túa mirada.

Es para min
nube que me observa
e me alimenta...
Es por min
auga que flúe,
se eslúe e ascende
para ser, de novo,
auga.

Son por ti terra sedenta
de aloumiños e humidades,
fértil e fecunda...
Son para ti
val profundo,
remanso e calma.

Haberá mañá? (1982)
Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (1) - Categoría: Varios - Publicado o 09-01-2010 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
Concha L. F.