A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OUTONO


Sábeme a sal a túa sombra fuxidía cando esvaece a tarde e te agochas trala lúa minguante.

Sábeme a sal e a limón agre, gota a gota, pousado no seco verán que xa está lonxe.

Sábeme a sal e esperta o teu zume o meu padal, atoldado polas nubes que chegan.

Xa murcharon os asubíos, lentamente e rebule, tímido, o sol das frías mañanciñas.

Descalza, a miña sombra tamén fuxe tralo sal e o agre da túa, buscando tempo e sombra, follas verdes e cores que me saquen do fastío doutro outono arrolado pola monotonía das cordas que se bambean no baleiro.


Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (6) - Categoría: Varios - Publicado o 09-11-2011 06:20
# Ligazón permanente a este artigo
CATRO DE SETE


Escurece o azul,
arremuíña o ar,
alporízase o ceo, alustrado
por luces efémeras
que traen roncas voces,
chegadas das fonduras
do universo dos espíritos errantes
que habitan máis alá
das simas da terra.

No cuarto pechado e diminuto,
observo a chuvia e a sarabia,
que, con furia, os cristais golpean
e mollan o peitoril da fiestra,
zarrapicando os papeis
colocados na mesa.
Anégame a apatía
e o sono prende nos dedos,
nas pálpebras, nos beizos, ...
caio debruzada no meu soño...
esvaro na inconsciencia...

E a morte branca
cabalga sobre branco corcel,
portando a coroa de quen vence
e, sen misericordia mata,
deixando ao seu paso
queixumes, bágoas e tebras.

Tingue de sangue
campías e montes,
e fende coa espada
a guerra vermella,
deixando espallados
os restos da bondade,
dos soños, dos ósos
e das vestimentas.
Sementa a fame,
sobre un negro cabalo,
a fame negra,
queimando as colleitas
de quen sementou
esperanza, traballo e nobreza
no desesperado mundo
da desenganada certeza.

Torna amarela a faciana do ceo,
que esmorece sen perdón,
como a faísca da vela.
E o xinete amarelo
matando coa fame,
coa peste e coa guerra,
ri sobre o lombo
da egua amarela.

E... no medio, eu,
respirando aos saloucos,
vexo como pasan
os xinetes escuros,
as sombras espesas...

Que pasa agora?
Aos meus ollos asoma a luz
de quen, sen esperanza, espera
e, queda, a aurora rosma ao meu oído...
Xa é día... Esperta!

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 23-04-2011 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
MISTERIOS


Cada bambeo, un misterio diferente
que danza ao teu son.

E xusto aquí,
onde a música dos teus tacóns
alegra os corredores,
onde a túa cadeira cimbrante
marca o ritmo da mañá,
onde a túa voz se espalla entre probetas,
rochas e microscopios...
Xusto aquí, todo se desvela:
firmeza e seriedade,
ledicia e comprensión.

Misterios verdes pegados nas túas pálpebras.
Misterios amarelos,
brancos e violetas,
vermellos, negros,
verdes e azuis pegados á túa pel.
Xusto aquí
vexo a túa silueta preñada de cores,
baixando a escaleira entre libros e papeis
e o misterio eslúe?
Pero logo aparece de novo
pegado ao teu sorriso.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (12) - Categoría: Varios - Publicado o 01-04-2011 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
POUSABA O CEO


Pousaba o ceo.

Entre o recendo da airexa
daquela tarde queda,
mentres adormecían os piñeiros,
pousaba o Sol e colgaba
pingas amarelas entre a frouma?

E o Sol íase cantando
amarelas melodías,
deixando luces que a nena recollía
e gardaba no seu peto,
mentres pousaba o ceo.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (10) - Categoría: Varios - Publicado o 23-03-2011 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
INERTE


Non respira.

Non sente.

Non fala nin rosma.

Soamente mira,
coa conca dos ollos baleira,
como a airexa da mañá
bambea o inverno
doutras pólas.
Comentarios (4) - Categoría: Varios - Publicado o 27-01-2011 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
BALEIRO


Desapareceu de pronto,
envolta en acordes
de acordeóns e trompetas,

en compasados toques
de bombo e pandeiro,
no alboroto das pandeiretas.

Desapareceu, sen máis,
sen deixar, tan sequera un sinal
no peitoril das fiestras.

Busqueina coa mirada
entre a multitude,
mais perdeuse a súa silueta

esluída na humidade da rúa,
esvaecida no aire espeso
daquela tarde nubenta.

Xa non vexo cores de ledicia,
nin resoan os axóuxeres
do seu andar nas pedras.

Perdeuse a súa pegada
no vento do nordés,
fuxiu co seu eco a outras terras.

É tempo de silencio,
de letras non escritas,
de ausencia e de brétemas.

É tempo de tintas invisibles
en brancos lenzos,
de lembranzas e de esencias.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Varios - Publicado o 07-01-2011 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
IMAXINO




Cada mañá, collo a vasoira e tento varrer a lembranza, pero ela segue a espallarse teimudamente polos recantos da casa, agochada en cada partícula de po.

Non podo escoitar a túa voz.
Non podo tocar a túa pel.
Non podo mirarme nos teus ollos.
Non podo saborear a túa boca.
Non podo percibir o teu recendo?

Pero todo o meu ser está empapado de ti.

A miña voz soa coa túa voz.
A miña pel toca coa túa pel.
Os meus ollos miran cos teus ollos.
A miña boca saborea coa túa boca.
E o teu recendo envolve canto toco e canto sinto.

E imaxino as nosas almas, noutrora alleas,
camiñar nunha ata a eternidade

Concha L. F.
Comentarios (10) - Categoría: Varios - Publicado o 25-12-2010 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
ESPÉRTAME!


Espértame!
A luz do abrente
cae sobre min e estou durmida!
Onde estás?
Vexo mil luces
amontoadas na area
e cada amencer é un camiño sen retorno!
Que son? Un sono?
Ou son acaso un sono soñado?

Espértame!
Necesito aspirar o arume da vida,
sinxela e simple,
negra e cativa
cativa coma min,
con mil espazos nos que aniñan
espazos e distancias!
Eu son, sen máis, arume e luz?
Luz e beirarrúa, area e auga,
amencer e solpor
que se perde nun instante de inconsciencia.

Espértame,
pois o sono prendeu nas miñas pálpebras
e non quere fuxir.

Espértame!
Dáste conta?
Só quero que me espertes.
Quero ver a luz
do outono que me envolve.
Quero ver o meu sorriso
prendido nas follas
que o outono bambea.
Quero sentir o son das ondas
que me levan e me traen
ao mundo no que durme a distancia.

Quero ser!
Só ser!
Ser eu, simple e sinxela,
con sorrisos e con bágoas,
libre, eu, de maletas e discordias,
de sonos e de palabras.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 08-11-2010 06:28
# Ligazón permanente a este artigo
MULLERES




Mulleres vestidas de fracaso
coa vertixe do incerto
asomando á cintura,
agardan nas rúas da soidade
que corpos frustrados polo desexo
se deteñan nas súas peles sen pasado.

Mulleres amarelas, vermellas, violetas,
negras mulleres, mulleres brancas,
escravas nos letreiros de neon,
en camiños negros e prazas desapiadadas,
en luxosas suites de cinco estrelas,
mulleres enloitadas e enlatadas
que engordan osamentas insensibles,
soterradas en campos de inmundicia.

Mulleres coma néboas estériles
que se abren paso a cotenadas co abrente
atoldando a súa transparencia.
Claridade rota dos cristais opacos
da esperanza
nacida coa andaina iniciada
máis alá dos mares da pobreza,
na procura dun horizonte virxe,
no que aniñe o seu sangue.

Mulleres encadeadas.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (13) - Categoría: Varios - Publicado o 25-10-2010 06:51
# Ligazón permanente a este artigo
SON




O son sen son
renace lento,
morno son, sen luz,
sen filigranas.

Torna breve,
medra logo,
abrangue o mundo,
devece e volve á calma.

Renace, coma Fénix,
dunha cinsa
e, nun salouco,
morre e nace? Canta.

Canta sen voz,
pon un silencio,
no medio dun compás
sen pentagrama.

Soa o son, sen son,
con campaíñas,
soa e cala,
cala e canta.

Entre brétemas e estrelas
berra e rosma,
repousa inquedo
nun berce de auga,

Son de ondas e de escuma,
estoupa e axorda.
O son sen son
cala e canta.

Concha L. F.
(Xuño-2010)
Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Varios - Publicado o 20-06-2010 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
Concha L. F.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0