A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

X - RETRATO



Se puidese pintar o amor,
empregaría o gris que coroa a túa fronte,
despexada de nubes,
mesturado co castaño e o verde
esluídos no branco co que miras
e agradeces agarimos...

Engadiría o dourado matiz
que o sol e o aire da mañanciña
deixan no manto que rodea
o teu sorriso...

E engadiría pálidas pinceladas,
zarrapicadas de estreliñas...
esas mesmas da caixiña
na que levas pechado
o vermello tesouro da túa grandeza.

E engadiría os perfís negros
do lapis co que resolves
cábalas e enigmas...

Se puidese pintar o amor,
pintaríao así,
coma ti,
coas túas cores.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 25-08-2010 06:07
# Ligazón permanente a este artigo
VI - QUEN?



Quen pendurou dos teus ollos
tan espesas e escuras tebras?

Quen borrou dos teus beizos
a liña branca da vida?

Quen puxo nos teus andares
pexa tan curta e ferinte?

Quen, con tan mala saña,
fendeu o manto que, un día,
con tanta fachenda levabas?

Ao mellor fun eu, probe de min!

Por dar luz aos meus ollos,
sen luz te deixei a ti.

Concha L. F.
Foto: "Caída". Xulio López

Comentarios (12) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 19-08-2010 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
XI - PARAÍSO


Pasa lene o silencio
rosmando entre as follas
mil cantigas esquecidas
e bambea as pólas
no berce da mañanciña.

Lene tamén pasa a soidade
sobre a herba,
a penas acariñada
polo voo temeroso dun gorrión
que sacia a súa fame
cunhas migallas de felicidade.







Foxen as ideas neste alento verde
e palpo o baleiro da miña pel,
núa agora de misterios e tempestades.

Neste paraíso vaise perfilando a silueta
dunha vida que durmía cando,
aínda sen raiar o día,
comezou a moverse o meu camiño.

Percibo os teus ollos sen mirarte
e escoito deambular
os teus pensamentos
sobre as lousas,
mentres agardas
que a soidade e o silencio se deteñan
e biquen os teus soños,
perdidos aínda entre as sabas.

Concha L. F.
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 16-07-2010 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
III - DÉIXAME...


Cando canse o vento de acariñar as follas da roseira
e por fin repouse calmo no colo da noite...
Cando o sol tinga de vermello o horizonte
e volva a lúa amosar os seus brancos peitos...

Cando as estrelas escriban no firmamento
historias de camiños sen fin...
Cando os grilos esperten o sono da herba
e os vagalumes iluminen as covas dos desexos...


Déixame ser o vento que acariñe os teus sentidos
e tinguir de vermello o teu ser...
Déixame amosarche a brancura dos meus peitos
e escribir no firmamento a historia do teu camiño...

Déixame ser o grilo que esperte o teu sono
e o vagalume que acenda a túa paixón...

Ti en silencio...
Eu en silencio...

Déixame, entón, amarte,
como se ama ao vento, ao sol,
á lúa, ás estrelas, aos grilos, aos vagalumes...

Déixame só amarte, como eu sei
e ámame,
como só ti sabes facelo.

Concha L. F.

Foto: Xulio López
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 24-06-2010 16:17
# Ligazón permanente a este artigo
IX - MARGARIDA



Houbo un tempo
no que esfollaba margaridas
á sombra da parra,
mentres voaban os soños
cara o poñente,
arrastrados pola airexa
quente do verán.

Houbo un tempo
no que uns dedos dilixentes
debuxaban natureza sen descanso
no inmaculado lenzo da mañá
e recollían o orballo das herbas
para refrescar a pel arroibada
pola calor
daquel amor primeiro.

Houbo un tempo,
si,
no que era libre.
Mais pechou a liberdade
as súas portas
cando prendín
a miña sombra nos cabelos
do vento.

Agora que quero querer libre,
libremente,
non atopo a chave
que abre o cadeado
e o meu corpo vaga espido,
fitando a inocencia
que esfollaba margaridas
á sombra da parra.

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 07-05-2010 15:17
# Ligazón permanente a este artigo
VIII - NOITE



Construín o meu soño con retallos da memoria.
Cada ladrillo, un paso.
Anégame o cansazo...

No camiño, ti,
auga que refresca,
regalando sorrisos e palabras.

Vou e veño polo corredor,
mirando de fito en fito
se a vida esperta e me sorprende,
aproveitando cada segundo de soidade
para gozar da túa esencia.

Tic, tac, tic, tac, tic, tac...
O reloxo segue,
esmorece o tempo,
as estacións mudan,
muda a xente.
Ti evapóraste, elévaste...
E desde o alto contémplasme,
coma a anxa redentora
da túa miseria.

Eu,
salvadora deste universo incerto
da realidade dun cigarro e dunha cervexa,
de horas en vela,
de traballos e de soños que se perden na espesura que me envolve,
agardo outra noite,
unha máis...

Nada manca.
Nada doe.
Só silencio,
esluído na escuridade.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (5) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 15-04-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
VII - PROCURA


Onde estás,
amor,
que non alcanzo a percibir o recendo dos teus labios?

Quizais a noite encheu de soños,
xenerosa, as túas mans
e os teus cabelos,
voltos do revés,
contan a historia verdadeira
que asoma
aos sucos da túa fronte.

Orfa de sangue a miña lingua
busca na escuridade a humidade da túa
e, desesperada,
espera unha pinga de zume que a resucite
e refresque o árido deserto
no que transita,
núa de palabras.

Concha L. F.
Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 29-03-2010 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
IV- LÍA


Lía no fondo dos teus ollos
a esperanza que te envolve.
Lía no espello da túa alma
que desexabas que te amase.
Lía, pero sei que é imposíbel,
aínda que a néboa desapareza
cando chegue o Sol
e morra de envexa
ao atopar a túa mirada.

Róubasme o tempo,
interrómpesme,
confúndesme.
Non é casual...
Ámasme, ámote...

Deixa que esta noite nos arrole
no berce dos soños e mañá,
co amencer, vaite.
Foi... fermoso.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (11) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 16-03-2010 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
V - ESPERTA!


Buscareite voando sobre os mares,
na Terra que bica o Sol,
a Lúa, as Estrelas...
E no aire que reina vixiante
serei semente, pole fecundo,
que aniñe na rosa amarela,
para deixar de ser,
sendo de novo,
alento mudado na beleza.
Vereite en cada flor,
en cada paxaro,
na escuma do mar,
en cada gran de area.
Vereite nas árbores e nas rochas,
nas augas dos ríos,
nas silveiras.
Vereite nos olliños inocentes
que reflicten a ledicia cada día...

Vereite, si, na vida enteira...
E gozareite, ao fin, na Eternidade,
cando o abrente disipe a brétema
e seremos dúas almas nunha...
Gozareite, si... Agora, esperta!

Concha L. F.

Comentarios (4) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 14-02-2010 06:57
# Ligazón permanente a este artigo
II - FEBRE





Axóuxere riseiro de ollos soñadores,
limpa fronte con sucos de esperanza,
ferventes mans que acariñan os sentidos,
regueiro incesante de outono e sabedoría,
enxeñeiro sutil da vida e das palabras...
Dáme esta noite escura e triste
orballo que refresque a miña alma.


Concha L. F.
Comentarios (2) - Categoría: Aros de fume-Faíscas - Publicado o 24-01-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Concha L. F.