A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

II - SILENCIO I



Cando fala o silencio,
calan as palabras
e cara as esquinas foxen
furtivas as miradas,
corta o aire o aceiro,
detéñense as bágoas
e enmudece o corazón
ferido polas picadas
que o silencio, sen piedade,
vai deixando marcadas.

Cando fala o silencio,
calan as palabras,
rachan os lenzos das fiestras,
entumécense as sabas,
retórcense as cadeiras,
atolda a luz das lámpadas,
xea a auga nas billas
e azóuganse as almofadas...

Cando fala o silencio,
calan as palabras.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 22-12-2009 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
I - EN BRANCO



Arrincou o vento
as follas do caderno,
levando consigo as palabras
que uns dedos inquedos
debuxaron
no seu inmaculado colo...
E voan as letras desordenadas
no aire inmenso do universo,
suspendidas nas nubes,
mudas, xordas
e cegas de destino...
Queixumes, bágoas,
xenreiras, soidades,
gratitudes, soños, esperanzas,
ledicias, sorrisos, aloumiños,
submisións, envexas...
Palabras, simplemente,
que espallan esencias
entre as dobreces
do silencio
das follas brancas.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 22-12-2009 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
V - INFINITO
Coa mirada perdida máis alá do infinito
miro desde a fiestra deste cuarto,
como se move ao seu capricho
a liña do horizonte,
debuxando no aire calmo da tarde
as siluetas da realidade.
Vexo xente ao lonxe
que agocha no peto
ilusións frustradas e proxectos...
Malvas e amarelos, verdes e vermellos soños
que van caendo inexorablemente
na arca das lembranzas,
coma a area do reloxo,
sen deterse...
E a man invisible do tempo
voltéaos unha e outra vez
para que unha e outra vez,
de novo, caian.

Apágase a tarde e pecho os ollos,
péchanse as portas da esperanza...

Este cuarto, branco e azul
coma o ceo do mediodía
envólvese na penumbra...
Móvense as rúas iluminadas
polos farois de novos soños
que rexurdirán co día
que agarda ao outro lado...
Efémero infinito no que se perden
as imaxes,
os segundos eternos da soidade,
deixando no delta da lembranza
sedimentos de tristura e de ledicia,
murmurios de vidas acabadas.

(A meu irmán Xosé Luís)
Concha L. F.
Comentarios (1) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 19-12-2009 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Concha L. F.