A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XIV - SE NON FOSE ASÍ


Sacudimos a alma de bágoas e temores,
cando os ventos da adversidade
arremuíñan as nosas augas e mantemos, firmes,
a mirada posta nun punto indefinido
que desprende minúsculas partículas
que se filtran cando inhalamos aire.
Sacudimos os soños de pesadelos
cando a luz esmorece e a noitebra
envolve o traxe que a terra nos doou
e miramos a escuridade cun sorriso
cómplice e paciente,
porque sabemos que nela aniña unha raiola,
premonición do albor.

Se así non fose, que sería da beleza
agochada no orballo,
nas ondas e nos montes?
Se así non fose, que sería dos arumes da infancia,
das roupas estendidas
polas mans que nos abrigaron
á calor da esperanza?
Se así non fose, que sería das imaxes e dos sons
ciscados na lembranza ?
Se así non fose, quen había soster
con pulso decidido a ledicia sobre a herba,
o alento nas ás das bolboretas,
e as plumas da paz presas
nas mans das crianzas?

Se non fose así, nin vós nin eu
estariamos aínda loitando
para que o sol do abrente
dilúa as pantasmas que camiñan
ao amparo da noite,
as que eclipsan o sorriso da lúa
que agarda serena ás estrelas,
para contarlle que,
entre a aurora e o solpor,
hai vida e que a vida,
entre o solpor e a aurora,
descansa.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (9) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 02-03-2010 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
XIII - ETERNIDADE

Voume espida de memoria,
de xenreiras, agravios e pesares,
de amargores, sombras e agoiros,
de morriñas, queixumes e soidades.
Voume espida de olladas furtivas,
de carreiras, de camiños interminábeis,
de verdades a medias, de silencios,
de medias mentiras, de desaires.
Voume espida de egoísmos,
de quincallas pesadas e inservíbeis,
de xoias finas e de abraiantes abelorios,
de ricos vestidos, de inútiles colares.

E volverei un día, vestida de nubes,
ataviada coas perlas da bondade,
coas xemas da esperanza e coa luz
que cada amencer anega o aire.
Volverei, portando no meu peto
os cantos da terra, dos xenerosos mares,
unhas muxicas de dozura e de sorrisos,
e as sementes do agarimo e da liberdade.
Volverei cando o tempo sexa transparente
coas mans cheas de ledicia,
para que poidas ser comigo,
meu amor, no infinito,
por fin... eternidade.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (10) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 20-02-2010 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
XII - BRÉTEMAS


Asomades,
brétemas imprudentes,
ao van da miña fiestra,
deixando estendido o voso manto
de humidade sobre as sabas
do meu leito.

Ousada escuridade,
mal sabes ti que o abrente poderoso
cubrirá de ouro o espertar
dos meus soños
e que a túa semente de auga
saciará a miña sede de sorrisos!

Non loitedes, brétemas, por entrar
na miña alma!
Un exército de aloumiños agarda
prendido nas ás do vento
para liberarme da tristura
que traedes na vosa saia.

Concha L. F.
Foto: Xulio López
Comentarios (8) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 11-02-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
IX - SEDE

Aquel fala e sorrí,
coa man na orella.
Aquela acende un cigarro,
volvendo a mirada.
Berra un neno,
a nai repréndeo.
Unha muller de aspecto estraño
carrexa o peso das viandas...
Ando as rúas en silencio
ollando a xente que pasa...
O enxordecedor son dos coches
e os seus lacerantes faros feren na pel,
envolvendo nunha brétema espesa
o meu corpo inconsciente.
Todo flota ao meu carón...
Ando errante nun mundo sen horizonte.

Neste deserto de asfalto
busco unha gota de chuvia
que sacie a miña sede de infinito.
Quero librarme das cadeas que me atan,
pero é de noite, coma sempre...
Noite pecha, escura,
preñada de presaxios innomeábeis.

Noite eterna, fría, silenciosa,
chea de pantasmas asexantes...
Buscaba...
unha gota de chuvia
neste deserto de asfalto
que saciase a miña sede de infinito...

Concha L. F.
Foto: Xulio López.
http://www.flickr.com/photos/23760547@N04/


Comentarios (5) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 30-01-2010 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
X - SUICIDIO


Miles de trades de finas e longas brocas
perforan o meu cranio,
desde a conca dos ollos ata o pescozo,
deixando un baleiro de sentimentos,
unha enchente de dor.
Atenázame un nó a gorxa,
lexións de vermes liban os zumes
do meu estómago e as sambesugas
percorren dun lado a outro as miñas veas,
famentas de sangue e de vida.
Pésanme os xeonllos,
os meus pes andan un camiño errático,
cheo de pedras nas que tropeza
o meu entendemento.
As miñas mans a penas reteñen
os poucos soños que me quedan.
Todo está cuberto de nubes grises
que ameazan treboada.
Hoxe espertei do meu sono
e a porta da gaiola segue pechada.
Os barrotes non me deixan ver
o resplandor do abrente
e o ceo proxecta sobre min
sombras de silencio e de ausencia.

É un bo día para subir nas ás da velocidade,
sen pensar en onte,
en mañá,
en agora.
É un bo día para anegarse en alcohol, en alcatrán...
É un bo día para atar ao pescozo
a soga da realidade e bambearse no infinito.
É un bo día para montar no lombo da morte
e iniciar o camiño,
sen retorno...

Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 28-01-2010 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
VIII - CANSAZO

Necesito dimitir, aquí e agora,
do frío do inverno,
da luz da primavera,
da calor de agosto,
do amarelo de outono,
da auga que alimenta o meu sangue,
do pan de cada día,
do aire que respiro,
das árbores e das bolboretas
que de flor en flor alimentan
as cores dos xardíns,
abandonados pola desidia
das mans cansadas de agardar solaz
que diminúa o seu cansazo.

Necesito dimitir das xentes que me adoran,
das que me odian...
e das que ven
horizontes de esperanza
no verde que cobre as campías
da miña inacabábel forza,
da miña infinita debilidade,
do meu sorriso limpo e xeneroso,
das miñas verdades a medias,
das miñas mentiras piadosas,
das miñas palabras.

Necesito dimitir do silencio e da soidade...
e encherme de silencio e soidade,
eu soa,
escoitando o son que outras voces,
con máis sabedoría ca min,
saben escribir nun pentagrama.

Necesito dimitir de min,
refuxiarme no escuro camiño do tempo
que me vai marcando
os segundos que me quedan
para ser, sen ser,
outro futuro,
outra primavera,
outra senda.

Pero...
percibo que o tempo mesmo
chama á miña porta
e téñoa que abrir
ao frío, á luz,
á calor, ao amarelo,
á auga, ao pan,
ao aire, ás árbores,
ás bolboretas, ás xentes...

Preciso só un respiro,
por favor,
preciso só un segundo...

Preciso dimitir, aquí e agora,
de todo,
só un instante...
Para volver ser sorriso,
bágoa, forza, debilidade,
silencio, mentira,
verdade e... palabra.

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)

Comentarios (6) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 26-01-2010 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
VII - INSOMNIO
Será que o sono me sorprendeu
coa alma descuberta
e se axitou a alma mesma entre as sabas.
Será que a noite floreceu
sen eu sabelo
e as flores cubriron de sombra os meus cabelos.
Será que o inquedo soño soñou
un soño verdadeiro
e esvaeceu o meu corpo no aire do cuarto.
Será que respiraba aos saloucos,
perseguida a miña pel
por mil pantasmas.
Será que o tempo de estrelas fuxiu
sen deixar rastro
e a escuridade pousou
a súa man sobre esta cama.
Será que, fugaz, achegouse
aos meus labios
un alento efémero e o meu ser
buscaba tras os lenzos alento interminábel.
Será, tal vez, que emprendín
a dura carreira de fondo
cara ao incerto abismo
da miña soidade
e os meus pés, sedentos de repouso,
seguen aínda errantes...
Será que, sendo, non son eu
quen durme cada noite
sen durmir
e esperta á madrugada
co primeiro son do orballo,
sen un sorriso
ao outro lado da almofada.

Concha L. F.
Comentarios (3) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 11-01-2010 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
VI - SILENCIO III

Teño prohibido pronunciar ese nome.
As mans de ferro que me prenden
ábrense coa primeira luz
e proxéctanse sobre min,
inquisidoras,
buscando entre os xestos da pel
os sinais dunha fuga.
Teño prohibido pronunciar ese nome.
Pola obra e pola graza da fortuna
foime dado o don da palabra,
mais traga a miña lingua
os restos de miradas,
deixando no padal o amargor do silencio.
Teño prohibido pronunciar ese nome,
fitalo mentres camiña,
acariñado polos sons que o vento
deixa nas follas e nas augas.
Teño prohibido pronunciar ese nome,
e ata pensalo teño prohibido.
Non vaia ser que a Terra esperte
e o seu seo
cuspa a furia desatada
polos soños esquecidos
e o azul se fenda por mil raios.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 04-01-2010 08:15
# Ligazón permanente a este artigo
IV - SILENCIO II



Fonda poesía de silencio,
en silencio parida e aleitada,
poesía taciturna que expresa
o que a mudez, covarde, cala.

Calada e silandeira poesía,
beleza no silencio afogada,
murmurio silencioso, mudo son,
segredo que durme na almofada,
berro acalado pola ausencia,
poesía no silencio soterrada.

Serei encuberta poesía,
silente rima inacabada,
cando o silencio eterno chegue
e pronuncie a última palabra.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 27-12-2009 07:48
# Ligazón permanente a este artigo
III - PROHIBICIÓN


Prohibe quen coas súas palabras mata.
Prohibe quen cos seus feitos fere.
Prohibe quen, polo seu egoísmo, morre
afogando as paixóns que desata
a súa propia vaidade e, na súa loucura,
arrastra tras de si a quen pretende
prohibir tanto egoísmo, pois entende
que egoísmo e vaidade son cordura.
Pero, quen prohibe, ten prohibido
seguir prohibindo cando, ao cabo
a morte consigo, no seu último latexo,
leve tanta prohibición e menoscabo
da nosa liberdade e dea o seu merecido
a quen por prohibir, vivir estalle vetado.

Concha L. F.
Comentarios (0) - Categoría: Aros de fume-Brétemas - Publicado o 23-12-2009 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Concha L. F.